Opinión

As outras Burbullas

A nosa burbulla inmobiliaria pinchou, pero non é única. Sen dúbida, houbo certo colaboracionismo popular. Todos viron ben cambiar o legón por un par de pisiños na Coruña. E máis de un creou un impero ao abeiro do formigón.Galiza, ou España non é non obstante o único mundo onde habita a esta fauna.


A nosa burbulla inmobiliaria pinchou, pero non é única. Sen dúbida, houbo certo colaboracionismo popular. Todos viron ben cambiar o legón por un par de pisiños na Coruña. E máis de un creou un impero ao abeiro do formigón.

Galiza, ou España non é non obstante o único mundo onde habita a esta fauna. Veciños dunha barriada típica da capital chinesa, no centro de Beijing, víronse inmersos nunha amarga disputa orixinada pola expropiación e a expulsión das súas casas para crear as modernas estruturas arquitectónicas que caracterizan o urbanismo do país nos últimos anos. As cidades chinas están padecendo unha rápida transformación que acaba coas barriadas (tal vez tamén coa cultura) tradicionais.

As autoridades locais son habitualmente acusadas de usar prácticas pouco decorosas, e corruptas. Poderíamos dicir que son menos sutís que os nosos Correas, Gil, Roca, Roa... (xa temos unha lista infinita) tal vez amparadas na falla de democracia e transparencia política.

En definitiva, a barriada Beijingnesa, non deixa de ser unha antiga zona rural engulida polo desenvolvemento urbano, que salvo en contadas excepcións, pouco ten que ver co que temos en Galiza. En calquera caso, as oportunidades para dialogar e manifestarse como é obvio son moito menores. Máis de 1.000 familias mudáronse xa debido ás presións institicionais, deixando atrás unha minoría de noventa familias resistentes, que non aceptaban o trato que lles foi ofrecido. Non cabe outra solución que dar unha compensación, tendo en conta a tradición nun país ex-comunista onde e supuña que todos eran iguais.

Non obstante aínda con trato mediante, algunhas das familias desapareceron misteriosamente sen deixar rastro antes da demolición das súas casas hai poucas semanas. Os veciños de outras cinco casas están aínda detidos pola policía despois de ir a Tiananmen para protestar axeonllándose fronte ao retrato de Mao, onde foron detidos pola policía local. Outro dos manifestantes, está a ser tratado no Hospital despois de tentar suicidarse bebendo veleno. E por último, algúns veciños amezan con prenderse lume se as autoridades forzan a demolición das súas casas. Xa que segundo os veciños as compensacións económicas son como dicimos popularmente, “unha coña”.

1,500 yuans por mes durante tres anos, ou o que é o mesmo, 214,2 euros por mes. Nada que ver co soldo para toda a vida de Nescafé... Disque a compensación vai acorde co prezo de mercado no momento en que o inmoble é demolido. Pero en realidade esta compensación está lonxe dos custos reais dunha vivenda nova e en constante aumento, tal e como foi hai xa tempo no noso mundo occidental.

Por se existisen dúbidas no camiño a seguir e como exemplo de boas prácticas intimidatorias, en abril, un cento de veciños, protestaron diante do Goberno Municipal, denunciando que coches pertencentes aos residentes que foran deliberadamente atacados por bandas contratadas polos promotores ao máis puro estilo Al Capone. Alguén se lembra de algo similar polo noso país? En Beijing ou en Nigrán, os vehículos arden igual. 

Xosé Manuel Figueiras

Comentarios