Opinión

Aportacións ao novo Código Penal

Hoxe ímos ser ben guiados e non falaremos das eleccións. Como é xornada de reflexión estaba eu pensando e ocorréronseme unhas lixeiras modificacións do Código Penal. Non só o ministro de xustiza pensa, e xa que el abriu a veda: Que aos políticos que prometen branco e dan negro lles caian entre catro e seis anos de cárcere.

Hoxe ímos ser ben guiados e non falaremos das eleccións. Como é xornada de reflexión estaba eu pensando e ocorréronseme unhas lixeiras modificacións do Código Penal. Non só o ministro de xustiza pensa, e xa que el abriu a veda:

Que aos políticos que prometen branco e dan negro lles caian entre catro e seis anos de cárcere. Aos banqueiros que estafan aos depositantes, entre doce e vinte anos. Aos oligopolios eléctricos e petroleiros que manipulan os prezos e as facturas, entre dous e oito anos. Aos plutócratas defraudadores de Facenda e aos que agochan os capitais en paraísos fiscais, entre oito e doce. Aos grupos relixiosos que promoven manifestacións contra os dereitos constitucionais ou amparan criminais pedófilos e secuestrabebés, cela de castigo. Aos que enaltezan un réxime fascista e criminalicen as súas vítimas: un xugo, cinco frechas e unha aguia que lles arrinque os ollos.

Aos que impiden que os votos das persoas teñan o mesmo valor ou fan que millóns deles non vallan nada, dous anos de internamento nun centro de rehabilitación, canxeabeis por traballos para a comunidade. Aos que promulgan lexislacións que abren a porta ao despedimento libre sen causa e deteñen sindicalistas por defender obreiros, ensalada de estrugas cada oito horas. Aos que conculcan dereitos básicos como o da saúde, a vivenda digna ou a liberdade de expresión, entre seis e oito anos: as penas son negociabeis porque estes asuntos, canto máis consenso teñan, mellor.

Aos torturadores das comisarías, malleira, gas pementa e pistola eléctrica reglamentaria. Aos delegados e delegadas do goberno que infiltren policías nas manifestacións para provocar disturbios, entre cinco e sete (igual son poucos). Aos policías que mallan en mozos e mozas, anciáns, transeúntes ou xornalistas e enriba se negan a se identificar, entre dous e seis. Aos que fronte ás reivindicacións territoriais responden con ameazas de guerra, un carro de bombas fétidas. Aos políticos que inician ou apoian guerras ilegais, no seu caso coa agravante de xenocidio, vinte anos de prisión.

Aos que pechen medios de comunicación, prohiban partidos políticos, encarceren a opositores polas súas ideas ou os manteñan presos sen xuízo, entre doce e vinte anos. Aos que censuren obras de teatro, páxinas de internet, grupos musicais, programas de televisión ou discursos, trinta puntos de sutura con fío de estopa de labio a labio. Aos que financien escolas que segreguen por sexo, raza ou extracción social, entre tres e cinco. Aos que ataquen as linguas minoritarias e os seus falantes, entre sete e nove. Aos que desafiúcen familias pobres porque non pagan un mes de hipoteca mentres consenten as débedas multimillonarias dos partidos ou dos grandes clubs de fútbol, dezaseis anos.

Aos que lle pechan a porta da universidade ás clases traballadoras, mil kilos de deberes. Aos que permiten ou promoven a destrución da paisaxe con fins especulativas, nove anos. Aos que pechan inmigrantes que non cometeron delictos en cárceres ateigados, aínda que lles chamen centros de acollida, dez anos. Aos que alentan crimes antisociais como o xogo, a trata de mulleres, a explotación laboral ou a evasión fiscal en forma de casinos que funcionan coma illas á marxe da lexislación xeral, quince anos. Aos que pechan escolas, centros de saúde ou quirófanos mentres fan dispendios en Fórmula 1, voltas ciclistas ou candidaturas olímpicas, doce anos.

Aos políticos que falsean as contas e fachendean de contas claras, seis anos. Aos collidos nun cazo, outro seis. Aos ministros que instauran penas de cárcere para os que denuncian o atraco planificado dos ricos aos pobres, inhabilitación perpetua e a súa propia medicina: prisión permanente revisábel, por converter a democracia nunha dictadura parlamentaria. Ou, se preferides, o estado de dereito nunha democracia totalitaria.

Pensádeo un momento, que hoxe non hai mitins ni debates e tedes tempo. Hoxe é o mellor día. E mañá falamos.    

 

Comentarios