Opinión

Ávida de galeguidade

Entre o 4 e o 12 de Outubro celebráronse, como todos os anos, as festas do San Froilán, en Lugo, sen hipérbole as máis populosas e populares de toda a nación. Nesta edición, tiven a honra de ser a súa pregoeira e puiden dispor dalgún tempo para asistir a varias das actividades previstas no programa.

Entre o 4 e o 12 de Outubro celebráronse, como todos os anos, as festas do San Froilán, en Lugo, sen hipérbole as máis populosas e populares de toda a nación. Nesta edición, tiven a honra de ser a súa pregoeira e puiden dispor dalgún tempo para asistir a varias das actividades previstas no programa. Elementos do PP xa se encargaran de tentar desacreditalas, por “demasiado gallegas”, visto que do responsábel municipal de Cultura, o Tenente de Alcalde Antón Bao, dependeu a súa organización. Van intento. A asistencia masiva ás actuacións musicais, o ambiente da rúa, a contratación privilexiada de artistas femininas, a ampla acollida de grupos e solistas do país…: velaí o certificado de calidade e de éxito dunha programación que merece todos os parabéns e que se ergueu, digna e multitudinaria, como un valioso baluarte face a tanta españolización, a tanta fábrica de despersonalización como a que se imparte desde a Xunta de Bois e de toda a súa aparataxe mediática.

Quixera que todas-os connacionais puidesen ter asistido, por exemplo, ao concerto de Leilía, ou ao de Malvela, ou ao de Sés, ou ao de Siniestro Total, ou ao da coral Cantar delas… ou puidesen escoitar a oferenda a Rosalía de Castro, no Parque que leva o seu nome, no Domingo das Mozas, a cargo da escritora Marica Campo… Por enésima vez, verifiquei como a xente está ávida de galeguidade e como se reencontra e gratifica con espectáculos que lle devolven, en forma artística, o que fai parte da súa propria personalidade, da súa propria identidade, por certo, en formatos, estilos, tendencias… ben variados e diversos: a imaxe, por tanto, dunha cultura viva, dinámica, que se recoñece na historia e aspira a continuarse no futuro…

Canto ben non farían os meios de comunicación de titularidade pública, radio e televisión galegas, se, no canto de VETAREN (sic) a transmisión ou a información sobre o pregón de apertura das festas, se aplicasen a utilizaren a súa importante megafonía para elevaren a condición do galego como lingua pública, daren fe de toda a produción cultural que nel se vehicula, deixaren de oferecer leccións de castrapo e respondesen, en fin, aos principios que recolle a Lei 9/84 en virtude da cal naceu e se dispuxo o funcionamento das dúas sociedades da CRTVG.

Todo o descrito arriba afilíase sen dúbida a aquel vello principio (“a soberanía estética da nazón galega”) que, mesmamente na cidade de Lugo, foi proclamado en 1918, dentro do manifesto da I Asemblea Nacionalista Galega. Reparen en como os antecesores preclaros do pensamento galego e do nacionalismo galego identifican con toda clareza a necesidade de crear, construír, decidir… en materia cultural conforme ás nosas necesidades, capacidade de decisión, independencia de criterio e devolución social. Isto, hai case cen anos… Desde aquela até hoxe, co desenvolvemento histórico do nacionalismo de pre-guerra, o hiato brutal da guerra civil española e o seu desenlace, e a resurreición do nacionalismo galego na contemporaneidade, o maior e mellor da cultura galega seguiu aquel principio fundacional e serviuno de forma autónoma e auto-organizada, sen agardar a merecer o visto e prace ou o permiso da dereita ou da esquerda española.


 "Quen elaborou e defendeu unha completa Lei do Libro, Bibliotecas e Fomento da Leitura. Quen propuxo homologar orzamentariamente a Real Academia Galega ou a Real Academia de Belas Artes coas súas homónimas catalá e basca".



