Opinión

Auto-organización e liberación nacional

No escenario desta convocatoria de eleccións anticipadas na Galiza, coido que é oportuno este artigo no que trato o tema da auto-organización, xa que é un debate central para o proceso de liberación nacional e, asemade, fundamental para a defensa dos intereses estratéxicos das clases populares. Fágoo aproveitando os últimos acontecementos políticos no seo do nacionalismo.

No escenario desta convocatoria de eleccións anticipadas na Galiza, coido que é oportuno este artigo no que trato o tema da auto-organización, xa que é un debate central para o proceso de liberación nacional e, asemade, fundamental para a defensa dos intereses estratéxicos das clases populares. Fágoo aproveitando os últimos acontecementos políticos no seo do nacionalismo. Analizo a importancia deste tema, en relación coa proposta de formación dunha Syriza Galega, pola alianza entre organizacións das que non cuestiono a súa vontade nacionalista, por exemplo no caso da FPG, como tampouco o carácter reformista de EU. Porén na loita política non abonda coas boas intencións, nen coa definición de obxectivos, cómpre ademais: dar os pasos axeitados para xerar conciencia, acumular forzas e transformar a realidade. Ou sexa, caracterizar correctamente a realidade e ter métodos de traballo axeitados.

Indo ao tema en cuestión. Coido que a reunión que mantiveron as delegacións de Esquerda Unida e a Fronte Popular Galega é reflexo da desorientación que existe nunha parte do nacionalismo, e amosa como a esquerda estatal está aproveitando a situación para conseguir un espazo nos medios de información, que doutro xeito non tería. Para alén da opinión previa que cada un de nós podería ter da formación dunha Syriza galega vertebrada arredor de dous polos, por unha banda EU e pola outra as forzas que integran Anova, o certo é que a escenificación práctica estase facendo dacordo co guión marcado pola forza de ámbito estatal. Ademais, cómpre lembrar que esta incluíu entre os partidos convocados ao PSOE, aínda que este (como é lóxico) negouse a participar das reunións montadas por EU. E, asemade, esta forza xa ten decididas as cabezas de candidatura para as vindeiras autonómicas. Concretamente no seu boletín “Rebélate” anuncia a Juan Fajardo como cabeza pola provincia de Pontevedra e entrevista á número dous pola mesma circunscrición.

"A escenificación práctica estase facendo dacordo co guión marcado pola forza de ámbito estatal"

 

Ante todo chama a atención que a FPG participase dun calendario que non estivese pactado previamente con Anova, dándolle a EU a vantaxe de tratar por separado con cada unha das forzas que integran esta coalición. Por outra banda, tal como se aprecia nos seus comunicados, todo indica que en ningún caso EU vai renunciar á súa disciplina estatal e, en troques, a FPG está disposta a deixar nun segundo plano neste momento un dos principios básicos do nacionalismo: a auto-organización e a loita nacional. Na nota de EU fálase da coincidencia en primar a loita de clases sobre a cuestión nacional “A sociedade precisa dunha vertebración política que dea esperanza á cidadanía. 'Por riba da cuestión nacional, está o problema de clase' premisa da que parten ambas organizacións”. Aínda que despois, no comunicado da FPG quérese rectificar esta opinión, mais sen dar a esta discrepancia estratéxica ningún efecto práctico nas relacións entre ambas as organizacións, é só un acto de autoafirmación sen ningunha consecuencia. A nota di o seguinte “A FPG celebrou un primeiro encontro con Esquerda Unida (EU) que permite avaliar a posibilidade do inicio dunha unidade de acción dentro dun proxecto máis amplo coas coordenadas postas na esquerda e na autodeterminación nacional. reafirmamos a vixencia da nosa liña histórica, que sempre mantivemos, de defensa e loita pola independencia e a soberanía nacionais ligada á loita da clase obreira”.

Mesmo sabendo que a FPG xa facía alianzas deste tipo en Cangas, ninguén pode ignorar que estendelas a toda a nación é un pulo cualitativo. Asemade, de se dar a coalición e conseguir deputados no Parlamento Galego, deberá ter un programa, reunións e actuacións en común, polo menos mentres dure o período para o que foron electos. O lóxico é que se faga outro tanto nas eleccións municipais, nas xerais e nas europeas. Sería moi difícil de vender ao pobo galego que se trata só dun acordo por oportunismo electoral, para se repartir deputados que despois van facer políticas diferentes. Asemade, todo fai pensar que o acordo implica un proceso de unidade; pode ser mínima e suxeita a múltiples negociacións, porén ao final será de converxencia en moitos dos aspectos prácticos que lle afectan á sociedade galega. Isto é o que vai ficar na conciencia colectiva.

