Opinión

Avoíña, que orellas tan grandes tes!

Sermos Galiza non poderá acollerse ás axudas destinadas aos medios de comunicación que se expresaren en galego. E iso porque o goberno da Xunta decidiu que non puidesen beneficiarse de tal apoio os medios que nacesen durante o presente ano.

Sermos Galiza non poderá acollerse ás axudas destinadas aos medios de comunicación que se expresaren en galego. E iso porque o goberno da Xunta decidiu que non puidesen beneficiarse de tal apoio os medios que nacesen durante o presente ano. En épocas de recorte, a Xunta ten medo de desbaldir recursos nos proxectos que van xurdindo para crear un espazo galego de comunicación mais non o ten de financiar aqueles medios afíns que se expresan integramente en español. Esta medida retrata, no eido informativo, o acontecido desde que o PP tomou o poder. Todas as iniciativas para normalizarmos a nosa lingua foron cortadas de raíz. Resulta ben curioso que no ano 2013, cando o día das letras galegas se dedica a Roberto Vidal Bolaño e, daquela ao teatro −o xénero por excelencia da intervención social−, os equipos de normalización lingüística tamén sufran recortes. A intervención existe, aínda que contraria aos intereses normalizadores e vai causar precisamente que enmudeza a actividade teatral "popular", a realizada por grupos afeccionados en asociacións culturais, ou polo alumnado dos centros de ensino. Finalmente mesmo as propias asociacións culturais están ameazadas e os centros de ensino contarán con menos persoal que nunca.


A anécdota do que acontece cos medios de comunicación é só un botón de mostra desa dinámica do medo que se está a instalar na sociedade porque esta semana, no Congreso, o actual presidente do Estado español anunciaba medidas propias dun estado de excepción sen que a voz se lle quebrase. Nas redes sociais difundíase a imaxe da ministra italiana ao anunciar os recortes −tensa, contraída e chorando−, mentres Soraya Sáenz de Santamaría aparecía como unha auténtica estrela do celuloide coa cabeza repousando na man, relaxada e feliz. Esa performance dos gobernantes que padecemos −a pose tesa como un buxo− resulta ben indicativa da súa inflexibilidade e insensibilidade.

Suprímese unha paga ao funcionariado? Será para ouvirte mellor. Que se sobe o IVE até o 21%? Será para verte mellor. Que se baixa a prestación por desemprego ao 50% a partir do sexto mes? Será para incentivar a procura activa de emprego. Esas decisións funestas, destinadas a aforrar 65.000 millóns de euros en dous anos quizais poderían ter algún tipo de xustificación nun contexto de guerra, por exemplo. Mais son unha inmoralidade nun estado que presta axuda á banca e permite impunemente a evasión fiscal das grandes rendas. Porén ao presidente do goberno non lle treme un músculo. Desde os seus escanos as señorías do PP aplauden e só lles falta berrar "to-re-ro". Con ese chulerío de quen vai matar un animal, así se chanta o presidente. O caso sería simplemente patético se non tivese consecuencias nas nosas vidas. Se non as cambiase a peor. As imaxes da manifestación en defensa dos mineiros asturianos dan conta, no entanto, dunha revolta que se vai xestando, que amasa indignación e que un día debe estouparlle na cara ao lobo feroz.

Comentarios