Opinión

Avance feminista nas Olimpiadas

Estamos nun momento difícil da nosa historia. Comprobamos como imos perdendo os logros políticos e sociais que foramos conseguindo, non sen esforzo, nos últimos anos de gobernos socialistas. Non son apoloxista de ningún partido, pero iso é evidente e non sería ben nacida se non o digo.

Estamos nun momento difícil da nosa historia. Comprobamos como imos perdendo os logros políticos e sociais que foramos conseguindo, non sen esforzo, nos últimos anos de gobernos socialistas. Non son apoloxista de ningún partido, pero iso é evidente e non sería ben nacida se non o digo. Decatámonos de que o noso sistema político ha ser malo cando abondan unhas eleccións e un cambio de réxime para que o benestar social, que debía ser mellorado, se esborralle como un castelo na area por unha onda de votos.

O Contrato roussoniano que liberou os homes da servidume, é case imposible de conseguir. Quen o ten veno perigar. Minguan os salarios e reducen a dignidade humana. Son quen de deixar fóra da atención sanitaria ás persoas máis necesitadas. Fascismo. Cómpre reaccionar!

Coma sempre, as primeiras obxectas de estafa son as mulleres, incrementando a súa redución ao privado, o Contrato sexual, e retirando os apoios económicos que as ían liberando. Orden: a parir, a criar, a coidar, a obedecer, a volverse micas para alimentar a familia, a someterse á prostitución, a reforzar o sistema patriarcal. Misoxinia fascista. Precisamos igualdade!

Isto non pode durar. Estamos no s.XXI, a velocidade incide tamén na vida política, e os cambios son lostregantes. Son optimista. Hai fochancas, pero a ruta ten porvir.

Como proba, celebramos con alegría o avance feminista nos Xogos Olímpicos Globais de Londres, onde participan todos os países do mundo. O deporte ten o seu rol democrático. As relacións diplomáticas conseguiron que acudan mulleres de países musulmáns como Qatar, Tunicia ou Arabia Saudita. Aínda vimos no desfile os seus velos, pero o impacto nos propios países debeu ser forte e a V de victoria nos seus dedos deulles fachenda.

As deportistas son o 46% do total e moitas delas foron abandeiradas dos respectivos estados. Por primeira vez, nos EEUU supera o nº de deportistas mulleres ao de homes.

Aínda non remataron pero xa superan o nº de medallas conseguidas por mulleres no noso país. Segundo unha comentarista, en España, as Olimpiadas teñen carácter feminino e galego.

En Londres verificamos o avance das mulleres e o celebramos conscientes de que a nosa contribución foi decisiva. Isto nos obriga a non desmoralizarnos e seguir avanzando. 

Comentarios