Opinión

Balance do Goberno de Feijóo (2). A saúde como negocio.

O título do libro colectivo, que coordinou o doutor Pablo Vaamonde, recolle perfectamente o que foi a filosofía da política sanitaria do goberno de Feijoo: “A saúde como negocio” (Edicións Laiovento).O total do recorte do gasto sanitario público nesta lexislatura supera os 1.000 millóns de euros. En 2009 o presuposto de sanidade era de 3.656 millóns de euros e de 3.531 no ano 2012.

O título do libro colectivo, que coordinou o doutor Pablo Vaamonde, recolle perfectamente o que foi a filosofía da política sanitaria do goberno de Feijoo: “A saúde como negocio” (Edicións Laiovento).

O total do recorte do gasto sanitario público nesta lexislatura supera os 1.000 millóns de euros. En 2009 o presuposto de sanidade era de 3.656 millóns de euros e de 3.531 no ano 2012. En atención sanitaria o recorte foi de 208 millóns de euros: 188 millóns en Atención Primaria, pasando de 1.437 millóns de euros en 2009 (representaba o 13,1% do orzamento sanitario total) a 1.249 no ano 2012 (11,4%), e 20 millóns de euros en Atención Especializada. Nos dous últimos anos (2010 e 2011) o PP recortou un 22% o orzamento de Atención Primaria. O capítulo de investimentos pasou de 150 millóns de euros en 2009 a 58 millóns no anos 2012. Como resultado destes recortes o orzamento sanitario público galego pasou de representar o 6,6% do PIB en 2009 ao 5,7% en 2011.

O PP paralizou a aplicación do Plan de Mellora de Atención Primaria (tiña un presuposto de 68 millóns de euros), que trouxo como consecuencia a paralización da posta en marcha de 66 centros de saúde, 385 praza de enfermaría, 193 de médicos de familia e 40 de pediatría.

Estes recortes no orzamento da sanidade pública provocou que o gasto por habitante sexa de 1.262 euros (Euskadi dedica 1.640 euros), por debaixo da media do Estado, e que Galiza ocupe o décimo lugar no conxunto das Comunidades Autónomas.

Feijoo defende a privatización da sanidade pública e que se limite a xestión pública a operacións e probas diagnósticas. Chegou a dicir que “Darle la comida y hacer la cama a un paciente, eso no es sanidad”. Haberá que pagar por comer e ducharse nos hospitais públicos?

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocaba una manifestación o 3 de xuño de 2012 contra os recortes e a privatización da sanidade pública: “As medidas de recorte tomadas polo Goberno Central, coa complicidade da Xunta de Galicia, introducen cambios fundamentais no sistema sanitario público que atentan contra a universalidade, a accesibilidade, a equidade e o carácter redistributivo da Sanidade Pública, e supoñen o inicio dunha contrarreforma sanitaria”.

O deterioro da sanidade pública galega é evidente. Só o 11,8% das persoas que demandaron asistencia en centros especializados recibiu a atención en 15 días, cando a media do Estado é de 15,8%. A nivel de Estado, Galiza ocupa o décimo quinto lugar. Durante os tres meses do verán pecháronse 670 camas de media, distribuídas en 14 hospitais.

O Real Decreto-Lei 16/2012, de 20 de abril, é un atentado contra o actual sistema  sanitario, regulado desde 1986 pola Lei Xeral de Sanidade. Recupera a figura do “asegurado”, que limita o acceso aos servizos sanitarios. O actual Sistema Nacional de Saúde (SNS), cunha sanidade universal e gratuíta, é un importante elemento de cohesión e xustiza social. O goberno de Feijóo, o mesmo que Rajoy, pretende acabar con estas conquistas e que haxa dous tipos de asistencia sanitaria: una para ricos, que poderán pagarse una póliza privada, e outra para os pobres, que só poderán acceder a unas prestacións básicas.

Pablo Vaamonde explica moi ben cal é o obxectivo desta contrarreforma: “A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno (e pola autonomías afíns) para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto notable na calidade asistencial e nas condicións laborais dos sanitarios. O obxectivo real non é reducir o gasto público senón conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados. Non tratan de procurar eficiencia nin garantir a continuidade do sistema, como afirman de forma enganosa; o que pretenden é crear espazos de negocio que permitan xerar ganancias a expensas do diñeiro público”.

A construción do novo hospital de Vigo está a converterse nun gran negocio. A través dun sistema de concesión (PFI: Iniciativas de Financiamento Privado) a empresa que ten a concesión constrúe o hospital que despois xestiona durante 20 anos. A Administración deberá pagar un canon polo alugueiro desas instalación e polos servizos de mantemento. Está probado que a construción dun hospital con este procedemento sae moito máis cara que polo modelo tradicional e, ademais, condiciona a planificación sanitaria aos intereses do capital privado.

Segundo a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Vigo, “o contrato do novo hospital foi adxudicado a un consorcio integrado por Acciona, Puentes y Calzadas, Altair Ingeniería y Aplicaciones, Concessia Cartera y Gestión de Infraesttucturas e OCA (Obras, Caminos y Asfaltos), e nel consígnase que o custo final da obra, 1.795 millóns de euros, multiplica por sete o custo inicial de 250 millóns. Ás empresas concesionarias garánteselles un beneficio empresarial do 8% sen ningún risco, cédeselle a explotación comercial do aparcadoiro estimada en 250 millóns de euros as tendas e locais comerciais.

A pesar do brutal aumento do custo, o proxecto do hospital sufriu importantes recortes para facelo máis atractivo como negocio aos adxudicatarios privados, polo que as camas pasaron de 1.460 a 900; a superficie construída reduciuse 28.000 metros cadrados, elimináronse os módulos de Investigación e docencia, e as unidades de Ciruxía Maxilofacial e Queimados quedan en mans do hospital privado POVISA.”

Quen están detrás das privatizacións de sanidade e deste fabuloso negocio? A consultora contratada para asesorar na adxudicación do novo hospital de Vigo foi Price Waterhouse Coopers (o ministro Luis de Guindos era, daquela, o xefe dos servizos financeiros), que recibiu 220.000 euros da Xunta. No consorcio empresarial que xestiona este hospital ten un papel relevante o Grupo Ribera Salud, constituído por CAM (vendida ao Banco Sabadell) e Bancaja (integrada en Bankia). Este grupo xestiona xa 28 hospitais e 100 centros de saúde no Estado. Dirixentes do PP e familiares participan neste grupo e en Capio Sanidade, multinacional sueca que mercou os centros sanitarios de Ribera Salud: Manuel Lamela, exconselleiro de Sanidade de Madrid; Rodrigo Rato é accionista; un dos xestores é Ignacio López del Hierro, marido de Dolores De Cospedal; a subdirectora de investigación é Teresa Echániz Salgado, curmá de José Ignacio Echániz, conselleiro de Sanidade e Asuntos Sociais de Castela-A Mancha.