Opinión

A necesidade dun novo modelo de sociedade e de Estado

“Españoles, Franco ha muerto” é quizás a frase mais importante da historia moderna española. Pero tratándose de frases célebres, moitos recordarán o “No hay pruebas ni las habrá...

“Españoles, Franco ha muerto” é quizás a frase mais importante da historia moderna española. Pero tratándose de frases célebres, moitos recordarán o “No hay pruebas ni las habrá...” (da época dos GAL e o terrorismo de Estado durante o Goberno de Felipe González) ou “En Irak hay armas de destrución masiva” (do glorioso Aznar); a estas podemos empezar a engadir as recentes sentenzas filosóficas de D. Mariano Rajoy que, sen dúbida algunha, farán historia nun país que cada vez está mais ao borde dun estoupido social.

É que pese a que temos un sentido do humor moi agudo, a indignación se apodera de nós cando escoitamos: “Hemos vivido por encima de nuestras posibilidades”, “Rememos todos juntos en la misma dirección”, “Me voy, que me tengo que ir” ou “Nada es cierto, salvo algunas cosas”, que non son mais que o reflexo do nivel cultural que teñen os nosos políticos, da súa carencia de escrúpulos e responsabilidades, e da súa incapacidade de facerse respetar pola cidadanía, e que achegan a súa credibilidade a un estrepitoso suspenso.

A indignación se apodera de nós cando escoitamos: “Rememos todos juntos en la misma dirección”



Cando o PP comezou esta lexislatura a “consigna perfecta” foi que esta crise era de tod@s e que por mor da pésima xestión do goberno do PSOE non lles ía resultar fácil gobernar o país. O PP, que baseou á súa oposición e a súa campaña electoral en consignas quasi “socialistas” (populistas), pulverizou récords no incumprimento do programa electoral en canto ganou as eleccións, recuperando a súa verdadeira e natural face fraudulenta e feixista.

Na actualidade nos atopamos nun mare magnun de escándalos de corrupción relacionados co PSOE, PP, CIU... Esta situación non nos colle de sorpresa aos cidadáns dado o endémico da corrupción no Estado Español; pero os constantes e drásticos recortes en servizos públicos e en dereitos fundamentais xustificados ao calor da crise económica, unido aos constantes agravios comparativos entre a “clase política” e o Pobo, fai que nos situemos nun momento histórico único que vai desbocar en grandes cambios sociais nas estruturas do Estado.

"O referendo de independencia de Catalunya se difumina entre a polémica de recortes e cruce de acusacións, casos de espionaxe..."


O referendo de independencia de Catalunya se difumina entre a polémica de recortes e cruce de acusacións, casos de espionaxe... facendo case imposible manter un debate claro e serio do que supón este proceso non só para Catalunya, senón para o resto do Estado. Esta situación complícase moito mais xa que un dos partidos impulsores da consulta (CIU) tamén é sospeitoso de corrupción.

Os partidos maioritarios (PP e PSOE) son os primeiros en pecharse unanimemente a recoñecer a propia Carta Magna e impiden abrir debates sobre o dereito de autodeterminación das tres Nacionalidades Históricas do territorio español: Catalunya, Euskal Herria e Galiza. Parafraseando a Rubalcaba (PSOE) : “Hoy no toca”.

É arduo difícil para o Goberno convencer á opinión pública do necesário que é soportar estoicamente os efectos da crise (que é de tod@s) namentres o seu Tesoureiro e outros personaxes afíns e protexidos do PP evaden millóns de euros das arcas públicas a paraísos fiscais, disfrutan de sobresoldos recadados de comisións ilegais e son protexidos por manobras de obstrución á xustiza quitando do medio a xuíces mais ou menos independentes que queren chegar ao fondo dos casos de corrupción. Mais difícil aínda se a iso sumamos unha mais que sospeitosa amnistía fiscal, ou a continua evidencia de contratos millonarios como “asesores” en empresas como Telefónica, Bankia, Iberdrola ou Endesa unha vez deixan o goberno.

A medida que os mortos por suicidios provocados por desafiuzamentos se empezan a apiñar enriba da mesa, a marea de cidadáns vaise tornando en sunami. Hai que lembrar que durante anos nos bombardearon co número de mortos que ten causado o terrorismo en España e do drástico que había que ser para acabar con esa sangría (tema, por certo, que serviu moitas veces de campaña de fume para tapar outros casos de corrupción). E agora que por coherencia o Estado debería actuar con igual contundencia, lonxe de enfrontar a súa responsabilidade política e social no drama dos desafiuzamentos, segue a manter a súa complicidade co fraude e crime bancario.

O tempo de impunidade e censura está rematando e vai ser difícil que a Casa Real se salve da queima.

