Opinión

Agora, Galiza!

Agora é o momento da Galiza. As eleccións de 28 de abril son para nós, galegas e galegos, a oportunidade de que a nosa nación recupere a voz soberana que millares de persoas botaron en falta nestes anos en que o noso País, os seus problemas e as súas necesidades estiveron ausentes do debate no Congreso e no Senado, a voz dos deputados e deputas do BNG.

Esa ausencia é a consecuencia do comportamento das forzas de obediencia española. Xa sabíamos o que representaba o vello sucursalismo do Partido Popular e do PSOE, mestres do silencio submiso, capaces de traizoar unha e mil veces os intereses de Galiza ao ditado do que manden en Madrid, capaces mesmo de votar unha cousa no Hórreo e xusto a contraria no Congreso.

Agora todo mundo puido comprobar tamén o que dá de si o novo sucursalismo. Aqueles que se apresentaron dicindo que viñan a mudalo todo e que se comprometían a representar os intereses de Galiza non fixeron nin unha cousa nin a outra. O que si fixeron foi defraudar os compromisos co seu electorado e decepcionar a propios e estraños.

Así pois, neste contexto, en que o debate esencial no Estado é, inevitabelmente, o que ten a ver cos dereitos das nacións, a Galiza ten de estar presente e non ficar atrás.

E por se non ficase claro ao longo de tres anos de ausencia dunha axenda galega nas Cortes, o colofón foron os Orzamentos do Estado, negociados por Podemos-En Marea co PSOE e votados a favor a pesar de seren os peores orzamentos de investimentos na Galiza en moitos anos.

Como está claro que non se poden esperar resultados diferentes facendo o mesmo, diante dunha nova oportunidade temos de mudar a perspectiva. Non se trata de escoller entre o mao e o peor, ou o que é o mesmo, escoller entre os que se alternan no desprezo á Galiza e na desatención dos seus problemas.

Non debemos escoller tampouco entre os que aprobaron a contrarreforma laboral, a LOMCE ou a Lei da Mordaza e os que no último ano non fixeron nada por derrogalas a pesar de contaren con maioría suficiente para iso. Nin entre os que gobernaron sen nos ter en conta e os que colaboraron nesas políticas prexudiciais para o noso País e a nosa xente.

Agora do que se trata é de falar de Galiza. Dos investimentos e as infraestruturas que precisamos; dos postos de traballo ameazados, en Alcoa, Poligal ou Ferroatlántica; de salarios e pensións dignas; do dereito a pescar, a producir, a non ter que emigrar; da fin do espolio enerxético e da estafa tarifaria, na electricidade ou na AP-9. Da defensa da nosa lingua fronte á pretensión do ultraespañolismo de excluíla e marxinala aínda máis.

É o momento de falar da defensa dos dereitos sociais para todas as galegas e galegos frente aos recortes e ás continuas ameazas de volta atrás naqueles que xa temos conquistados e de traballar para alcanzar aqueloutros que aínda están por conseguir.

É o momento tamén de falar dos dereitos nacionais do noso País. Cando xa ficou claro que o marco constitucional e autonómico non serve para resolver os nosos problemas sociais, económicos e políticos e para avanzar en benestar, é hora de afrontar que hai que mudalo.

Frente ao enroque do réxime nun españolismo cada vez máis ultra, que camiña aínda para máis centralización e confirma que o Estado español non é reformábel -polo menos en sentido democratizador e de recoñecemento das nacións-, o exercicio da soberanía é a mellor maneira e a única garantía de podermos decidir sobre os nosos asuntos para construír un futuro mellor, de liberdade e benestar, para o noso povo.

Así pois, neste contexto, en que o debate esencial no Estado é, inevitabelmente, o que ten a ver cos dereitos das nacións, a Galiza ten de estar presente e non ficar atrás. Nese sentido, a posición estratéxica a defender polo BNG vai ser clara: a Galiza non só debe ver recoñecido o dereito de autodeterminación senón que debe ter a posibilidade de o exercer. É unha cuestión de democracia, mais tamén de necesaria autorresponsabilización do noso futuro por nós mesmos, polas galegas e galegos.

E para mudar os marcos políticos sempre cómpre comezar por mudar os marcos mentais. Pensemos en chave galega e popular. Pensemos nos intereses do noso País e da súa clase traballadora, das maiorías sociais. Actuemos con confianza nas propias forzas. Iso hoxe significa confianza no BNG, a mellor representación da nación en marcha, dese País novo, libre e próspero, que habemos de construír entre todos e todas.

Néstor Rego é candidato do BNG ao Congreso

Comentarios