Opinión

A revitalización do BNG – Movementos sociais e organización

Prometía no artigo anterior analizar a temática sobre a revitalización do BNG en dous artigos, mais finalmente as estratexias de traslación do noso traballo e ideas á sociedade ficarán reflexadas nun terceiro e último artigo, a cuestión penso que o merece.

Prometía no artigo anterior analizar a temática sobre a revitalización do BNG en dous artigos, mais finalmente as estratexias de traslación do noso traballo e ideas á sociedade ficarán reflexadas nun terceiro e último artigo, a cuestión penso que o merece. Xa que logo, continúo coas reflexións iniciadas, desta vez acometendo cuestións relacionadas entorno ás relacións cos movementos sociais e a organización interna.

Unha sociedade viva provoca a existencia de multiplicidade de colectivos e o achegamento dunha formación política debe ser a través da colaboración e a fuxida do partidismo. É algo tan esencial como que a base social do BNG estea conformada por persoas que proveñan doutros ámbitos que non sexan os estrictamente políticos. Existen nestes intres outras organizacións que pretenden asaltar os movementos sociais para enchelos de contido partidista, de oportunismo. É o camiño contrario ao correcto e non provoca máis que fracaso na procura do resultado desexable: a transformación social. Coido que o BNG sempre foi xeneroso nese eido, mesmo até á estupidez, realizando un traballo sin rédito político. É o camiño máis ingrato mais tamén o máis honesto.

Quizáis polo mencionado xeito de participar nos movementos sociais acabamos descuidando o factor organizativo no BNG. Pretendendo non provocar partidismo acabamos xerando falta de compromiso coa fronte e agora temos que tomar un camiño inverso, isto é, a sociedade debe axudarnos a consolidar unha formación política crítica co sistema e con conciencia transformadora. Debemos concretar a cuestión das asembleas abertas, xa que houbo quen corrompeu ese concepto creando nas localidades asembleas nas que a militancia era o menos importante. Consecuencia? Unha base social desligada da organización.

Unha asemblea aberta debe servir para definir actuacións e ideas políticas, mais é a militancia a que decide cuestións organizativas e, sobor de todo, no relativo aos órganos de representación. Aqueles simpatizantes que teñan tal vinculación co BNG que consideren que deben opinar sobre a súa organización e representantes deben acabar sendo militantes. Non podemos esquecer nesta cuestión que si unha organización política pretende ser independente e operativa debe basear o súa solvencia económica na militancia. Pago con gusto calqueira cota que se estableza sabendo que estou a garantir ese principio.

De xeito complementario ás asembleas debemos traballar nas ferramentas de debate. Moita militancia desmotívase si percibe nelas o “cociñado” das decisións. Si pretendemos unha organización horizontal debemos actuar logo de escoitar á base social, non atoparnos con ideas preconcebidas e inamovibles. Mais determinadas problemáticas deben acometerse en foros conformados por aqueles que as viven de primeira man. Por iso as comisións sectoriais deben repensarse, nelas sí que é máis que recomendable a inclusión de colectivos e persoas non militantes. Tamén as ferramentas de debate deben actualizarse, mais iso xa é materia para tratar no vindeiro artigo.

Xosé Manoel Marcote

Resp. Local do BNG en Baiona

@xosemarcote

Comentarios