A Casa Real non se libra desta ola de escándalos e descrédito. É difícil saber onde empezou este deterioro, pero si é certo que dende que se pillou ao Rei en medio da crise, gastando miles de euros das arcas públicas cazando elefantes en Bostwana, e dende que se coñeceu a implicación do seu xenro (e a súa filla) en negocios turbios, temos cada día un episodio novo de sospeitas e anoxos, tanto, que xa moitos desexamos ver o desenlace de tal culebrón e se é posible, o fin da monarquía neste Estado. O tempo de impunidade e censura está rematando e vai ser difícil que se salven da queima.


O bipartidismo español parece empezar a esvaecerse e moitos se preguntan sobre as alternativas reais posibles. Está en xogo non só o modelo de Estado, senón tamén e mais que nada, o modelo de sociedade.

O PSOE está mortal e internamente ferido pola pésima xestión que fixeron da crise económica e non é mais que unha caricatura do partido raíz que pretendía defender aos traballadores e as liberdades. No largo percorrer dende os anos 80 foi deixando no camiño os seus principios sendo cómplice e partícipe da corrupción, da desfeita do estado de benestar e doutras moitas gravidades, como foron os episodios dos GAL.

Dende o meu punto de vista só os movementos cívicos e sociais poden ser capaces de impulsar un cambio real e nesa transformación deberíamos falar inevitablemente do modelo de Estado e abrir as portas de par en par ao dereito de autodeterminación de Catalunya, Euskal Herria e Galiza, con valentía, sen medo e sen discriminacións e por suposto con ética e sen corrupcións. A autodeterminación ou a independencia real non son inimigos dos cidadáns nin do Estado de Dereito (ou non deberían selo), pola contra serían garantía e salvagarda dos dereitos fundamentais e universais de tod@s @s cidadáns e do tan fundamental respeto e recoñecemento entre culturas e comunidades.

"Só os movementos cívicos e sociais poden ser capaces de impulsar un cambio real"

“Errare humanum est, perseverare autem diabolicum” é unha desas frases que teriamos que ter en conta na Galiza. A nosa Terra parece marcada polos karmas do envellecemento xeneracional e minifundismo político, entre outras moitas; non é doado analizar o porqué ao longo da nosa história o “divide e vencerás” do caciquismo tivo e segue a ter tanto éxito, e porqué repetimos insistentemente os erros, sendo incapaces de saír dun círculo vicioso e dañino. É precisamente a rectificación de erros é a integración as que deberan sentar as bases para chegar á sociedade e buscar alternativas reais, e sen o Pobo, non se pode, nen se debe facer.

Xa sabemos que cadaquén na súa casa quere ser dono dela, mais esquecemos que cando nos levamos ben cos veciños e se buscamos solucións conxuntas é mais doada a convivencia; e dende o meu punto de vista, o futuro non se limita á creación doutros grupos mais pequenos, senón pola integración das novas ideas e a obriga ética de asumir cada un de nós unhas cantas doses de crítica construtiva (ollo! Non destrutiva!). Resumindo, a solución pasa por sumar e integrar, non dividir. Quizais así seremos capaces de vencer ao “divide e vencerás”, e superar os medos de enfrontar o que poda vir nun futuro que xa temos diante de nós e ao que hai encarar con responsabilidade e sen medo a defender os nosos intereses, dereitos e deberes como Pobo Galego.

"A solución pasa por sumar e integrar, non dividir. Quizais así seremos capaces de vencer ao “divide e vencerás”

Por certo, que ante algunhas ameazas vertidas por militares xubilados da vella garda, sobre a posible invasión de Catalunya no caso de que acaden a independencia, tranquilizoume bastante ler as declaracións do Tenente Coronel do Exército Español, Amadeo Martínez Inglés, quen, por certo, está a ser xulgado por inxurias ao Rei.

Dado que a pantasma dun posible golpe de Estado Militar nos persigue e planea sobre as nosas cabezas sempre que se fala de crise de Estado, escoitar a unha sabia e experimentada voz descartar a viabilidade destes escenarios sempre é tranquilizador e da unha idea ampla do mapa social que temos para que non se volvan a repetir situacións mais que desafortunadas na historia deste país. (1 e 2)

Usemos a nosa memoria a curto prazo xunto coa a Memoria Histórica e que nos sirva para recordar, para aprender e non volver a cometer os mesmos erros ou ao menos, non demasiadas veces. Agora, efectivamente, nos toca remar a todos na mesma dirección, pero para limpar todo o lixo e porquería que está saíndo a flote e non permitir que se volva a afundir para continuar debaixo das alfombras do Estado.

(1) http://www.publico.es/450614/el-exmilitar-republicano-acusado-de-injurias-a-la-corona-no-se-presenta-al-juicio-y-sigue-en-lucha

(2) http://www.publico.es/450690/el-rey-no-puede-quedar-como-un-senor-ejemplar-y-democrata

Comentarios