Opinión

Avaliación externa para que?

En días pasados realizáronse nos centros de ensino as probas coñecidas pola administración como “Avaliación de Diagnóstico”. Para iso o alumnado de 4º de Educación Primaria e de 2º da ESO tivo que resolver uns cuestionarios remitidos pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo se declara na normativa publicada, o que se pretende é avaliar as competencias básicas en comunicación lingüística, competencia matemática e no coñecemento e na interacción co mundo físico. Con todo, o que, en verdade, están baremando, máis ca contidos, son capacidades de desenvolvemento evolutivo.

En días pasados realizáronse nos centros de ensino as probas coñecidas pola administración como “Avaliación de Diagnóstico”. Para iso o alumnado de 4º de Educación Primaria e de 2º da ESO tivo que resolver uns cuestionarios remitidos pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo se declara na normativa publicada, o que se pretende é avaliar as competencias básicas en comunicación lingüística, competencia matemática e no coñecemento e na interacción co mundo físico. Con todo, o que, en verdade, están baremando, máis ca contidos, son capacidades de desenvolvemento evolutivo.

Mais chegados a este punto, cómpre formular polo menos os seguintes interrogantes: ten algunha validez o método que se está a seguir?; que fin último se persegue cos resultados obtidos?

"Coa aplicación da nova lei de educación tamén se contempla a realización de probas externas —tamén chamadas reválidas— no remate de cada etapa educativa, xa sexa a ESO ou o Bacharelato".

No DOG do 11 de xaneiro de 2013 a citada consellaría emitía unha resolución pola que se ditaban instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico no ámbito da súa competencia. O artigo 17 titúlase “Informes de resultados aos centros educativos”. Nel indícase que, concluído o proceso, estes terán ao seu dispor un informe de resultados no cal se fará constar a puntuación acadada por cada centro en cada unha das competencias avaliadas.

O procedemento empregado pola Xunta resulta totalmente cuestionábel. Este consiste en lles remitir aos centros, días antes, os materiais. A garda e custodia destes fica, polo tanto, á vontade da ética dos respectivos equipos directivos, xa sexan estes públicos ou privados —nos cales se inclúen, evidentemente, os concertados, como é sabido, empresas privadas financiadas con cartos públicos—.

Polo tanto, o valor científico desta ferramenta resulta nulo. En moitos centros, nos días anteriores á realización das probas, traballouse cos cuestionarios reais, dun xeito máis ou menos explícito —ou é que xa non nos lembramos dos casos das filtracións da selectividade en centros de pago?— para obteren as mellores marcas numéricas.

Coa aplicación da nova lei de educación tamén se contempla a realización de probas externas —tamén chamadas reválidas— no remate de cada etapa educativa, xa sexa a ESO ou o Bacharelato. De non as superar, o alumnado non poderá acceder á seguinte. Isto sen esquecer a que, disque con carácter orientativo, tamén terá que realizar na fin da Primaria.

A LOMCE consolidará a desfeita total do sistema público. E propiciará unha contrarreforma educativa feita á medida da ideoloxía reaccionaria dunha dereita clasista, privatizadora, nacionalcatólica e españolizante.

Establecerase, aínda máis, unha categoría de centros, en función duns resultados asépticos que para nada teñen en conta os condicionamentos sociais  e educativos da variábel e complexa realidade que se dá na sociedade. E, consecuentemente, crearase unha clasificación entre centros de primeira e centros de segunda, centros comúns e centros elitistas. 

"A LOMCE propiciará unha contrarreforma educativa feita á medida da ideoloxía reaccionaria dunha dereita clasista, privatizadora, nacionalcatólica e españolizante".

Coa nova lexislación o ensino privado, concertado, cada vez ten máis competencia para establecer criterios de selección —e de rexeitamento— do alumnado. Isto contribúe, entón, a afondar máis na distancia insalvábel entre centros.

A insuficiente oferta educativa pública no interior de moitas cidades, o criterio de elección de nais e pais —aos que, en moitos casos, se lles van vender uns resultados con trampa—, a dotación de recursos en función do número do alumnado, son algúns dos elementos que contribuirán a acentuar unha fenda educativa que terá na escola o principio da desigualdade social.

Pola contra, a realidade cotiá de numerosos centros públicos, cada vez con menos recursos, é a de ter que afrontar situacións de extrema complexidade.Nas cales acotío se dan múltiples problemas de integración por parte do alumnado, que padece contextos familiares con numerosas carencias e situacións de exclusión social.

Unha vez detectados os múltiples casos de fracaso escolar, o deber do goberno ten que ser a dotacion de medios operativos e de recursos económicos aos centros públicos para afrontar con garantías o tratamento individualizado do alumnado.

O cometido do ensino obrigatorio non pode ser outro que o de lle outorgar unha formación completa en saberes e valores ao alumnado. No canto de o segregar en función dunhas supostas capacidades.

O cometido do ensino obrigatorio non pode ser o de cualificar ou especializar profesionalmente —en función dos intereses do mercado—, senón contribuír á construción, en igualdade, de auténticos cidadáns.

Deixando de lado outras gravísimas consideracións, o que se vai ofrecer coa LOMCE é a realización dunhas probas externas que lles pecharán as portas a moitos dos nosos rapaces, cada vez a idade máis temperá, ao seu dereito a recibiren unha formación de calidade.

"O que se vai ofrecer coa LOMCE é a realización dunhas probas externas que lles pecharán as portas a moitos dos nosos rapaces, cada vez a idade máis temperá, ao seu dereito a recibiren unha formación de calidade"

 

E, polo que respecta á cobertura de prazas, será a que eles denominan ‘demanda social’ a que determine un cada vez maior incremento da oferta delas nos centros concertados —empresas privadas alimentadas con cartos públicos, volvo repetir— e a súa consecuente redución no ensino público.

A dirección política da dereita actual bota moito de menos tráxicas épocas pasadas. Por iso tratan de conformar unha sociedade submisa, dominada e cada vez máis manipulábel na que uns poucos escollidos —pola providencia— asoballen o conxunto da poboación.

A introdución de probas de avaliación externas constitúe, entón, o campo de experimentación dun auténtico proceso —máis dogmático ca educativo— aniquilador.

Comentarios