Opinión

Arrogancia

Cada un pasa os malos tragos como pode; eu, tentando botar fora algo do desasosego acumulado antes e despois das eleccións. Se acaso, a maneira en que o faga moleste a algúns. A pesar de todo, hoxe é un imperativo ético se arriscar, aínda que sexa para dar paso a un posterior e prolongado silencio. Falemos dalgunhas reaccións producidas tras o 21-O.

Cada un pasa os malos tragos como pode; eu, tentando botar fora algo do desasosego acumulado antes e despois das eleccións. Se acaso, a maneira en que o faga moleste a algúns. A pesar de todo, hoxe é un imperativo ético se arriscar, aínda que sexa para dar paso a un posterior e prolongado silencio.

Falemos dalgunhas reaccións producidas tras o 21-O. Dicía, con moito tino Xavier Vence: “…cabe preguntarse se é posíbel un proceso de confluencia e refundación a curto prazo ou se haberá que vivir un longo proceso de competencia fraticida e desgaste como nos oitenta. Eís a cuestión que a min máis me preocupa.”.

Concordo. Pero a min preocúpame a arrogancia subxacente nalgunhas das reaccións posteriores porque, de non rectificar, non haberá confluencia ningunha.

Un dos favorecidos (que non vencedores) dos comicios, Xosé Manuel Beiras, nunha das súas ocorrencias postelectorais (e van…), declarou a medios españois que “El PP está derrotado políticamente, aunque se haya consolidado en las urnas”. Ou sexa, se a dereita foi derrotada, alguén debeu vencer: se cadra, a AGE.

Maldita vitoria, digo eu, que a Feijoo vaille permitir gobernar como se lle votara o 80% do censo, cando tan só o fixo o 25%; arrenegada vitoria, para unha Galiza que perde o rumbo enfilado polas outras nacionalidades históricas; fodida vitoria, que dá pé a Montoro para fachendear no Congreso, dicindo que o persoal entende as noxentas medidas que se traen entre mans, e se non che gusta o caldo, aí van dúas cuncas…

Pero hai máis. O que en realidade nos quere dicir Beiras, é que os 630.000 galegos e galegas que votaron ao PP nesta sinistra conxuntura, fixérono sen ningunha motivación política, porque os carrexan, porque os enganan, porque son parvos, en definitiva….En troques, ás distintas esquerdas lles votamos os que somos cultos, ilustrados e eliximos a papeleta enchidos de preclara “razón política”, non como ese gando conformista e mandado. E “derrotamos politicamente” aos “ignorantes, feridos e duros”, que, sen se inmutar, danlles unha e outra vez o poder á xente da súa confianza. Porque, mal que nos pese, a maioría do persoal tende a identificarse con aqueles que son coma eles, que son do común, e non van de intelixentes.

Arrogancia suicida dunha das, segundo din, supremas intelixencias do país.

Lin o artigo de Francisco Rodríguez en SERMOS. Concordo en cousas; noutras, non: a crise, a creba social, a inimiga dos medios de comunicación e das redes sociais habilmente manexadas “por expertos coñecedores”, a inconsciencia dos “indignados” manipulados por un non menos hábil encantador de serpes….todo está en contra do nacionalismo do BNG e pouco hai que dicir (en alto) das propias responsabilidades.

Arrogancia: ou acaso as 200.000 persoas que votaron AGE son unha grea de cabreados en plena confusión, cegados por un altisonante tribuno e vendidos ao españolismo?. Eu coñezo uns cantos, vellos amigos e amigas, votantes conscientes todos eles do BNG en anteriores convocatorias, que viron como tantos outros e outras en AGE un aquel antisistema e rebelde; un algo que hai tempo moitos e moitas non atopamos no BNG, quer polo morno das súas propostas, quer pola mínima capacidade inclusiva dos diferentes da que fai gala o Bloque. E, aínda así, seguimos a votalo; desta volta porque non aceptamos o intercambio de cromos con IU.

Arrogancia, que olla de esguello aos que mantemos diverxencias políticas que ben poderían minorarse nun debate franco e integrador e dificulta calquera avinza ou confluencia.

Aborrecida arrogancia.

Comentarios