Opinión

A síndrome de Estocolmo galega

A síndrome de Estocolmo debe o seu nome a un episodio acaecido na capital sueca durante o atraco a un banco con captura de reféns. Parece ser que catro persoas, retidas durante 6 días polos dous secuestradores, amosáronse remisas a declarar contra eles e mesmo se viu a unha desas persoas bicar a un dos seus captores.

A síndrome de Estocolmo debe o seu nome a un episodio acaecido na capital sueca durante o atraco a un banco con captura de reféns. Parece ser que catro persoas, retidas durante 6 días polos dous secuestradores, amosáronse remisas a declarar contra eles e mesmo se viu a unha desas persoas bicar a un dos seus captores. Así, descríbese a síndrome de Estocolmo, dun xeito resumido, como a reacción psicolóxica dunha vítima de secuestro que acaba sentindo simpatía pola persoa que a retivo.

Fóra das situacións de retención contra a vontade das persoas, téñense descrito variantes desta síndrome noutros ámbitos, como por exemplo no caso das mulleres que sofren violencia de xénero, que son en moitas ocasións contrarias a separarse do individuo que as maltrata, por estar presas dunha mestura de medo e dependencia, mais tamén por estar a vivir unha clara síndrome de Estocolmo. Realmente, a violencia de xénero tamén implica retención contra a vontade (e mesmo retención da vontade).

Voume atrever eu aquí a describir unha nova variante desta síndrome, aplicada ao pobo galego. Poderíamos observar esta reacción na psique colectiva galega, en situacións que vimos de pasar hai ben pouco tempo. Por exemplo, nas pasadas eleccións. Durante a campaña electoral, e mesmo fóra dela, teño escoitado en múltiples de ocasións aquel argumento xustificativo de apoiar ao PP nas urnas dicindo que “os recortes que fai non queda máis remedio que facelos, son necesarios porque hai crise e hai que apertar o cinto”. Ou mesmo aquel outro de “voulle votar ao PP porque son os que van gañar”. Calquera destas dúas explicacións dun voto PP paréceme, á par que carente de todo siso, sintomática dunha “síndrome de Estocolmo” na que as persoas se senten vítimas dos gobernos do PP, mais simpatizan coas medidas que toman por medo ao que virá, porque escoitan constantemente que esas medidas son necesarias, por se outro goberno dunha cor distinta tomase outras inda peores, ou, mesmo porque votar ao PP failles sentir gañadoras inda que só sexa por unha vez.

O Partido Popular, grande experto da manipulación de masas, non é descoñecedor desta circunstancia, que aproveita para maior beneficio da súas políticas, e así, previo aos graves recortes aos que somete ás clases populares, adoita emitir un “globo sonda” que máis que para pulsar a opinión da cidadanía, como se di habitualmente, non é outra cousa que un estupendo método para crear unha “síndrome de Estocolmo” colectiva. Un exemplo claro: no mes de xullo pasado, publicouse o Real Decreto-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria, tamén chamado Decretazo, no que se establecían, entre outras, unha serie de medidas regresivas e grandes recortes nas condicións laborais e salariais do persoal ao servizo das Administracións Públicas. Previamente, correra o rumor de que ían eliminar as dúas pagas extra, suspender o cobro do complemento de Carreira Profesional, os complementos por Incapacidade Transitoria e eliminar todos os días libres. Cando xa todo o mundo se escandalizara e rachara as vestiduras por imaxinar a aplicación de tais medidas, resultou que non foron tan alá, que “só” retiraron unha paga extra, a de decembro, “unicamente” reduciron a 3 os días de libranza por asuntos persoais e “só” diminuiron parte dos complementos de IT. E o persoal afectado suspirou aliviado, afectado pola Síndrome de Estocolmo que facía que sentiran simpatía por un goberno que anunciaba medidas durísimas e finalmente foi “bo” e só aplicou unha parte do que anunciara. O efecto estaba conseguido: o persoal público aletargado unha vez máis.

Tamén no tocante á nosa lingua padecemos desta síndrome. Porque, que é a diglosia se non unha “síndrome de Estocolmo”? Un pobo que leva máis de 500 anos escoitando, sentindo, vivindo unha situación na que a lingua foránea é promocionada como a lingua culta, a lingua que serve para estudar, para facer ciencia, para a economía, para os usos institucionais, mentres que a lingua propia só vale “para falar coas vacas”… é lóxico que sinta secuestrada a súa vontade e acabe pensando que isto é así, que a lingua allea é a lingua boa, que é útil máis alá da Canda e o Padornelo, mentres que a nosa lingua, o galego, non nos serve máis que para falar entre nós na casa ou como moito para botar algunha cantiguiña.

O auto-odio, ese sentimento polo que sempre temos ao noso por inferior, non é, ao meu parecer, outra cousa que esta síndrome, reflectida na psique colectiva do pobo galego. E pensándoo ben, non é ningunha tolemia dicir que o pobo galego padece síndrome de Estocolmo. Pensándoo ben, ten o seu sentido. Se esta síndrome aparece en casos de secuestro… non está acaso o pobo galego secuestrado? Non vive Galiza sen poder desenvolver as súas potencialidades por atoparse cautiva de intereses alleos? É totalmente lóxico que sinta esa simpatía patolóxica por quen a ten presa, escravizada.

O que nos queda: rachar as cadeas e superar a síndrome.

Comentarios