Opinión

Avelino, o noso Lucho do Peto

Esta mañanciña, ás catro, colleu viaxe como así fixo tantas veces en vida, e neste caso para estar no ourado parlamento da nosa memoria.

Esta mañanciña, ás catro, colleu viaxe como así fixo tantas veces en vida, e neste caso para estar no ourado parlamento da nosa memoria.Velaí como se reune na eternidade unha "dianteira de vangarda", foto que hai na biblioteca de Avelino, e así xúntase a Don Manuel Beiras, Don Paco del Riego, Don Antonio Fráguas, Isacc Díaz Pardo e agora fresquiño para facermos futuro desde o seu ronsel de ben, Avelino Pusa Antelo, o noso "Lucho do Peto", nome de afecto polo que sempre correu na casa de agarimo da familia e dos amigos.

Avelino sempre foi ser, galego de nación, que estaba disposto e xeneroso a todo aquilo de ben para este noso pobo, para Galiza enteira. Cando dixo que non, atinou sempre, pois tamén na súa vida viuse precisado de o facer. El sabía que malamente se poderá facer futuro, construílo para irmos determinados, se caneamos o pasado. Avelino, unha boa persoa, de azul e branco, o corazón vermello latexante sempre. Estarás sempre en nós pois fasnos falla como tantos outros nosos.

Avelino Pousa foi o verdadeiro enlace mediador da nosa memoria desde o Partido Galeguista ata os movementos nacionalistas de arestora. Peza fundamental da nosa historia colectiva. Un galeguista nacionalista activado e posto na contemporaneidade. Presidente da Fundación Castelao, de honra do Pedrón de Ouro, fundador da Fundación Alexandre Bóveda. Tanto de tanto e así referente fundamental do noso sermos galegas e galegos. Ese rango de identidade de maior exercer.

Estás sempre en nós, Luchiño.

** David Otero compartiu con Pousa Antelo as directivas da Fundación Castelao, Fundación Bóveda e Pedrón de Ouro

Comentarios