Opinión

Antonia Rodríguez López. Para sempre na lembranza

Tras a recente morte de Rosa Bassave, que me deixou o corazón magoado, chegoume hoxe desde Francia outra dolorosa nova: o pasamento da guerrilleira antifranquista Antonia Rodríguez López, da Federación de Guerrillas León-Galicia. Foi Chelo, a súa irmá, a que mo comunicou entre bágoas.

Tras a recente morte de Rosa Bassave, que me deixou o corazón magoado, chegoume hoxe desde Francia outra dolorosa nova: o pasamento da guerrilleira antifranquista Antonia Rodríguez López, da Federación de Guerrillas León-Galicia. Foi Chelo, a súa irmá, a que mo comunicou entre bágoas. Cun fío de voz e cunha dor profunda lembrou en poucas palabras o que xa me comentara noutras ocasións: “Foi unha guerrilleira moi valente e persoas como ela non se poden esquecer; a historia ten que facer xustiza”. E engadiu: “Tiña que morrer eu antes”.

Imos perdendo referentes. Antonia, como outras moitas resistentes, érao. Nacera un 6 de xaneiro de 1925 en Soulecín (Barco de Valdeorras) no seo dunha familia que, tras o levantamento militar, colaborou cos primeiros fuxidos, aínda non organizados, e posteriormente cos integrantes da Federación, fundada en abril de 1942. Os fascistas non perdoaron aquela entrega ás causas da liberdade e da xustiza e, dos nove membros da familia, só tres ficaron con vida, as dúas irmás e o irmán máis vello que, na altura, vivía en Salas de Ribera: asasinaron o pai e a nai o 18 de outubro de 1939 e entre 1941 e 1949, en circunstancias distintas, caeron os outros catro irmáns, guerrilleiros tamén.

Antonia era case unha nena cando pisou por primeira vez o cárcere do Barco de Valdeorras, tiña apenas 14 anos. Despois tamén pasaría polos de Ponferrada e León. Guerrilleira da chaira primeiro, axente do Servizo de Información Republicano (SIR), guerrilleira do monte despois, cando a súa vida corría un grande risco, os campamentos da Cidade da Selva nos montes da Serra do Eixe, as numerosas casas de apoio e refuxios circunstanciais polo leste de Galiza e León foron acubillo seguro naquela etapa de clandestinidade. Como lle aconteceu a Chelo, coa que sempre andou aqueles anos. Ao se desartellaren aquelas bases, en xullo de 1946, e após a disolución da Federación en 1947, as dúas irmás separáronse en Berlanga e Antonia seguiu as mesmas vicisitudes que o seu compañeiro de luita, o guerrilleiro asturiano César Ríos Rodríguez, a quen preparou a viaxe desde Omañón (León) a Asturias, co obxectivo de organizar a saída a Francia. Durante máis dun ano, Antonia seguiu coa vida clandestina por diferentes lugares de Asturias e a noite do 22 de outubro de 1948, xunto con vinteoito guerrilleiros, embarcou nun pequeno pesqueiro francés en Luanco para iniciar o camino da liberdade. Arribaron ás catro da mañá do 24 a Saint-Jean de Luz, tras unha accidentada viaxe por mor dunha forte tempestade desatada ao pouco de subir ao pesqueiro. Non foron poucas as penalidades e o sufrimento da guerrilleira e do seu compañeiro até atinxiren unha mínima estabilidade no país francés polos problemas que tiñan os refuxiados para conseguir o permiso de residencia e a carta de traballo. Foi a raíz de se instalaren en París cando puideron “normalizar” a súa vida. César e Antonia, xunto coa súa única filla, Irma Ríos Rodríguez, non puideron facer realidade un desexo longamente acariñado: volver á terra para nela morrer, malia o tentaren. Como o seu home, falecido en 1997, Antonia morreu en París o pasado 7 de setembro e hoxe, 12 de setembro, foi soterrada. Desaparece unha das dúas derradeiras guerrilleiras galegas (do monte), integrante dunha das dúas organizacións que operaron en Galiza na década de 1940, perseguida con saña, como as súas compañeiras e compañeiros. Unha muller cuxa vida tamén ficou marcada por aquela etapa de terror, que viaxou a Galiza en xullo de 2004 cando o concello do Barco de Valdeorras colocou un monolito un lugar en que asasinaran o pai e a nai. Lembrarémola sempre.

En Soulecín fican en pé os restos da casa dos Rodríguez López, como símbolo da forza, da resistencia daquela familia. Entre a guerrilla, aquel lar era coñecido xustamente como “A Fortaleza”. E está en pé, felizmente, Chelo, que o próximo 18 de outubro –o mesmo día en que asasinaron os pais– cumprirá 93 anos. Para ela envío unha longa e forte aperta virtual. 

Comentarios