Opinión

Balance do Goberno de Feijóo (4): Recorte das prestacións sociais.

Ademais dun deterioro da sanidade e do ensino publico, o Goberno de Feijóo aplicou unha política de recorte das prestacións sociais, que afecta aos máis desfavorecidos: desempregados, dependentes, pensionistas, inmigrantes, etc. Todo isto fai que aumenten as desigualdades e a pobreza. Asistimos a un auténtico desmantelamento do Estado de Benestar. Lembremos que o presuposto da Xunta para 2012 é de 9.

Ademais dun deterioro da sanidade e do ensino publico, o Goberno de Feijóo aplicou unha política de recorte das prestacións sociais, que afecta aos máis desfavorecidos: desempregados, dependentes, pensionistas, inmigrantes, etc. Todo isto fai que aumenten as desigualdades e a pobreza. Asistimos a un auténtico desmantelamento do Estado de Benestar. Lembremos que o presuposto da Xunta para 2012 é de 9.135 millóns de euros, semellante ao de 2004, e que hai un recorte de 52,4 millóns de euros en sanidade, educación e benestar.

Coas medidas tomadas polo goberno de Rajoy, que aplica o goberno galego, máis de 90.000 galegas e galegos verán reducidas as súas prestacións por desemprego: 50.000 persoas sufrirán un recorte dun 20% nas súas prestacións contributivas por desemprego ao reducirse de 60 ao 50% a porcentaxe da base reguladora que percibe o traballador a partir do sétimo mes de empezar a cobrar o paro; 21.000 verán como se reduce o subsidio mínimo que están percibindo e máis de 20.000 estarían afectados polo recorte do subsidio previo á xubilación, que antes era para maiores de 52 anos e agora para maiores de 55. Estes recortes afectarán a tres de cada catro cidadáns galegos que perciben algún tipo de subsidio ou prestación por desemprego, dos que o 54% verán sensiblemente recortada a súa prestación, segundo denunciaba o PSOE de Galicia.

Segundo o Colexio de Traballo Social, na Galiza hai 94.251 persoas en situación de dependencia e con dereito a prestación e son máis de 25.000 as que non a reciben. En 2012 a achega do Estado a Galiza baixou un 46% e un 14% a da Xunta respecto a 2011.

A deputada do BNG Ana Luísa Bouza denunciaba que cos novos recortes elimínase a subvención para a cota da Seguridade Social (unha media de 165 euros ao mes) de máis de 15.000 persoas que fan de coidadoras de dependentes. Co teito do gasto financeiro aprobado polo Parlamento Galego, só cos votos do PP, haberá un recorte adicional de 691 millóns de euros respecto ao ano 2012, é dicir, un 75% do orzamento consolidado da consellería de Traballo e Benestar.

A Xunta de Feijóo aceptou submisamente que o Goberno do PP reducise en 21,5 millóns de euros o financiamento da dependencia de Galiza, que correspondería ao Goberno Central (a redución para o conxunto do Estado foi de 300 millóns de euros). Tamén caeu un 80% o orzamento do Plan Concertado, que prestaba atención a domicilio aos dependentes.

Seguindo a política de recortes de Rajoy, o goberno de Feijóo anula un gasto de 62,6 millóns de euros, contemplados nos orzamento da Xunta, para partidas sociais ou formativas (44,3 millóns corresponden á consellería de Traballo e Benestar). A consellería de Presidencia contaba con 1,2 millóns de euros para programas de apoio á inmigración, que non chegarán a Galiza.

Feijóo manifestaba publicamente o seu rexeitamento ás políticas de axuda ás persoas dependentes: “Intentar hacer el cuarto pilar del Estado del Bienestar cuando se estaban tambaleando los tres vigentes, fue una irresponsabilidade histórica”.

Galiza ten 733.277 pensionistas, o 8,2% do total do Estado. A pensión media galega é de 697 euros ao mes, a máis baixa das 17 comunidades autónomas. No Estado español a pensión media é de 948 euros; en Euskadi de 1.027 , en Asturias de 986, en Madrid de 984 e en Navarra de 943 euros ao mes.

