Opinión

Balance do Goberno de Feijóo: a farsa do tren de alta velocidade

Despois de tres anos e seis meses da Xunta de Feijoo, é hora de facer balance. Preséntase por parte do PP como una boa xestión o que foi o peor goberno da historia de Galiza. Feijoo non actúa como presidente da nosa nación senón como un Delegado do Goberno de Madrid, sempre submiso ás directrices de Rajoy.

Despois de tres anos e seis meses da Xunta de Feijoo, é hora de facer balance. Preséntase por parte do PP como una boa xestión o que foi o peor goberno da historia de Galiza. Feijoo non actúa como presidente da nosa nación senón como un Delegado do Goberno de Madrid, sempre submiso ás directrices de Rajoy. Para sinalar a data das eleccións ao Parlamento Galego para o 21 de outubro de 2012 non tivo en conta máis que o interese partidista do PP. Foron, realmente, Patxi López e Rajoy os que decidiron.

A través de varios artigos vou tratar de facer un balance do goberno de Feijoo, subliñando as súas mentiras e aqueles datos que axuden a descubrir o retroceso que tivemos nestes últimos anos nas infraestruturas, sanidade, ensino, servizos sociais, etc.

Alberto Núñez Feijóo, como concelleiro da COTOP (substituíu a Cuíña despois da catástrofe do Prestige) estaba alí, apoiando ao presidente Aznar, no palacio municipal de María Pita da Coruña o 24 de xaneiro de 2003. Foron recibidos con entusiasmo polo alcalde do PSOE, Francisco Vázquez, naquel consello de ministros que aprobaba o chamado Plan Galicia e os prazos de execución: o tren de alta velocidade faría en 2010 o traxecto A Coruña-Madrid en 2 horas e 48 minutos e o Eixo Atlántico estaría rematado en 2007.

Feijóo foi desde o primeiro momento un actor destacado na farsa do tren de alta velocidade. Durante anos o PP utilizou o Plan Galicia como arma electoral, sabendo que non se cumprirían os prazos aprobados. En xullo de 2004 Feijóo declaraba: “Co AVE non pode ocorrer o mesmo que coas autovías de conexión coa Meseta”. Mais a realidade é que se repite a mesma historia porque o Parlamento Galego esixía por unanimidade en abril de 1990 a finalización das autovías de enlace coa Meseta en 1993. Seis meses despois o presidente Fraga e o ministro de Obras Públicas, Sáenz de Cosculluela asinaban outro pacto, que cualificaban como histórico, para que as obras estivesen rematadas en 1995. Todo foi unha farsa porque as obras desas autovía finalizarían en 2001.

Non aprendemos a lección e PSOE e PP estiveron tomándonos o pelo, aprobando sucesivas declaracións institucionais, que nunca se cumpriron. Lembremos esta historia. En decembro de 1995 o Parlamento Galego probaba por unanimidade o Plan de Modernización do Ferrocarril Galego, que non se cumpriu. En decembro de 2000 o presidente Fraga e Álvarez Cascos, como ministro de Fomento, anunciaban eufóricos que as obras do AVE até Madrid estarían finalizadas en 2007. O Congreso dos Deputados aprobaba en xuño de 2004 a finalización do Eixo Atlántico para 2007 e a conexión coa Meseta en 2009; outra moción do Congreso en maio de 2005 aprobaba que o tran de alta velocidade Ourense-Vigo por Cerdedo estaría rematado en 2009.

Feijóo declaraba o 15 de abril de 2009 no seu discurso de investidura como presidente da Xunta: “Non seremos cómplices de máis atrasos”. Feijóo asinaba co ministro de Fomento, Xosé Blanco, o chamado Pacto do Obradoiro o 21 de xullo de 2009, exactamente oito anos despois de que Fraga, Aznar, Álvarez Cascos e Xosé Cuíña colocasen a primeira travesa do Eixo Atlántico. Ese pacto do PSOE e PP, que atrasaba até finais de 2015 a chegada a Galiza do tren de alta velocidade, foi definido por Feijóo como un “éxito” e un “acordo histórico”, engadindo que “o pacto está blindado”.

Por outra parte, non hai nin proxecto para a nova liña Ourense-Vigo, por Cerdedo. O Eixo Atlántico non chega a Ferrol. Das liñas A Coruña-Lugo, Ourense-Lugo e Monforte-Ponferrada nin se fala.

Coa chegada do PP ao goberno central en novembro de 2011 as cousas cambian. Resulta que non está nada blindado e que o Pacto do Obradoiro foi unha mentira máis. O problema de fondo non é agora se a alta velocidade chegará desde Galiza a Madrid en 2018, como anunciou Rajoy en Soutomaior o pasado 1 de setembro, senón que tanto PP como PSOE levan máis de dez anos enganándonos e cando fan novas promesas, en función de intereses electorais e partidistas, a súa credibilidade é nula.

Comentarios