Opinión

Balance. Impulso

Feijoo salta do barco fuxindo da súa incapacidade para levalo a porto. Finalizada a lexislatura da incompetencia, o lingüicidio e a prestidixitación orzamentaria, convoca eleccións sen nada que ofrecer ao electorado. Este é Feijoo, o presidente dun goberno anémico que non tivo fol para traballar máis que oito meses ao ano pechando os exercicios orzamentarios á volta do verán.

Feijoo salta do barco fuxindo da súa incapacidade para levalo a porto. Finalizada a lexislatura da incompetencia, o lingüicidio e a prestidixitación orzamentaria, convoca eleccións sen nada que ofrecer ao electorado. Este é Feijoo, o presidente dun goberno anémico que non tivo fol para traballar máis que oito meses ao ano pechando os exercicios orzamentarios á volta do verán.  Un presidente en contínua xira por Madrid e as comunidades autónomas nas que o PP poidera ter eleccións, fuxindo do día a día en Galicia. Un dirixente ao que lle convoca as eleccións Rajoy.  Un presidente cun magro balance para amosar.

Menos empregados; escolas con menos mestres e aulas; hospitais parados; co sector eólico desmantelado tendo que indemnizar ás empresas pola súa premeditada desviación de poder; co atraco das preferentes en marcha; sen sector financeiro propio; coa rede de escolas infantís pública e de residencias de maiores en mans de empresas privadas; sen noticias das fabulacións sobre a fábrica de baterias para automobeis no mesmo camiño que parece que van seguir os anuncios dos barcos de PEMEX...cos orzamentos sen facer e as facturas debaixo dos cobertores. Normal que teña presa por rematar esta inmensa nada.  Un mandato esquecible dun goberno inexistente.

"Normal que teña presa por rematar esta inmensa nada.  Un mandato esquecible dun goberno inexistente".

 

Un mandato en que desapareceron as matemáticas en galego no ensino e os xornais A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Vieiros ou A Peneira.  No que se desmontaron con interesado empeño o Consorcio Galego de Benestar, os programas de prevención de incendios e de apoio ao sector agro-gandeiro, as estruturas de apoio autonómico á I+D, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, as políticas de apoio á cultura.  Un periodo en que se desbaldaron moitos cartos coa anulada licitación da Autovía da Costa da Morte para encarecela en varios centos de millóns; en que se privatizou a construción de hospitais e centros de saude endebedando perigosamente aos futuros gobernos e aumentado vertixinosamente os custes dos proxectos; no que se prescindiu de mais de dous mil ensinantes nas etapas educativas obligatorias e se asfixiou irreversibelmente ás universidades no seu labor docente e investigador.  Unha lexislatura en que da garantía dos dereitos das mulleres pasamos á Red Madre; do software libre pasamos a contratos millonarios con empresas multinacionais con sistemas de licencia; da ampliación e garantía de construción de vivenda protexida voltamos ao mercado de vivenda especulativo.  Un tempo en que Corcoesto, Barreiros, Cabo Touriñan ou o Courel saltan aos medios por prácticas depredadoras da paisaxe e os recursos naturais amparadas desde o goberno.  Un tempo que temos que deixar atrás.

Hai alternativa. Hai outras formas de facer política e de traballar polo benestar da cidadanía desde a esquerda nacionalista.  Sen sometimento aos poderosos ou a intereses alleos. En Bruxelas, Santiago, Madrid, Tomiño ou Pontevedra estase poñendo en práctica, facendo propostas e defendendo esa outra política.  A das solucións para os sectores e cidadáns que sofren a crise polas decisións duns gobernos decididos a completar unha contrarreforma económica aos que se lles contrapoñen medidas para que o noso sector naval poida producir en igualdade; a dación en pago; o apoio ao sector lácteo; o aumento do gasto en I+D; a defensa dos medios públicos de comunicación; o pago do IBI pola Igrexa; un modelo comercial ordenado territorialmente, sostible socialmente e non vampirizado polas grandes distribuidoras comerciais; un sistema eleitoral limpo, xusto e adaptado á estrutura territorial; a igualdade de xénero ou o apoio aos dereitos máis básicos dos inmigrantes no Congreso dos Deputados a través das iniciativas dos deputados Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila que, como ben sabe o impresentable deputado do PP Collarte, desenvolven un intenso labor para poñer en práctica o programa polo que foron elexidos.

A política da ética no desempeño dos cargos públicos, a defensa do noso sector pesqueiro, a saude dos nosos ríos ou a presenza internacional de Galiza realizada pola nosa eurodiputada Ana Miranda ante as institucións comunitarias. 

A da incidencia nos ingresos para dispor de fondos para necesidades perentorias co plan alternativo para arrecadar 100 millóns de euros; a da defensa do aforro galego e da nosa capacidade financeira co mantemento das caixas de aforro, o impulso da banca pública ou a loita contra a expropiación perpetrada coas preferentes; a da denuncia pola desmantelación de servizos sociais, comedores, ensino, centros de saude; a do continuado apoio á nosa lingua no Parlamento galego. 

No sindicalismo máis combativo que paga con condeas de cárcere a defensa dos dereitos laborais no naval, nas Asociacións de Pais e Nais, en SOS SANIDADE PÚBLICA, nos colectivos das preferentes,  xunto a outra xente, contribuindo a que a sociedade se organice na defensa dos seus dereitos. Ese traballo social nutre políticas transformadoras. Integrando a loita contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, o mantemento das pagas extras no emprego público ou a creación de redes contra a pobreza na acción de goberno.


"Hai alternativa. Hai outras formas de facer política e de traballar polo benestar da cidadanía desde a esquerda nacionalista".

 

Non son casualidades a rexeneración urbana de Pontevedra ou Allariz; a defensa da nosa cultura e patrimonio en Rianxo ou Carballo; a protección dos espazos naturais de Carnota; o apoio ao cooperativismo hortícola de Tomiño; tampouco o foron as políticas de impulso da cultura propia, a limpeza na adxudicación eólica, os contratos para garantir prezos xustos no sector leiteiro ou a rede de galescolas e servizos no rural das consellerías nacionalistas do bipartito.  Son froito da vontade colectiva dunha organización que ten eivas, na que faltan compañeiros e compañeiras para sumar esforzos, pero que xa está preparada para ofrecer alternativas transformadoras para a nosa sociedade.

Non fagamos bo aquel triste título dun libro de denuncia da violencia de xénero "mi marido me pega lo normal".  Tratemos ben a Galiza. Este é o momento. Xa nos zouparon dabondo nesta lexislatura.

Comentarios