Por primeira vez na historia da democracia haberá copago sanitario para os pensionistas (en realidade é un repago porque xa se pagan os impostos para ter unha atención sanitaria), que abonarán un 10% do prezo dos medicamentos con receita, até un máximo de 18 euros mensuais. Os que teñan pensións anuais inferiores a 18.000 euros, pagarán un máximo de 8 euros ao mes. O transporte non urxente, que realizan miles de persoas para realizar diálise, quimioterapia, radioterapia ou rehabilitación, será pagados polos usuarios, na mesma porcentaxe que os fármacos. Tamén as próteses que se mercan en farmacias  ou tendas especializadas como corsés ou muletas, e as sillas de rodas, serán abonadas polo enfermos.

A partida dos presupostos da Xunta dedicada aos inmigrantes descendeu un 55%. As restricións na asistencia sanitaria aos inmigrantes foron denunciadas polo Foro da Inmigración, Plataforma SOS Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e Médicos do Mundo, que esixían a retirada inmediata do Decreto:

“Consideramos inaceptábel a decisión do Goberno de suprimir o dereito de asistencia sanitaria aos inmigrantes sen papeis e que este colectivo subscriba unhas pólizas de seguros sanitarios para recibir asistencia sanitaria. As persoas menores de 65 anos pagarán 60 euros mensuais e os maiores desta idade 155 euros.

Denunciamos que esta argumento é absolutamente falso xa que os inmigrantes sen papeis contribúen ao sostemento da sanidade pública pagando os impostos que gravan o consumo que realizan na súa vida cotiá, nas mesmas condicións que o resto de cidadáns. As declaracións para xustificar a medida contribuirán a un clima de xenofobia, incompatíbel coa democracia e o benestar social.

Este Decreto introduce pola porta de atrás os seguros sanitarios privados. Preténdese así acabar coa universalidade á atención sanitaria vinculado á residencia no Estado. Comézase por un dos colectivos sociais máis débiles política e socialmente e logo estenderase ao resto da poboación”.

Coa crise e os recortes sociais aumenta a pobreza. Segundo a Rede Galega contra a Pobreza, na Galiza hai xa 111.305 persoas que sofren privación material severa. Unha familia galega dispón de 23.724 euros ao ano como media (1.166 euros por debaixo da media do Estado). Preto de 245.000 familias galegas ingresan ao mes menos de 1.000 euros: 20.740 familias teñen uns ingresos mensuais de menos de menos de 400 euros; outras 48.000 teñen uns ingresos entre 400 e 600 euros e 176.168 familias (o 16% do total) ingresan mensualmente entre 600 e 1.000 euros.

A última EPA coñecida indicaba que 83.700 familias galegas teñen todos os seus membros en paro, multiplicando case por dous as 44.500 familias que había nesa situación no terceiro trimestre de 2009, cando o goberno de Feijóo inicia o seu mandato.

O 14,42% dos fogares galegos están en risco de pobreza, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Este concepto fai referencia é media dos ingresos por núcleo familiar. Considérase que están nesta situación aqueles fogares cunha soa persoa que ingresan menos de 603 euros ao mes; que teñen dous adultos e menos de 902 euros ou que se compoñen dunha parella con fillos e uns ingresos mensuais inferiores a 1.200 euros.

O goberno de Feijóo tomou outras moitas medidas, que afectan aos servizos sociais: o prezo das escolas infantís subiu un 19% para a metade das familias; a partida dedicada aos sen teito pasou de 375.000 a 150.000 euros; a axuda a domicilio baixou un 5% no ano 2011; o presuposto destinado ás familias acolledoras pasou dun millón a menos de 200.000 euros. En definitiva, Feijóo desmantela os servizos públicos galegos, cuxa xestión é traspasada, en moitas ocasións, a empresas privadas.

Comentarios