Opinión

A realidade e as ideas

Hai unhas semanas, nesta mesma páxina de SERMOS, Manuel Mera considerou necesario e oportuno rebater a resumida avaliación que realicei a respeito da situación na que se atopa o BNG.

Hai unhas semanas, nesta mesma páxina de SERMOS, Manuel Mera considerou necesario e oportuno rebater a resumida avaliación que realicei a respeito da situación na que se atopa o BNG.Son consciente, dende hai tempo, das diverxencias que temos á hora de establecer as liñas de acción política mais acaídas para acumular forzas en favor dunha fonda transformación da realidade social que, ademais, modifique o papel que xoga a nosa nación no concerto estatal.Da lectura do artigo “Enquisas, rupturas evitábeis e liberación nacional e social” derivo que as diferenzas atinxen, tamén, á consideración dalgunhas situacións vividas na década dos 70 do pasado século:meter no mesmo saco ao PCG e ao MC cando se fala da ligazón entre loita de clases e liberación nacional constitúe, para min, un notábel erro analítico que a propia evolución da realidade desmentiu rotundamente.Velaquí unha das chaves “filosóficas” da discrepancia que me separa de M. Mera:se temos unhas determinadas ideas construídas sobre un concreto análise da realidade e comprobamos que esta muda e/ou non confirma a vixencia total ou parcial daquelas, debemos mantelas contra vento e mare como suposta demostración da nosa vontade transformadora? Na miña opinión é necesario mudar a consideración da realidade e modificar as ideas previas sen alterar a pretensión de propiciar dinámicas de cambio que acheguen a consecución dunha nova orde social e nacionalmente liberadora.

Sostén Mera que no meu escrito se establece unha relación de causa-efecto entre a radicalización das posturas políticas do BNG e o seu devalo electoral.Tal conclusión non se deriva das miñas palabras.O que discuto é, precisamente, a posición contraria: a daquelas persoas que pensan ou manifestan explicitamente que o BNG está perdendo votos porque experimentou un proceso de moderación na última década.Quen así opina debería aportar datos ou estudos empíricos que permitisen ratificar a verosimilitude de tal afirmación.Eu non acredito nesa hipótese e aporto o traballo do CIS do ano 2009 (hai mais material publicado durante os últimos anos) para fundamentar semellante punto de vista.

Unha organización política que quere mudar as cousas e participa nos procesos electorais debe aceitar que os resultados das urnas son indicadores que miden o acerto e o fracaso da súa actuación.Se non se quere asumir ese veredicto hai outros camiños para exercer o labor crítico e promover a mobilización social.Na miña propia experiencia vital tiven ocasión de constatar que é posíbel formar parte de colectivos organizados con vocación transformadora sen a necesidade imperiosa de concorrer a todas as citas coas urnas.Mais non creo que esta sexa a opción tomada polo nacionalismo galego maioritario despois do remate do franquismo.Xa que logo é preciso acertar no diagnóstico de resultados como os do pasado 21 de Outubro e, ao mesmo tempo, clarexar ben os obxectivos para o futuro.Pode haber quen desexe, con total lexitimidade, transitar por un camiño semellante ao que xa coñecemos no veciño Portugal:estabilizar unha organización política cunha mínima presenza institucional -poñamos que arredor de 5 deputados no Parlamento galego e dúas ou tres alcaldías- e ben conectada coa dirección do principal sindicato do país.Particularmente, desexo traballar por outra opción mais ambiciosa aínda que resulte mais arriscada:reconstruír a conexión coas persoas que nos últimos vinte anos votaron ao BNG e mudar substantivamente os métodos de relación con diversos sectores da mocidade.

Manuel Mera pensa que, nesta ocasión, 50.000 votantes do Bloque apoiaron as candidaturas de AGE e que outros tantos ficaron na abstención. Descoñezo en que se basea para realizar eses cálculos pero si teño claro que a coalición entre ANOVA e EU non presentou un programa mais radical e non propuxo un xeito de facer a política institucional substancialmente diverxente do que ten sido a traxectoria, pasada e presente, do BNG. As razóns de tal desprazamento de voto habería que buscalas noutras dimensións. A propia existencia de AGE e o discurso retórico de X.M. Beiras ofrecían incentivos específicos para quen desexaba unha demostración unitaria fronte a Feijoo, a Rajoy e a troika. Poren, o Bloque acudía á cita desprovisto do capital unitario acumulado nos últimos vinte anos, sen credibilidade suficiente para demostrar a utilidade que predicaba. Por qué foi capaz de seducir AGE a unha parte dos que deixaron de votar ao PSdG e non o conseguiu o BNG (que tamén fracasara, nese obxectivo, nas eleccións xerais do 20 de Novembro de 2011)? Por ofrecer unha imaxe moderada fronte ao radicalismo verbal de Beiras?Sinceramente, creo que non foi ese o mecanismo principal que explica tal nivel de adhesión.

O comportamento sectario e as condutas prepotentes baseadas nunha suposta superioridade ideolóxica e política son virus que teñen atacado o corpo organizado do nacionalismo galego moderno dende o seu nacemento.Esas debilidades non deben ser confundidas coa moderación e co radicalismo.Pode ser tan sectario ou prepotente un posibilista acérrimo como un radical irredento. Fixémonos na opinión maioritaria presente na sociedade galega:ven ao BNG como unha organización moderada ou percíbena, mais ben, como unha forza pouco accesíbel, pechada nos círculos de maior afinidade política?

Certamente, o clima social non é unha foto fixa. Pode evoluir grazas –entre outros factores- ao labor das organizacións políticas.E para iso resulta decisivo saber conectar coas plurais inquedanzas dos sectores mais dinámicos do corpo social mediante unha actitude desprovista de preconceitos e aberta ao diálogo.

Xesús Veiga

Comentarios