Eu perguntaríalles, por tanto, aos asinantes dun manifesto que pede directamente o voto para a chamada Alternativa Galega de Esquerda, se, por ventura, se pararon a comprobar quen, cando e como, no Parlamento Galego e mais no Congreso dos Deputados ou no Senado, se preocupou por defender e airear os problemas, as demandas e as necesidades do teatro, do patrimonio histórico-artístico, do audiovisual, do cinema, dos desaparecidos circuítos culturais, da música de todos os ramos, das Asociacións Culturais, das Fundacións Culturais (as que levan os nomes, por exemplo, de Rosalía de Castro ou de Castelao, indignamente postergadas face á Fundación Camilo José Cela…). Quen se opuxo frontalmente e desde o primeiro momento (1999) ao proxecto da Cidade da Cultura. Quen defendeu a constitución (prevista no Estatuto, nada menos) do Fondo Cultural Galego. Quen elaborou e defendeu, en dúas ocasións, senllas leis de normalización de usos da lingua galega, para alén de millenta iniciativas sobre a expansión de usos sociais e públicos da lingua galega, no ensino e fóra del. Quen elaborou e defendeu unha completa Lei do Libro, Bibliotecas e Fomento da Leitura. Quen propuxo homologar orzamentariamente a Real Academia Galega ou a Real Academia de Belas Artes coas súas homónimas catalá e basca.

Todo isto, e moito máis, é comprobábel no Boletín e mais no Diario de Sesións das Cámaras citadas, fontes de consulta obrigada para quen quixer formar criterio sobre a cuestión, visto o comportamento silenciador ou manipulador de tantos e tantos meios de comunicación, pagos, iso si, con diñeiro de todas e todos nós.

Que a candidata nº 2 da recén coalición mencionada e rosto visíbel de Esquerda Unida fale nun mitin celebrado na Coruña en español por “deferencia” a convidados estranxeiros é exactamente o mesmo que fixo Fraga ou que fai Feixoo a cada paso: renuncia e adaptación ao patrón, nen máis nen menos, para alén de paiolada, pois pensar que un grego ou un francés van entender mellor o español que o galego é unha presunción ignorante, aquela que, alienadamente, lle concede ao idioma oficial do Estado poderes taumatúrxicos. Agardar que, desde Madrid ou en rápida viaxe de supervisión, Cayo Lara outorgue as benzóns á operación galega é, de certo, moi pouco edificante -tamén en materia cultural- para quen acredita en que as galegas e os galegos non precisamos pedir permiso para existirmos nen, moito menos, paternalistas palmadas de compracencia no lombo. Mencionar como antecedente 1936 (¡en 2012!), ademais de macabrista, supón alisar a historia de tal maneira que produce vertixe. Se as circunstancias fosen as mesmas, daquela, todo o construído polo nacionalismo galego en varias décadas ¿a conto de que existiu? Ben doado sería abrir unha sucursal da esquerda española, hai trinta ou máis anos, pedindo permiso, iso si, para sermos “un poquito gallegos”, porque xa se sabe que unhas pingas de augardante sempre arrequecen o café…


"Agardar que, desde Madrid ou en rápida viaxe de supervisión, Cayo Lara outorgue as benzóns á operación galega é, de certo, moi pouco edificante -tamén en materia cultural- para quen acredita en que as galegas e os galegos non precisamos pedir permiso para existirmos nen, moito menos, paternalistas palmadas de compracencia no lombo"

 

Que un candidato como Xosé Manuel Beiras fale repetidamente de “credibilidade” autoaplicada e ignore onde, cando, como e grazas a que e a quen (quen colectivo) se fraguou esa “credibilidade” só se pode entender nunha delirante refacción da historia e na venda apresada dun produto que xoga a pescar votos como for en campo alleo, porque xa se sabe que o Bloque Nacionalista Galego veu a este mundo para ser “pinche de cociña”, para traballar a leira de que outros van tirar proveito… Demasiado… De nota, vamos…

En fin. Eu non vou pedir o voto para o BNG, porque sería redundancia sobrante. Só vou pedir a todas e a todos os colegas, compañeiras e compañeiros de fatigas no traballo cultural que, en atención ao raciocinio, reflexión, capacidade crítica e afán de información contrastada que se nos supón, dediquen algo do seu tempo a estimaren estas consideracións, na intelixencia de que os nosos antepasados non erraron cando, como dixen, proclamaron sen fendas o dereito á “soberanía estética da nazón galega”. Nen máis nen menos.

 

Comentarios