Opinión

As dúas caras do derbi

O derbi tivo dúas caras: a faciana que representou o Deportivo e a faciana escura, simbolizada no Celta por dous xogadores, que buscaron un protagonismo fóra de lugar. Riki e Valerón alumearon a estela da estrela herculina, mentres que Hugo Mallo e Iago Aspas foron a imaxe negra e oculta do luar. Os afeccionados non precisaban axustes de contas, so fútbol, e do bo.

O derbi tivo dúas caras: a faciana que representou o Deportivo e a faciana escura, simbolizada no Celta por dous xogadores, que buscaron un protagonismo fóra de lugar. Riki e Valerón alumearon a estela da estrela herculina, mentres que Hugo Mallo e Iago Aspas foron a imaxe negra e oculta do luar. Os afeccionados non precisaban axustes de contas, so fútbol, e do bo. Pero Hugo remexeu rescoldos desde a bancada e Iago avivou as faíscas da impotencia. Ao encontro sobráronlle mistos, pero os dous galegos preferiron levar os petos cargados de fósforos, malentendendo qué é un derbi e cal foi a orixe dos clásicos galegos, que naceron sendo unha festa a principios do século que xa foi. Hugo Mallo deixouse fotografar cun cartaz doente e impropio cando emprendía viaxe a Coruña montado no bus dunha peña, a dos incondicionais de Iago. Logo, chegaron os seus xestos obscenos, confundido entre a masa celeste agochado baixo unha capucha e uns lentes, á bancada coruñesa, que captaron as indiscretas cámaras de televisión. Se a mala cabeza presidiu a bancada, no terreo de xogo a falta de lucidez tamén estivo presente. En apenas media hora, tras un par de avisos de gol e un oportuno gran tanto de Riki, Aspas decidiu borrarse do encontro e esnaquizar o derbi dunha soa cabezada, contra Marchena. O partido rematou aí para os vigueses, sen deixar rastro do fútbol que sabe construír e converter.

Fútbol so houbo dun lado, aínda que pouco. Un Valerón máxico recuperou a inspiración ante o eterno rival nun intento, logrado, de insuflar aire novo a un equipo moribundo. Fíxoo con dúas asistencias soberbias. O gol de Silvio, espectacular á vez que irrepetible, ergueu a unha parroquia trémula. E, finalmente, o terceiro do portugués Salomao acordou un berro atronador e unánime de que “si, se pode” salvar a categoría. Posiblemente, para os coruñeses sexa unha pequena dose de morfina para calmar unha dor metastásica. Pero mentres haxa vida hai esperanza, sobre todo porque a xornada acabou sendo propicia, coas derrotas de Zaragoza, Mallorca, Athletic de Bilbao e Osasuna e o empate do Granada. O soño para o Deportivo permanece quince días. Tralo parón ligueiro, onde os partidos se converten en finais, ante Mallorca primeiro e, logo, co Zaragoza, sete días despois. Mentres para o Celta o pesadelo continúa co Barça.

"Riki e Valerón alumearon a estela da estrela herculina, mentres que Hugo Mallo e Iago Aspas foron a imaxe negra e oculta do luar".

O do venres, foi un derbi que apelou á emoción mais có fútbol, onde se viu un Celta tocado moralmente, sen brúxula, sen dirección. Mentres, o Deportivo simulou, en directo e en diferido, que a golpe de impulsos aínda lle queda corazón para seguir bombeando sangue para aferrarse á vida. O 3-1 ceba ilusións a conta da agonía rival. Formalmente, no taboleiro nada cambia... porque o Deportivo segue sendo o colista e o Celta o penúltimo. O combate galego saldouse coa vitoria mais agredoce da historia dos derbis -porque para o Celta pode ser unha estocada á permanencia-, aínda que a freguesía herculina acabara a noite de borracheira.

P.D.: A programación da cita naceu do esperpento e da falta de sensibilidade dos señores de Madrid. Marcar un derbi en venres e en horario que nin é de Liga de Campións, mais que a medias, foi un insulto receitado a dúas grandes afeccións que non merecen este trato noxento. Acaso non saben de sobra en Madrid que os venres a esas horas son noites de Luar?