Opinión

Avoa: déchesme un mundo, un corazón, unha lingua

1º PANO Cae a tarde. O medo é un gato que baixa dos tellados e tropeza coas mans da miña avoa, mariñeiras e labregas. O primeiro, pola amplitude da súa palma, o segundo pola quentura e a redondez das súas xemas. Santíguase e bícame a min, que son aínda gran de centeo sen moer. Abráiase da sordidez do mundo. Fía na agulla de zurcir as teas todas.

1º PANO

Cae a tarde. O medo é un gato que baixa dos tellados e tropeza coas mans da miña avoa, mariñeiras e labregas. O primeiro, pola amplitude da súa palma, o segundo pola quentura e a redondez das súas xemas. Santíguase e bícame a min, que son aínda gran de centeo sen moer. Abráiase da sordidez do mundo. Fía na agulla de zurcir as teas todas.

2º PANO

Abre o día e ela dorme, ao fin, tras longa noite deambulando, ollando os seus recordos. As sombras escurecen os seus ollos azuis, polo pai muradán. Sentiu o grolo acedo da fame propia e allea. Non son os outros, neniña, somos todas nós. Hai que se axudar!! Que veñas aquí, oh!!!

3º PANO

Por la señal de la santa cruz- soaba o seu pranto-rezo- no desleixo dunha xuventude tronzada pola guerra e a pos-guerra. Como agora, non sabe ben que pasou, que está a pasar. Láiase e quéixase,mais a vida haina que vivir loitando.

4º PANO

Por todas as mulleres sen brillo xa nos ollos e aínda con tanta vida por diante. Animais!!! Esa inxustiza sen nome que doe e que nos bate. Terrorismo machista, avoa, chamarémoslle así. As cousas polo seu nome.

5º PANO

O avó era un bo home, cando casamos díxome: miña costela, non quero que sufras dos pés, non poñas tacóns, iremos ao gaiteiro e ti coas túas zapatillas. Eu tiña os pés zampos e non aturaba os tacóns. E así foi. Un bo home, iso foi o teuavó.

6º PANO

Non era capaz de comer bocado con todos aqueles cregos sentados á mesa. Malia que tivese fame, pois xa era hora do xantar, eu non era quen de baixar ren por medo dos seus hábitos na altura.

7º PANO

Santa Bárbara, bendita, que no ceo estás escrita con auga bendita; líbranos desta tronada e que non teñamos mal. Por Deus, nenas, non faledes alto, que imos ir todas présas. Cá, que ía rematar a guerra. Non sexades tolas, nada cambiou. Hai ollos e oídos por todos os currunchos.

8º PANO

Que as netas fuman: tamén había eu de fumar un puro se estivese na Habana con Fidel.

9º PANO

Xa non hai amor. A xente non che axuda como antes. Non che convidan a un xantar, non acoden como antes. Por la señal de la santa cruz… e por todas as almiñas do purgatorio.

Comentarios