Opinión

As ratas

Neste contexto de desmantelamento premeditado, dende o goberno do Estado afírmase que se está a camiñar na boa senda. Que se están a crear as condicións óptimas para a creación de emprego. Con toda a que está a caer, con máis de seis millóns de parados declarados! Mais, con isto, que é o que se nos está a dicir?

Co poema deste título o artista Luís Seoane ofrecía, en plena ditadura franquista, unha visión de absoluta desesperanza da nosa realidade. Pertence ao seu libro As cicatrices, publicado no exilio riopratense en 1959. Eis o seu contido íntegro: “Na Galiza, ise vello pobo,/carballo carcomido de raios e bestigos,/loita dende fai séculos,/o home cas ratas./Coma nos castelos abandonados,/onde xa caíron trabes e brasós,/escóitanse queixumes de gonzos ferruxentos./Dende fai séculos loitan en Galiza/os homes cas ratas./Vencendo sempre as ratas./Ate que toda ela fique,/coma ises castelos roiñentos/e os mosteiros sin altares/nin lembranzas de ritos,/sendo soio rondada de morcegos/e pantasmas./Coberta de edra, de label./Morándoa soio as ratas./Soamente as ratas.”

A clareza expositiva da súa mensaxe deriva da intención do escritor de lle achegar contidos trascendentes, da realidade inmediata, ao pobo. A literatura —valéndose, neste caso, da alegoría— convértese en ferramenta utilitaria, que serve de instrumento en prol da concienciación das clases populares na defensa da xustiza social e no compromiso co propio. Cumpre unha función dobre a un mesmo tempo: a revelación —dun contorno miserábel— e a rebelación —contra os responsábeis de tanta desfeita—.

Ao actualizarmos a súa lectura, dende o noso presente ofrécese unha realidade prosaica por completo. Velaí algúns elementos que contribúen a esta visión.
Que haxa un presidente de goberno que se blinde no búnker de comparecencias precociñadas e non dea explicacións, nin precisas nin críbeis. Xa sexan sobre as pésimas condicións de vida da maioría da xente por causa das políticas neoliberais que están a aplicar. Xa sexan sobre as súas íntimas e duradoiras relacións con persoas vinculadas con proveitosas actividades ilegais condenadas por narcotráfico.

"É evidente, dende hai moito tempo, que o interese dos gobernantes da dereita é o que eles chaman control do déficit, non o benestar dos cidadáns".

Que haxa uns políticos, con oficio e beneficio, que se lucran e aproveitan por activa e por pasiva —isto é, en A e en B— dos seus cargos. Que deberían servir e valer a causa pública. E non medrar por conta dela. E, claro, unha cousa é o patrimonio declarado —non escaso, coñecendo a traxectoria profesional dalgúns dirixentes— e outra o interposto a nome doutras persoas.

Uns políticos, imputados en numerosos casos de corrupción, que se negan a presentar a súa demisión e aos que o seu partido non obriga a demitir.
Que haxa uns dirixentes empresariais que se aproveitan descaradamente das súas favorábeis relacións co poder. De aí as redes de financiamento a partidos políticos descobertas —mais non investigadas ata as últimas consecuencias— en tramas coma a Naseiro ou a Gurtel.

Unha clase empresarial, en connivencia cos poderes establecidos, responsábel da ruína do noso tecido industrial e financeiro. Ao que se contribúe, dende as máis altas instancias, co seu empobrecemento e coa súa posterior deslocalización, ao vendelas a prezo de saldo ao capital de fóra. Operacións entre as que sobrancean as das caixas de aforros, as de estaleiros como Barreras ou de empresas como Pescanova.

Neste contexto de desmantelamento premeditado, dende o goberno do Estado afírmase que se está a camiñar na boa senda. Que se están a crear as condicións óptimas para a creación de emprego. Con toda a que está a caer, con máis de seis millóns de parados declarados! Mais, con isto, que é o que se nos está a dicir?

A mensaxe é clara. Cada vez estamos máis sometidos aos ditados do gran capital financeiro —a fondo ocupado na especulación monetaria, só preocupado por lle inxectar grandes transfusións de cartos públicos aos bancos—. É evidente, dende hai moito tempo, que o interese dos gobernantes da dereita é o que eles chaman control do déficit, non o benestar dos cidadáns.

A chamada crise —que, cómpre ter ben claro, foi tan provocada como deliberada— veulles ao pelo para empobreceren a maioría da poboación. Co consabido trasvasamento e concentración de máis riqueza nunhas poucas mans. E, deste xeito, crearen unha sociedade a cada vez máis necesitada, dependente e con menos dereitos sociais. Ao cal contribuirá, de xeito significativo, a penalización das mulleres a abortar, que se verán obrigadas a (mal)parir crianzas con graves deformacións, que farán as familias aínda máis vulnerábeis.

"A chamada crise —que, cómpre ter ben claro, foi tan provocada como deliberada— veulles ao pelo para empobreceren a maioría da poboación".

Coma no tempo da visión simbólica de Seoane, boa parte da poboación galega —a máis nova e a mellor preparada— non ten máis saída ca emigrar. A ferruxe dos versos do poema instálase nos nosos sectores produtivos, na nosa economía vendida a saldo, no noso interior abandonado... A nosa cultura, a nosa lingua sometidas ao máximo nivel de desprotección —véxase como mostra salientábel recente o desprezo institucional á entrega de premios da AELG—. E os omnívoros predadores do poema, acomodaticios a calquera situación, facéndose fortes no poder.

Mais fronte esta crúa realidade nin un intre se pode claudicar. Para isto é irrenunciábel a plena con(s)ciencia —só garantida dende o acceso a unha formación pública de calidade para todos/-as, o cal a toda costa a LOMCE quere evitar—.

É imprescindíbel que, cada vez máis, a sociedade se articule en formacións políticas soberanas, que teñan como obxectivo prioritario, dende a prosperidade do espazo da nación, a defensa colectiva dos intereses dos cidadáns.

Comentarios