Opinión

Tres anos de Sermos, tres anos de xornalismo

O semanario Sermos Galiza fixo este 8 de xuño tres anos.

O semanario Sermos Galiza fixo este 8 de Xuño tres anos. Un tempo tan breve como intenso para un proxecto de comunicación firmemente comprometido co xornalismo crítico e coas demandas, arelas e necesidades dunha nación chamada Galiza. Durante estes tres anos, foi intención de Sermos contribuír para fortalecer o espazo de comunicación galego, a xanela através da cal, desde a nosa propia realidade nacional, ollamos para o mundo. A propia existencia dun meio en galego nos quiosques continúa a ser todo un acontecimento na Galiza. Aliás, sempre fuximos da autocompracencia e nunca nos demos por satisfeitas e satisfeitos polo simples feito de existirmos. Aspiramos a máis. A producirmos un xornalismo de calidade. A cumprirmos a función de sermos no plano de comunicación a terminal da sociedade que non acha voz nos meios convencionais. Esas eran hai tres anos as nosas tarefas e esas continúan a selo hoxe en día. Pensamos modestamente que neste tempo temos avanzado cara ao cumprimento dos nosos propósitos fundacionais, mais sabemos, claro que si, que a maior parte do camiño está por percorrer.

Nacimos no meio dunha profundísima crise do capitalismo global e  cun país, o noso, a esfarelarse. Unha nación coa base produtiva no devalo, cunha demografía estancada e co seu principal patrimonio colectivo, a lingua galega, nun preocupante retroceso. Mesmo así, a sociedade galega ten capacidades de seu e Sermos Galiza tenta humildemente ser tamén reflexo dese potencial, pondo sobre a mesa as alternativas que temos como sociedade para prosperarmos e como nación para emanciparnos. O debate sobre o que somos, o debate cara onde nos diriximos como pobo galego, sempre terá espazo en Sermos Galiza porque debruzármonos sobre o presente e o futuro do país ten sido e é un dos leit motiv da nosa propia existencia como meio de comunicación.

Aquí estamos, tres anos despois, con vontade de facer moitos máis e sen pórnos nengún límite e coa convicción de que seremos aquilo que a Comunidade Sermos -a nosa comunidade de leitoras e leitores- queira que sexamos.

Comentarios