Opinión

A «pincelada surrealista» de La Voz de Galicia: Eugenio Granell

 En novembro cúmprense 100 anos do nacemento de Eugenio Granell.

 En novembro cúmprense 100 anos do nacemento de Eugenio Granell. Adoitan os medios de comunicación referirse a el como «Granell» esquecendo, ou o que é aínda máis grave, descoñecendo, que Eugenio tiña un irmán pintor, Mario, surrealista coma el, membro do POUM coma el, e exiliado coma el, que por cousas do destino non tivo a repercusión mediática que tivo o primeiramente violinista e máis tarde pintor Eugenio.

Mario, que nunha ocasión lle comentara ao xornalista galego residente en Caracas Manolo Ponte «Duende», que lle gustaría reencarnar nun «grelo» (Ponte cría que ía dicir nun ribeiro) tiña un profundo sentimento nacionalista galego, que nunca tivo Eugenio, que rexeitaba o galeguismo por consideralo un localismo rexional, Mario falaba galego en Caracas e Valencia (estado Carabobo-Venezuela) mesmo cos venezolanos. A historia de Mario Granell é a historia da derrota e da amnesia chegada ás praias de 2012 e dos anos que virán. Foi un dos detidos no Portiño despois de os fascistas masacraren 20 inocentes, e un dos que, coa pena de morte conmutada, pasou máis de tres anos na cadea na Coruña, que abandonou cando en 1940 os cárceres se encheron cos perdedores ante o fascismo franquista. Marchou a Venezuela na década dos 50 coa súa muller e as súas dúas pequenas fillas.

Os pintores Granell son os dous, Mario e Eugenio. A capa do suplemento cultural de La Voz de Galicia, Culturas, 1 de setembro de 2012, está dedicada ao pintor Eugenio Granell: «Granell: una pincelada gallega en el surrealismo.».

Na mesma capa podemos ler abaixo: «Imagen tomada en 1948, en la pensión Asturias, en Guatemala, durante el exilio que sufrió Granell debido a sus extremas posturas políticas».

O texto seica foi escrito por Curri Valenzuela, Alfonso Rojo ou Gabriel Albiac e Sostres. Eugenio Granell estivo exiliado, si, pero non polas súas ideas políticas, que non eran extremistas por certo, senón por unha ditadura fascista ilexítima que torturou, asasinou e reprimiu as liberdades durante máis de 40 anos, e iso si que é extremismo radical.

Comentarios