Opinión

A vida do B(NG)rian e as tomas alternativas

Achégase o protagonista da Vida de Brian aos catro activistas subversivos nas bancadas do Circo e pregúntalles: -Sodes da Fronte Popular Xudaica? -Vai á merda!- contesta o líder, e con ton burlento repite: -A Fronte Popular Xudaica! Nós somos da Fronte Popular de Xudea. -Podo unirme ao voso grupo?- pregunta Brian. -Non! Pérdete! -Pero eu odio aos romanos tanto coma calquera.

Achégase o protagonista da Vida de Brian aos catro activistas subversivos nas bancadas do Circo e pregúntalles:

-Sodes da Fronte Popular Xudaica?

-Vai á merda!- contesta o líder, e con ton burlento repite: -A Fronte Popular Xudaica! Nós somos da Fronte Popular de Xudea.

-Podo unirme ao voso grupo?- pregunta Brian.

-Non! Pérdete!

-Pero eu odio aos romanos tanto coma calquera.

-Estás seguro?

-Totalmente!- reafírmase Brian. -Odio os romanos!

-Se queres ingresar, tes que odialos moitísimo.

-Xa os odio!

-Ai si? E canto?

-Moito!

O líder obsérvao un segundo antes de sentenciar:

-Vale, admitido. E lembra, a única xente á que odiamos máis que os romanos é a da puta Fronte Popular Xudaica!

-Putos escindidos do carallo-, engade outro dos indignados activistas, -e os da Fronte Popular de Xudea igual.

-Como?- pregunta o líder.

-A puta Fronte Popular de Xudea!- repite aquel.

-A Fronte Popular de Xudea somos nós!- bérralle o líder.

-Ah! Pensei que eramos a Fronte do Pobo.

-Que dis? Somos a Fronte Popular!!

-Por certo- apunta outro membro. -Que foi da Fronte do Pobo?

-Velaí o está- di o líder, apuntando cara un vello solitario nas bancadas.

-Escindido do carallo!!- bérranlle todos a coro.

*

En fin, que igual o día 22 de outubro dicimos como o do chiste de Gila: “É certo que me matastes o fillo, pero canto nos rimos!” Os romanos do PP están sentados á porta agardando que pase o cadáver do inimigo, ou coma na película dos Monty Python co cartafol e a pluma na man para preguntarlles aos candidatos polo método de axustizamento: “Crucifixión?”

Isto vai ser coma cando aos cativos lles preguntan: “A quen queres máis, a papá ou a mamá?” Nesa situación o meniño ou a meniña, case sempre máis razonábel que os que fan a pregunta, pensa que a persoa maior é parva ou ten mala intención, e opta por calar. O equivalente a calar nunhas eleccións é non votar, e axudar aos romanos.

Pero non caïamos no pesimismo. Ao mellor os nosos Xudaicos e Xudeos chegaron á conclusión de que isto é como a Coca-cola e a Pepsi, que a competencia tira da demanda. Non sei se as eleccións funcionan así e si sei que non son os Xudaicos nin os Xudeos os que manexan a propaganda da Coca-cola e da Pepsi. Pero quen sabe? Igual eles teñen a fórmula secreta do éxito, que consistiría en que cada opción sacase os votos xustos para obter “x” escanos, só os xustos e ningún máis, de maneira que non houbese votos estragados e se minimizasen os danos. Ten que haber unha fórmula matemática para calcular iso, como non vai haber! E para iso están os patriotas, para explorala.

Dentro dunhas semanas sairemos de dúbidas sobre o que ocorre na realidade. Na película gañan os romanos e os locais acaban cantando que “sempre hai que mirar o lado bo das cousas”. Iso si, cántano crucificados.

Comentarios