Opinión

A soberanía é a cousa máis importante

Fagámoslle caso a Rajoy e falemos das cousas importantes.

Fagámoslle caso a Rajoy e falemos das cousas importantes. A estas alturas é unha evidencia que o rexime político emerxido arredor da Constitución de 1978, a restauración monárquica con límites atados e ben atados polo ditador, xa non é que non dea máis de si, é que está podre. Non resolve nin os problemas das cidadás e dos cidadáns como individuos nin moito menos os problemas das nacións que cohabitan no Estado, Galiza a primeira, sen dúbida a máis necesitada de rachar co actual statu quo.

O caso Bárcenas agora, como o caso Filesa no pasado, revela que as elites no Estado, con independencia de que camisola política vistan, PP-PSOE, PSOE-PP, conciben a política como o saqueo das institucións públicas no seu beneficio. Isto é plenamente congruente co funcionamento real do capitalismo na súa fase serodia. Capitalismo de Estado, por suposto. Mais non para facer do Estado unha ferramenta de socialización a prol da maioría, senón para o utilizar como un mecanismo de acumulación de poder e capital en mans dunha selecta minoría. No caso español, a selecta minoría que leva detentando o poder desde tempos inmemoriais, con ou sen democracia.

Sermos Galiza quer saudar o surximento da iniciativa social Galiza pola Soberanía, GpS

Así son as cousas e así van continuar a ser. Aprendamos da experiencia de Castelao. Non demorou moito en advertir que con España, mesmo coa mellor versión de España, a republicana, non había nada que facer. Que as elites españolas eran ante todo iso, españolas e, por definición, españolistas. Fracasadas ou non, imperialistas. Negadoras da diversidade. Incapaces de pensar o Estado como un ente pluri ou multinacional.

Nesas continuamos. Por iso se falamos das cousas importantes, como nos convida a facer Rajoy, temos necesariamente que falar da soberanía, da súa necesidade imperiosa para Galiza. O noso país precisa dun poder político propio merecente de tal nome que nos permita facérmonos cargos de nós propios, que nos dea ferramentas para enfrontarmos os gravísimos problemas colectivos -alto desemprego, brutal caída demográfica, estancamento e retroceso dos sectores produtivos, desaparecemento do sistema financeiro...- que temos por diante.

Nese sentido, Sermos Galiza quer saudar o surximento da iniciativa social Galiza pola Soberanía, impulsada por máis de 200 persoas que, desde abaixo, desde a sociedade, expresan o seu compromiso coa súa nación, coa nosa. GpS mostra que estamos vivos e que non nos resignamos a sermos unha provincia española sen futuro. GpS ten moito traballo por facer, mas tamén ten a favor un enorme potencial, o de millares de compatriotas que non se renden e que están dispostos a deixar claro que Galiza existe e que é tan nación como a que máis.

Comentarios