Opinión

Abandonar a mansedume

Inmersos na actualidade dos grandes debates e na impotencia das magnas decisións preguntámonos que podemos facer nós para mudar, aínda que sexa sutilmente, as situacións actuais que nos envolven e afogan, cada día un pouco máis, para así facérmonos sentir realmente impotentes.

Inmersos na actualidade dos grandes debates e na impotencia das magnas decisións preguntámonos que podemos facer nós para mudar, aínda que sexa sutilmente, as situacións actuais que nos envolven e afogan, cada día un pouco máis, para así facérmonos sentir realmente impotentes. Como podemos enfrontarnos a un contexto no que semellamos atados e atadas de pés e mans? Como podemos actuar como parte do mundo cando habitamos nun universo no que as decisións se toman a cada paso máis lonxe, onde van desaparecendo os xeitos de organización social que nos vertebraban, onde medra o desemprego, onde moitas persoas novas e preparadas volven marchar fóra,...

Estas son as preguntas que algunhas persoas nos facemos todas as mañás, todas as tardes ou mesmo todas as noites, depende claro está dos particulares hábitos de cada quen. Ás veces convivimos tamén cun sentir xeral no que o imaxinario social nos proporciona unha atractiva marca: nada se pode facer, déixense vostedes levar. Mais sorprendentemente, levantámonos ao día seguinte e levados polos nosos vínculos, emocións e contactos sociais retornamos ás preguntas para buscar saídas no túnel, para procurar camiños que nos alimenten na nosa ansia feroz por vivir e construír, que ao fin de contas é o motor dos nosos actos.

Desde logo que non imos atopar receitas máxicas mais si poderemos aprender facendo, actuar, crear, inventar e participar. E imos cara o campo do pensamento e temos moitas incógnitas resoltas, moitas preguntas que se contestan con respostas cheas de sentido común, como esta que dá título ao artigo. Galiza soio mercerá respeto cando abandoemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente. E paralelamente a esta reflexión de Castelao poderiamos atopar moitas outras claras, evidentes, sinxelas. Mais como trasladar todo isto ao noso día a día. Como aplicar os nosos pensamentos a esta realidade limitadora de liberdades de comunicación, acción e participación.

De certo, existirán unha e mil maneiras que aínda non coñecemos nin experimentamos. Mais existen algunhas para as que si teriamos capacidade, sinxelas, pequenas, contaxiosas, apaixonantes.

Cada quen coñece iniciativas de certo éxito, xa sexan de tipo social, emprendedor, pedagóxico, cultural, medio ambiental, cooperativo, etc. Estruturas e ideas que funcionan e que cambian pequenas e grandes cousas. Existen moitas oportunidades que aínda non podemos imaxinar porque para crealas temos antes que traballar na vertebración da comunidade á que pertencemos, con todos os seus niveis, desde a pertenza máis próxima até o nivel da identidade galega e mesmo da universal.

E si, estamos desvertebrados, illados e atomizados en moitas das nosas actuacións. Ás veces vivimos como estraños ao carón de iniciativas que teñen máis en común con nós do que imaxinamos e que poderían ser un apoio para alimentar os nosos obxectivos últimos. Unha pequena asociación de barrio, unha orixinal e solidaria iniciativa económica, un invento, unha idea, unha actividade cultural coa mirada posta no noso,...

Ás veces a sinxeleza, o contacto humano, o contaxio por mellorar a nosa situación ou o mesmo que facer diario impulsan o noso propio futuro. Sabemos que as condicións actuais son extremadamente duras e hostís, agresivas coas maiorías sociais ás que pertencemos. Mais tampouco nunca na nosa historia como galegos e galegas tivemos tanto coñecemento, tantas ideas novas, tanta capacidade crítica, ... Cohabitando nun mundo no que moitos dereitos retroceden, onde as conquistas se desmontan, podemos aínda argallar diversidade de accións apaixonantes.

Porque abandonar a mansedume significa acción en todos e cada un dos niveis da nosa vida, no laboral, no cultural, no veciñal, non organizativo, no comunicativo, no económico... Precisamos acción en todo e para todo, de non ser así poderiamos estar a vivir unha negación de tantas oportunidades como supomos que aínda temos.

Se a realidade nos inunda presentándonos un contexto abrupto, con oportunidades e soños perdidos que podemos facer? Poderemos enfocar de novo os obxectivos para recrear plans e proxectos? Podemos crear iniciativas de pequeno tamaño para mellorar o fenómeno migratorio das persoas máis novas? Podemos recuperar e revitalizar a nosa cultura a través das artes e da creatividade? Podemos buscar saídas ao abandono condicionado do rural en Galiza? Logo se podemos pensar e actuar con respecto a todo isto podemos, definitivamente, abandonar a mansedume e facérmonos máis nós. Se cadra, cando os tempos sopren cuns ventos máis propicios sexamos quen de comprobar o que realmente seriamos cunha vida independente. É dicir, unha vida non negada, tan solidaria e humana que faría tremer a quen vive de afogármonos, xa se chame gran capital financeiro, magno estado ou mesmo potente e desigual monopolio da tecnoloxía e do coñecemento.

Comentarios