Nesta alianza política prímase a conflitividade social (inmediata) e a representación institucional sobre a cuestión nacional e de clase, como proxecto estratéxico. Esquécese que nunha colonia ou país dependente a problemática nacional e a loita de clases integran unha mesma contradición, dado que existe por esta condición unha super-explotación da clase traballadora (Ruy Mauro Marini), e de destrución da identidade colectiva (Frantz Fanón). Por iso o proceso de liberación nacional é prioritario para a clase traballadora e outras clases populares (contradición principal -Mao Zedong-), e as reivindicacións nacionais e de clase deben ser obxectivos centrais da acción política. Lembremos, aínda que semelle como moi evidente, que non existe ningunha posibilidade de liberación nacional sen auto-organización (necesaria a todos os niveis no marco da Europa Occidental -ver Gramsci-).



"Nunha colonia ou país dependente a problemática nacional e a loita de clases integran unha mesma contradición"



Lembremos que nos países dependentes e nas colonias, neocolonias e semicolonias, os investimentos capitalistas recrean a dependencia, tal como o indica André Gunder Frank nas súas análises: “Entre 1950 e 1965 o fluxo de capital destinado ao investimento saído dos Estados Unidos cara o resto do mundo ascendeu a 23,9 mil millóns de dólares, mentres que o correspondente a entrada de lucros foi de 37 mil millóns, deixando unha renda neta de 13,1 mil millóns (...) cara a América Latina foi de 3,8 mil millóns e o fluxo desde América latina a Estados Unidos de 11,3 mil millóns, deixando un saldo desfavorábel para América Latina de 7,5 mil millóns de dólares” (Capitalismo y subdesarrollo en América Latina). Esta transferencia extra de lucro ao exterior será soportada polas clases populares e especialmente pola clase obreira. Cómpre engadir a estes efectos aqueles derivados da depredación de recursos non renovábeis, por exemplo en Galiza os lignitos de As Pontes. En situacións como a actual de crise capitalista, de reaxuste entre clases e territorios, as nacións dependentes (e dentro delas as clases populares) serán dobremente oprimidas e explotadas. Por exemplo, en Galiza, con altas taxas de desemprego, baixos salarios e xornadas máis longas, emigración masiva, mais tamén destruíndo sectores fundamentais do tecido económico, como o naval, pesca, leite, financeiro, etc.

"Na actual situación de crise capitalista, de reaxuste entre clases e territorios, as nacións dependentes (e dentro delas as clases populares) serán dobremente oprimidas e explotadas"

Diante desta coalición electoral a pregunta que nos debemos facer é: ¿a quen beneficia unha alianza deste tipo? Non hai que ser moi espelido para se decatar que fundamentalmente a Esquerda Unida. Primeiro, porque aínda que é unha forza en ascenso no Estado na Galiza carece de implantación en moitas partes do país. Segundo, porque deste xeito adquire un verniz de forza antisistémica que, aínda que fale de anticapitalismo, ninguén cre, tendo en consideración que sempre defendeu a Unión Europea e nunca propuxo máis que reformas moi mornas ao sistema. Chamo a atención en relación a que, dacordo co barómetro do CIS, a xente olla o BNG como unha forza á esquerda de IU, só desborda por Amaiur. E terceiro, de todo este proceso, aínda que ao final non haxa acordos, EU pode conseguir dous obxectivos importantes: que algunhas das forzas que integran Anova (ou Compromiso) terminen apoiando as súas candidaturas con algunha participación nas listas, e sobre todo, que moitos simpatizantes do nacionalismo non vexan ningún tipo de barreiras á hora de votar por partidos estatais. Isto ten unha enorme importancia en eleccións como as xerais e europeas.

Desde algunhas destas forzas nacionalistas, é verdade que minoritarias (porén o tema non carece de importancia política), dise que esta coalición tamén a fixo o Partido Galeguista, e Castelao, no ano 1936, ao formar parte da Fronte Popular. Pretender aplicar mecanicamente criterios de hai 76 anos, cunha realidade moi diferente, non é precisamente unha virtude, porén neste caso ademais é unha leitura incorrecta do momento e da correlación de forzas. Daquela o fascismo estaba a piques de dar o golpe de Estado, e o tema do Estatuto era demasiado transcendente. Ademais, o nacionalismo era aínda moi débil (militancia pequena, pouca incidencia nas organizacións de masas, etc.) e non conseguira representación no Parlamento en 1933. Non é a situación actual, cando existen organizacións fortes, tanto políticas como sociais, e representación no Parlamento Galego e nas Cortes do Estado. A excepcionalidade daquel momento comprobouse despois no exilio na América Latina, mesmo na época da Guerra Civil, cando o galeguismo sempre creou ou participou de organizacións exclusivamente galegas (irmandades, centros galegos, asociacións locais, etc.).

