Opinión

Acumulación de capital e podrémia. O caso ENCE (e III)

ENCE emporca as rías galegas e beneficia-se da economía do lume. Por qué, entón, continúa na Galiza? Tentaremos expór a nosa perspectiva.A outrora Empresa Nacional de Celulosas, impulsada polo Instituto Nacional de Indústria franquista, foi un proxecto estratéxico da economía autárquica do decénio de 50.

ENCE emporca as rías galegas e beneficia-se da economía do lume. Por qué, entón, continúa na Galiza? Tentaremos expór a nosa perspectiva.

A outrora Empresa Nacional de Celulosas, impulsada polo Instituto Nacional de Indústria franquista, foi un proxecto estratéxico da economía autárquica do decénio de 50. Confiada inicialmente ao empresariado “pátrio”, o Estado toma as rendas e inaugura a factoría de Lourizán no ano 1961. A planta de Lourizán foi concibida como unha auténtica indústria de enclave. Non é cuestión a abordar aquí cómo se promulgaron, modificaron ou reinterpretaron leis e decretos para facilitar a instalación de ENCE e para impulsar o seu ciclo produtivo impondo unha política forestal excluínte e totalitária, invadindo os montes comunais. Vamos reparar, en troques, nun aspecto no que poucas veces se incide: o entramado de apoios que ENCE foi construindo ao longo destes decénios para dar cobertura legal ou paralegal á sua actividade inmoral e delituosa.

O grupo ecoloxista ERVA elaborou en 2005 unha exposición e unha revista que resume a mesma, intituladas “ENCE, a hipoteca dun povo” (https://www.dropbox.com/s/dpm6xzn272pr8ak/ENCEahipotecadunpovo.pdf). Nesa exposición fala-se abertamente dese entramado de apoios. Incluso se pode visualizar ese entramado a partir dunha curiosa ilustración. Na mesma, ENCE forma un núcleo duro a partir do cal se proxectan “pseudópodos” que conectan con outros entes de distinta natureza e a distintos níveis, surxindo unha sólida urdime dotada de vida própria en torno ao seu núcleo vital, conformando unha espécie de micélio fúnxico que mantén firmemente apegada á terra esa estrutura toda. Abandonemos as metáforas e describamos en qué consiste esa urdime.

Nun primeiro nível, ENCE apoia-se nas empresas filiais e nas auxiliares. Entre as primeiras, NORFOR, filial forestal e de montes produtivos e Eucalipto de Pontevedra, que fabrica taboleiros macizos de eucalipto. Entre as auxiliares temos as empresas de transporte pertencentes ao Grupo Ceferino Nogueira, un empresario finado recentemente que edificou un pequeno empório de transportes en plena simbiose coa ENCE e co porto de Marín, chegando a mover anualmente máis de 500.000 tm en mercadorías para a Celulosa. Outras empresas auxiliares, beneficiárias ou pertencentes ao subsector forestal forman parte tamén deste primeiro nivel da urdime: empresas e viveiros forestais (Explotacions Forestales Gallegas, Asociación de Viveiros Forestais…..), empresas eléctricas ou auxiliares (Union Fenosa, ELNOSA..), outras empresas do sector (INTASA, TAFISA, FINSA..), empresas de seguridade, de mantemento ou de suministros. Estas empresas todas forman o primeiro nível de influencia, o económico.

A seguir encontramos o nível da urdime que involucra patronal, sindicatos, partidos políticos, entidades e institucións públicas ou de participación pública e empresas de consultoría. O seu papel é o de incidir socialmente a favor da indústria, elaborando un corpus coerente de acción e comunicación sociais a partir da realidade económica e das ideas forza saídas do ámbito da consultoría ou da própria empresa. Neste plano encontramos a todo o conxunto de siglas que representan á patronal: Cámara de Comércio de Pontevedra, Asociación de Empresarios de Pontevedra, Confederación de Empresarios de Pontevedra, Confederación de Empresarios de Galicia, CEOE, etc. A partidos políticos como PP ou PSOE, que teñen nos seus órgaos de dirección a destacados militantes con claras vinculacións coa ENCE. A sindicatos como CC.OO ou UGT, que actúan como axentes imprescindíbeis na manipulación de pequenos transportistas. Ao Cluster da Madeira, que reúne á maior parte de empresas e organizacións do subsector forestal, hoxe tomado pola indústria da madeira de desintegración. E ás consultoras e entidades de certificación, encarregadas de dar-lle cobertura legal e imaxe social na sua actividade poluínte ou forestal: PEFC, FSC, Norcontrol, Novotec, Aenor, SSC, etc.

Un terceiro nível da urdime é o composto polas administracións, locais, provinciais, autonómicas ou estatais, ademáis doutros entes públicos. No seu momento, alcaldes de concellos como Ponteareas, Ferrol, Padrón, Sanxenxo, Barro, Trabada, Cariño, Ordes, Tomiño, A Cañiza, Ortigueira, Sada ou Negreira, fixeron declaracións ou adoptaron acordos nas corporacións respectivas, que favorecían a imaxe social ou a actividade económica da ENCE. Xunto aos concellos, as diferentes consellarías e direccións xerais da Xunta de Galiza e as deputacións provinciais, especialmente a de Pontevedra, así como os ministerios estatais con competéncias. Estas administracións, cando son gobernadas polo partido “amigo”, non perden o tempo en favorecer á empresa, recente temos a modificación da Lei de Costas, que podería posibilitar a perpetuación da ENCE na ría de Pontevedra.

Finalmente, temos un nível de base integrado harmónicamente por entidades académicas, de formación ou investigación (Cátedra ENCE da Universidade de Vigo, Escola de Capacitación Forestal de Lourizán, sectores da Universidade de Santiago, Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, CIS-Madeira..), medios de comunicación (Diário de Pontevedra, Grupo Voz, El Correo Gallego, Cadena Ser,..), asociacións de proprietários de montes (Silvanus, Asociación Forestal de Galicia, AFRIFOGA…) e a acción social da empresa (Pontevedra F.C., S.D. Teucro, apoio puntual a iniciativas artísticas, etc).

De arriba a abaixo e viceversa, como unha cadea neuronal, este entramado transmite impulsos que responden aos intereses e obxectivos do núcleo cerebral da urdime. Unhas veces interesa priorizar unha mensaxe sobre outra e sae á palestra calquera dos elementos integrantes dese entramado, por exemplo, o académico. Ao dia seguinte, saen os sindicalistas amarelos e a patronal mostrando as bondades do modelo da ENCE. Frente este sistema, o combate revela-se desigual e muitas veces desalentador.

Alguén dirá que isto todo é unha paranoia. Recomendo unha viaxe polo web do Movimento Mundial en Defensa dos Bosques (www.wrm.org.uy). Podera-se comprobar cómo as demáis celulosas que actúan polo mundo adiante aplican as mesmas estratexias que a ENCE. Deixamos para outra ocasión a análise de alternativas ao modelo celulósico. Como se ten visto, un modelo perverso digno do peor do neoliberalismo económico.

Comentarios