Opinión

Austericidio

Hai uns días escoitei ao xornalista Jordi Évole usar un termo que me pareceu maxistral para definir a política que se segue dende as moquetas entristecidas dos bancos centrais, dende a ignoracia inhumana do FMI e dende os despachos griseiros dos presidentes. Falou de austericidio. Non pensen en Paul Auster e disimulen a brincadeira malísima. Pensen en austeridade.

Hai uns días escoitei ao xornalista Jordi Évole usar un termo que me pareceu maxistral para definir a política que se segue dende as moquetas entristecidas dos bancos centrais, dende a ignoracia inhumana do FMI e dende os despachos griseiros dos presidentes. Falou de austericidio. Non pensen en Paul Auster e disimulen a brincadeira malísima. Pensen en austeridade.
O termo é perfecto porque, ademais de pintar dun xeito radical o que nos están a facer, leva dentro de si propio a esencia da brutalidade que aturamos. A morte. Porque igual que un homicidio é o asasinato premeditado dun ser humano, o suicidio o atentado contra da vida propia, o xenocidio o exterminio premeditado dun pobo ou grupo, o austericidio é a morte provocada por políticas de austeridade que van contra as persoas.

A austeridade convertiuse nun valor político cando, en realidade, practicala, é antipolítica. Por poñerme clásico e que se note que estudei en Compostela, podemos definir a política coma a arte de administrar o de todos en beneficio do ben común. Daquela, as políticas de austeridade non fan iso e por iso é antipolítica. E a pesar de selo, convertiuse nunha virtude política. E así, parece que toda a folla de ruta dos presidentes (Feijoo ou Rajoy) é esa: que son austeros, que rebaixaron o orzamento, que equilibraron contas.

"A austeridade convertiuse nun valor político cando, en realidade, practicala, é antipolítica".

>O control dos cartos públicos, o control estrito, o control céntimo a céntimo non pode ser presentado nunca coma unha virtude. Iso xa se supón. Enténdese e dáse por feito que o gobernante non derrocha, que o responsable político coida moito o que fai cos cartos que non son seus (a pesar de que moitos cargos públicos sentan o erario da administración como de seu). Daquela, que nolo presenten como unha virtude non deixa de ser, no fondo, unha parvada porque iso se supón que xa o fan. Que son austeros incluso en tempos de vacas gordísimas.

Os políticos deben facer política, non antipolítica. E nestes tempos nos que seica que non hai cartos (que si que os hai, xa está ben de seguir coa trola) o que cómpre é administralos con máis sentidiño pero sen deixar de facer política. Política para a polis, é dicir, para a xente. Non para os bancos nin os balanzos nin para o Gran Contable que no fondo goberna e que hai tempo chamabamos o Capital. Se a ese non lle saen as contas, que se aguante. Aquí o que nos toca é facer política para a xente, e curtarlle o acceso á sanidade (lembrades a viceconselleira de sanidade de Madrid hai uns días dicindo que os crónicos non debían beneficiarse da gratuidade da Seguridade Social?), ou á educación, ou ao subsidio en caso de paro, iso non é facer política.

É matar.

Por iso dicimos austericidio. 

 

Comentarios