Quixera saber cales son as respostas que se poden dar, mantendo un mínimo de coherencia entre teoría e práctica política, cando se propón hoxe rachar, aínda que sexa dun xeito conxuntural, co principio básico da auto-organizacion dando pasos atrás. Pensar, como xa hai quen teoriza, que EU ademais de aceptar o dereito de autodeterminación vai rematar desligándose de Madrid, non semella serio. Por outra banda, recoñecer o dereito a que o pobo galego decida non é sinónimo de loitar a prol dun Estado Galego.



"Recoñecer o dereito a que o pobo galego decida non é sinónimo de loitar a prol dun Estado Galego"



A chamada “Syriza galega”, tal como se anuncia, é un paso atrás na auto-organización, no proceso de liberación, por máis que haxa quen despois berre independencia e faga da liberación nacional a súa misa cotiá. A primeira consecuencia será a de desdebuxar a conciencia nacional e a necesidade de auto-organización nun sector da sociedade galega, así como fortalecer aqueles partidos que coidan que isto é secundario (como Esquerda Unida) e mesmo negativo. A pregunta de moita xente pouco informada será, ¿por que non alargar este criterio unitario a outros eidos, como o sindical, agrario e estudantil?... Verán na auto-organización unha actitude sectaria, dáselle polo tanto folgos ao españolismo e á colonización.

Destacar que este non é un debate novo no nacionalismo galego, deuse nas últimas décadas en momentos decisivos. Por exemplo, cando houbo que constituír ERGA, e aqueles nacionalistas que militaban nos Comités defendían estes organismos estudantís unitarios. O tempo demostrou que a auto-organización tamén a este nivel sería fundamental para a o nacionalismo. Volveuse dar cando se decidiu crear a primeira central sindical galega, a ING, e un numeroso grupo de militantes defendían que isto rachaba coa unidade obreira. Se tivese triunfado esta postura, que non comprendía o carácter das contradicións no noso país, e como isto afectaba a toda a sociedade, e moi especialmente á clase traballadora, hoxe careceríamos dunha central sindical como a CIG. E repetiuse posteriormente en alianzas electorais que remataron en fracaso.

Subxace nestas propostas unha caracterización incorrecta da sociedade galega, por máis que se empregue logo o termo de colonia. Isto dá lugar a unha actitude paternalista do suxeito político nas relacións co movemento de masas. Paternalismo, que tanto desde o esquerdismo como desde posturas moderadas converxen nas valoracións economicistas (e por iso despois tamén en alianzas que semellan estrañas considerando só os programas). Póñense nun segundo plano as contradicións que no ámbito da identidade teñen as clases populares nun país dependente ou colonizado, como se este aspecto só fose importante para as elites concienciadas ou as clases medias e altas. Non se valora axeitadamente que as clases subalternas, e dentro delas a clase obreira, viven en carne propia acotío a explotación económica, mais tamén a tremenda agresión contra a a súa identidade (cultura, lingua, etc). Isto último non lle é algo alleo, senón que o padece do xeito moito máis dramático que a pequena burguesía. Neste aspecto é por certo de total actualidade este texto de Retrato do Colonizado “O bilingüismo é necesario no contexto colonial. É a condición de toda comunicación, de toda cultura e de todo progreso, Mais o bilingüe colonial só se salva do illamento para padecer unha catástrofe cultural nunca completamente superada (...) neste caso, os dous universos simbolizados e superpostos polas dúas linguas están en conflito: son os do colonizador e os do colonizado”.(Albert Memmi).

"As clases subalternas, e dentro delas a clase obreira, viven en carne propia acotío a explotación económica, mais tamén a tremenda agresión contra a a súa identidade (cultura, lingua, etc"


Coas eleccións autonómicas convocadas para o vindeiro 21 de outubro todos estes contactos e posíbeis alianzas vanse acelerar, ollaremos até que punto prima a conxuntura e a cuestión electoral ou a construción estratéxica. En calquera caso o (antes chamado) Movemento Nacional Popular Galego sempre superou con éxito todos os atrancos e eivas nas últimas cinco décadas, conseguindo avanzar na construción da conciencia nacional e na acumulación de forzas, co obxectivo da soberanía nacional e a xustiza social.

Manuel Mera