Opinión

A Operación "Arkángel" e a prensa sensacionalista

Dicía Concepción Arenal: "Odia o delito e compadece ao delincuente". Máis adiante, Victoria Kent dicía: "odia o delito e redime ao delincuente". Ningunha das dúas citas é incompatible co feito de que a sociedade castigue e poña os medios necesarios para a rehabilitación e reinserción do que comete un delito. Pero, ollo, o obxectivo é acabar co delito, non co delincuente. Está comprobado que en Estados Unidos, onde aínda existe a pena de morte en moitos dos seus estados, o índice de delitos non descende pola existencia da pena capital. Si que está comprobado, en cambio, que o número de delitos aumenta cando se descoida a educación, se diminúen os servizos sociais, non se adoptan políticas de emprego, se busca intencionadamente a destrución do tecido social... A raíz do delito hai que buscala en factores como a dificultade para o acceso á educación, a pobreza, as desigualdade sociais e a discriminación (sexual, racial...).

Nas sociedades democráticas encárgase a función de castigar o delito ao Poder Xudicial. Non é a Policía quen sanciona ao que delinque: a súa misión é investigar, perseguir e capturar aos presuntos delincuentes para poñelos a disposición dos xuíces. E, por suposto, non é misión dos medios de comunicación facer un xuízo público. 

"E é totalmente humano sentir repulsión polas persoas que realizan estas prácticas. Pero nada diso xustifica o linchamento público, sexan ou non culpables"

Eu sempre entendín que a prensa seria debe caracterizarse pola calidade das súas informacións, pola fiabilidade das súas fontes e por usar titulares apelando á razón dos seus lectores. Tampouco debe abusar das fotografías e normalmente as seccións con máis peso son as dedicadas a política, internacional e economía. Pola contra, a prensa sensacionalista busca máis a reacción inmediata do lector e incide sobre todo nos accidentes e sucesos, incluíndo testemuños das vítimas, de veciños e familiares. 

Vén isto polas informacións que certo medio de comunicación de Galicia está difundindo nestes días relacionadas coa chamada operación "Arkángel" na que a Policía puxo a disposición xudicial a varias persoas acusadas de corrupción de menores e conspiración para o asasinato. 

Seguindo a Concepción Arenal e Victoria Kent, aborrecemos absolutamente ese tipo de accións. E é totalmente humano sentir repulsión polas persoas que realizan estas prácticas. Pero nada diso xustifica o linchamento público, sexan ou non culpables, dos detidos nesta operación. E un medio de comunicación que está difundindo día si e día tamén a fotografía dun dos acusados, os seus nomes e apelidos e circunstancias familiares e laborais dos mesmos, non está apelando a razón dos seus lectores e si provocando reaccións viscerais que se expresan nos comentarios que se escriben ao pé desas noticias e que logo se difunden nas redes sociais.

"É un periodismo de barrios baixos que só serve para crear unha sociedade menos crítica, máis alienada, alimentándoa de casos Arkángel, Bretón, Wanninkhof, Del Castillo, Mari Luz, Sandra Palo e outros moitos"

Se se demostra que son culpables un tribunal imporá o castigo que a sociedade prevé para estes comportamentos. De entrada, os agora detidos están comezando xa a pagar os seus posibles delitos. Os medios de comunicación deben dar conta da súa detención e dos feitos dos que son acusados e punto. Nada achega á información as fotos dos presuntos pederastas nin as opinións dos seus veciños. Eses son datos que van directamente ao sentimento dos lectores, dando pé ao linchamento público dos imputados e os seus familiares.

É un periodismo de barrios baixos que só serve para crear unha sociedade menos crítica, máis alienada, alimentándoa de casos Arkángel, Bretón, Wanninkhof, Del Castillo, Mari Luz, Sandra Palo e outros moitos. Porque a forma de expoñer estes sucesos á opinión pública só serve para fixar a atención nos autores deixando de lado as circunstancias que levan a que na sociedade se produzan estes feitos. 

Persoalmente prefiro ler novela negra e policial cando me quero entreter, pero non me gusta atopar relatos novelados nos xornais. Cada cal coa súa función. Lamentablemente son da opinión de que a proliferación deste tipo de xornalismo non é atribuíble a unha falta de pericia ou de formación periodística, senón que obedece a pautas con obxectivos ben claros.

Comentarios