Opinión

Alúgase Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura é o último exemplo de como os soños duns poucos poden acabar converténdose en pesadelos de moitos. Un complexo que se proxecta durante os gobernos de Fraga e que doce anos despois segue sen rematarse. De seguro será estudado como exemplo do que non deben facer os que xestionan a res pública.

A Cidade da Cultura é o último exemplo de como os soños duns poucos poden acabar converténdose en pesadelos de moitos. Un complexo que se proxecta durante os gobernos de Fraga e que doce anos despois segue sen rematarse. De seguro será estudado como exemplo do que non deben facer os que xestionan a res pública. Naceu do soño megalómano dun presidente, sen proxecto cultural, triplicándose os custes iniciais e segue á espera de demostrar a utilidade e servizo ao pobo galego.

Ate o momento o PP é incapaz de explicar a súa rendibilidade. De feito, no colmo de delirio, ao Conselleiro de Cultura só se lle ocorre dicir que grazas á Cidade da Cultura a Xunta aforra en alugueres. Argumento tan ridículo como expresivo do recoñecemento dun fracaso. Se isto fora certo, ben podían trasladar todos os alugueres que neste momento ten a Xunta de Galiza e asunto resolto; ou optar por colgar un cartel ben grande de alúgase, de seguro que cando menos, a cultura deste país respiraría aliviada, e os cartos que segue engulindo o Gaiás, aplacarían as penurias dunha castigada e maltratada cultura galega.

"Ao Conselleiro de Cultura só se lle ocorre dicir que grazas á Cidade da Cultura a Xunta aforra en alugueres"

O panorama que temos na Galiza resulta realmente dantesco. Catro edificios na curota dun monte absorben o 17% dos fondos da cultura, mentres a nosa vida cultural esmorece. O Goberno do PP destina 9.000 euros diarios só en gastos de mantemento, mentres a cultura perde nun ano 2.800 empregos. O Gaiás programa flamenco para nen@s, mentres Galiza perde 1.000 funcións de teatro. Destinan 8.000 euros ao día na exposición Gallaecia Pétrea, mentres museos, salas de cine ou de música colgan o cartel de pechado. Gastan millóns de euros en propaganda, mentres suprimen ou asfixian os circuítos culturais. Eis a cuestión. É viábel manter estes edificios cando a estrutura da cultura galega corre perigo de derrubarse? O sentido común responde que non, porén o PP obcécase en manter en pé o soño fraguiano, custe o que custe!

A cultura non habita nos edificios. A cultura é un ser vivo, habita nos creadores e creadoras, no público. Non pode meterse nunha gaiola, por moi espectacular que esta sexa. Non ten sentido que mentres se empobrece a vida cultural galega, o PP siga enterrando cartos no Gaiás. Un parado de Vigo, unha mileurista da Mariña ou un xubilado da Coruña, non van desprazarse á Cidade da Cultura para ver teatro, escoitar un conta- contos ou disfrutar dun concerto. A cultura hai que espallala e achegala ás persoas e lembrar que é dereito humano fundamental, que precisa amparo e protección dos poderes públicos. Xusto o contrario do que acontece na Galiza.

"Destinan 8.000 euros ao día na exposición Gallaecia Pétrea, mentres museos, salas de cine ou de música colgan o cartel de pechado"

O BNG ten disposición de abrir un debate amplo e rigoroso sobre que facer coa Cidade da Cultura. Un debate que atinxe ao conxunto do pobo e non pode ficar silenciado en catro paredes. A vindeira semana debateremos no Parlamento de Galiza unha moción da que traslado o contido literal, que pretende ser un contributo franco e aberto a corrixir erros do pasado, os propios e os alleos.

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa da deputada Ana Belén Pontón Mondelo ao abeiro do disposto no artigo 151.2 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Moción para substanciar a Interpelación debatida na sesión celebrada o 13 de Marzo de 2013, sobre a posición da Xunta de Galiza respecto da paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construción na Cidade da Cultura e a avaliación do seu impacto económico, social e cultural (doc. núm. 550).

O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a:

1. Iniciar de inmediato os trámites necesarios para proceder a paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír na Cidade da Cultura.

2. Facer unha reprogramación dos fondos destinados á actividade da Cidade da Cultura, destinando, como mínimo, o 50% dos fondos consignados nos orzamentos da Xunta de Galiza á Fundación Cidade da Cultura, ás axudas aos diferentes sectores da cultura galega e á realización de actividades e difusión das producións culturais galegas no conxunto das aldeas, vilas e cidades galegas.

"Demándase do CCG un estudo que avalíe o impacto cultural, económico e social que tivo a posta en funcionamento da Cidade da Cultura".

3. Remitir, no prazo de quince días, ao Parlamento de Galiza, copia de toda a documentación relativa ás contratacións realizadas pola Fundación da Cidade da Cultura desde xaneiro de 2011 até a actualidade, así como as actas das xuntanzas do Padroado da Fundación da Cidade da Cultura.

4. Remitir, no prazo de quince días, información detallada sobre a situación financeira da Fundación Gaiás, especificando a situación na que se atopa o fondo fundacional da mesma, e o destino deses recursos.

5. Remitir, no prazo de quince días, copia dos contratos de aluguer que tiñan os diferentes servizos trasladados aos edificios da cidade da Cultura, así como, os informes elaborados pola Xunta de Galiza que cuantifican o suposto “aforro” que se produciu co seu emprazamento na Cidade da Cultura.

O Parlamento de Galiza, solicita do Consello da Cultura Galega, en virtude do artigo 6 da súa lei de creación, a elaboración, no prazo de seis meses, dun estudo que avalíe o impacto cultural, económico e social que tivo a posta en funcionamento da Cidade da Cultura.

Comentarios