Opinión

Que agacha Juan Carlos de Borbón?

Que agacha Juan Carlos de Borbón? Por que tanta présa en o aforar?

Que agacha Juan Carlos de Borbón? Por que tanta présa en o aforar? Por que o PP forza até o regulamento do Congreso para dotar o ex monarca de blindaxe xudicial?

Estas son as preguntas que calquera democracia minimamente avanzada se estaría facendo neste momento. Claro que nunha democracia minimamente avanzada non sería concibíbel que se furtase á populación o dereito a decidir a súa forma de Estado, entre monarquía e república. Non sería concibíbel que se vetase unha consulta que Catalunya en todo momento se ofreceu a pactar con Madrid. Non sería concibíbel que se reformase en 15 días a Constitución para a aquelar ás demandas do capital financeiro transnacional e, en troca, se negase toda vía a abrir un proceso constituínte en que participasen, en pé de igualdade, as nacións realmente existentes no Estado...

Todo apunta a que Juan Carlos de Borbón si ten moito que temer. E non só polo flanco das demandas de paternidade: lembremos que o propio Diego Torres, socio de Urdangarín, declarou ao xuíz que o chefe da trama corrupta era o propio monarca. Lembremos que, no mínimo, o Borbón -e o seu fillo- sabía das actividades irregulares do instituto Nóos e que non as puxo en coñecemento da xustiza, senón que se limitou a pedirlle ao seu xenro que se afastase do asunto.

Un patrimonio de centos de millóns de euros

Si que parece que existe materia suficiente para investigar tamén o patrimonio do anterior chefe do Estado, estimado en centos de millóns de euros e cuxa orixe é, evidentemente, turbia.

Juan Carlos de Borbón, alén do máis, é depositario de segredos de Estado aínda non desclasificados e que tamén cumpriría fosen investigados por un poder xudicial verdadeiramente independente, a comezar polas circunstancias en que se produciu o golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981.

Lembremos que o propio Diego Torres, socio de Urdangarín, declarou ao xuíz que o chefe da trama corrupta era o propio monarca

Todo isto explica por que o PP se moveu con tanta axilidade para blindar o Borbón, mais todo isto revela tamén a debilidade dun réxime que tivo como xefe de Estado durante 4 décadas -após ser entronizado por un ditador- unha persoa cun historial tan dubidoso e tan vulnerábel ás denuncias xudiciais.

Aliás, a imputación da súa filla -producida tan poucos días despois da abdicación- vén confirmar o que xa sabiamos: El-Rei non renunciou por sentido de responsabilidade institucional: renunciou forzado polas circunstancias e nun intento desesperado de salvar o réxime.

Comentarios