Opinión

Aurelia resiste! O pobo avanza!

As engurras que agochan 85 anos de vivencias, o sorriso delicado, a tenrura nos ollos... Mais non é fráxil. Aurelia Rei, a veciña da Coruña sobre a que pesa unha orde de desafiuzamento, amosa a súa bravura cada vez que descende os chanzos que a levan ao portal do número 9 de Padre Feijóo, onde a esperan, con entusiasmo, as centos de persoas que desde o luns impiden o desaloxo da anciá.

As engurras que agochan 85 anos de vivencias, o sorriso delicado, a tenrura nos ollos... Mais non é fráxil. Aurelia Rei, a veciña da Coruña sobre a que pesa unha orde de desafiuzamento, amosa a súa bravura cada vez que descende os chanzos que a levan ao portal do número 9 de Padre Feijóo, onde a esperan, con entusiasmo, as centos de persoas que desde o luns impiden o desaloxo da anciá. Cada vez que o pequeno corpo de Aurelia se asoma tras as reixas do portal, o balbordo ora se torna en silencio, para escoitar as súas palabras, ora se volve consignas que reclaman o dereito desta costureira de 85 anos a vivir no piso que habita desde hai máis de 35 anos.

Que a escasos 10 metros do portal do edificio o multimillonario Amancio Ortega abrira un novo comercio da súa cadea téxtil e que Inditex posúe na mazá cinco tendas máis explica o pano de fondo do despoxo que pesa sobre Aurelia. Por que cobrar 170 euros se podemos cobrar máis do cuádruplo? Preguntáronse un día os propietarios da vivenda, que posúen a meirande parte dos pisos deste céntrico edificio coruñés de nove plantas. A solución achárona no atraso do pagamento de dúas mensualidade, a primeira delas, no 1999 e a segunda, o ano pasado. A pesar de que Aurelia puxo ao día, case de inmediato, as débedas e de que na actualidade ten pagos todos e cada un dos meses, os caseiros levaron os atrasos aos tribunais e conseguiron unha orde de desafiuzamento. Foi o pasaporte que permitía a entrada á avaricia.

    "Os propietarios conseguiron unha orde de desafiuzamento. Foi o pasaporte que permitía a entrada á avaricia".

A lei, que non a xustiza, porque moitas veces as leis son inxustas, ampara os propietarios. A extremada axilidade dos tribunais en casos como o de Aurelia débese á lei na que o último Goberno do PSOE recolleu o “desafiuzamento exprés”, unha norma que se agravará cando entre en vigor a Lei de Medidas de Flexibilización do Mercado de Alugueiro de Vivendas que tramita o Goberno do PP. Do desafiuzamento exprés do PSOE pasaremos ao desafiuzamento fulminante do PP. A voracidade inmobiliaria do neoliberalismo é insaciábel. Non son tan áxiles os tribunais á hora de obrigar as empresas a pagar as nóminas que lles deben ás persoas asalariadas, cada vez máis indefensas por culpa das reformas laborais aprobadas por ambos os partidos.

Cando as leis son inxustas, o pobo érguese e demostra a súa dignidade. Estámolo a vivir na Coruña. Tanto ten a idade ou a condición. Mulleres e homes, fartos de que o capitalismo nos devore, lánzanse á rúa para que un dereito social básico, como é o da vivenda, deixe de ser inaccesíbel para unha ampla maioría das persoas. Mulleres e homes, que non queren ser cómplices do despoxo dunha pensionista que cobra 356 euros ao mes, contribuíron a frear as dúas tentativas de desaloxo da anciá. Mulleres e homes, que devecen por unha sociedade máis xusta e igualitaria, non se amedrentaron fronte aos axentes da policía. Porque, como ben cantan as persoas que se manifestan ás portas da casa de Aurelia, “non temos medo, temos fame”. E entre esas mulleres e homes atópanse os bombeiros que se negaron a ser parte da barbarie. Tamén se atopan os representantes políticos, entre eles os compañeiros  Jorquera e Carril do BNG e Santiso de EU, que recibiron unha malleira da policía por impedir o desaloxo dunha anciá.O BNG viña de reclamar tamen en sede instituciónal, no Parlamento, por medio dunha proposición, o fin dos desafiuzamentos. E atópanse na rúa, tamén, os movementos sociais como Stop Desafiuzamentos, que son os que nutren unha sociedade civilizada, con pensamento de seu e capacidade crítica.

     "Cando as leis son inxustas, o pobo érguese e demostra a súa dignidade".

As corruptelas do PP e da monarquía e o saqueo do Goberno central ao pobo seguen impunes, mentres centos de Aurelias son desafiuzadas cada día por non poder facerlle fronte á súa hipoteca ou pola usura dos que máis teñen. A solución está da man do pobo, da súa vontade, da nosa capacidade de dicirmos “xa está ben” e de chuparmos as malleiras que fagan falta en busca da xustiza social. As mazaduras da policía no corpo e o cansazo son o de menos cando gañas unha batalla cívica como a de Aurelia, aínda que esta pequena batalla signifique que a muller poida durmir dous días máis na súa casa. Na nosa vontade está gañarmos máis batallas pacíficas para invertermos unha sociedade en que as persoas ricas son máis ricas, a costa do resto, e na que as persoas pobres son cada vez máis pobres.

 

Comentarios