Inquietantes. As imaxes de Carla Andrade (Cangas, 1983), recentemente premiada no II Festival Miradas de Mujeres, atraen. Como se houber un murmurio estraño que nos convidase a entrar, observamos, coa inquietude anterior de quen pensa introducirse nun sitio misterioso, ese mundo neboento que se nos ofrece, esencialmente branco. Paths to land -Camiños cara a terra, así o traduce a artista- amosa unha serie fotográfica de estradas que se estenden até o horizonte. E existirá un fin, detrás desa liña borrosa? Todo parece indicar que non, que ese camiño continúa, que se estira máis e máis. Daquela, o que Andrade plasma coa cámara, eses espazos abertos na fríaxe, constitúen, en certo xeito, o significante do tempo. Un tempo órganico natural. Redondo. Entendo pois a fin do camiño -presente en cada foto desta serie- como un principio doutra cousa. A raia que unifica ceo e terra é o punto neurálxico que trae á memoria a orixe, ese momento en que todo foi concibido. Intúese a presencia constante da repetición, o presente continuo. A ausencia do percorrido que lle presupoñemos ó tempo tal e como o explicamos, ó xeito dunha liña progresiva que se estende e se estende, é a chave. Daquela, temos diante nosa o tempo da conciencia, e, consecuentemente, o enfrontamento cunha realidade da que nos ocultamos: a incerteza: o espazo da contixencia. Un lugar onde o grande e o pequeno conviven en estraña harmonía, malia o desconcerto que isto nos provoque. Así, ofrécese o horizonte como punto de fuga que permite a escapada. Por iso estas imaxes adquiren un certo carácter máxico, na medida en que resultan envolventes. Dalgunha maneira vémonos dentro, mesmo antes da nosa entrada. Contribúe a isto o emprego de planos xerais que, ademais de proporcionar un certo efecto dramático, consegue que nos sintamos incluídas/os nese tempo espacial. Andrade dá conta nestas fotografías dun silencio abrumador que coloca a humanidade xusto no seu lugar: o do asombro.
ROSA ENRÍQUEZ