Opinión

A manipulación do 'Día da Ciencia en Galego'

    As orixes do Día da Ciencia en Galego están ben claras. Todo parte do encontro para o profesorado convocado o 18/06/2010 pola CIG-Ensino e a plataforma Queremos Galego no Museo do Pobo Galego. De entre os 

As orixes do Día da Ciencia en Galego están ben claras. Todo parte do encontro para o profesorado convocado o 18/06/2010 pola CIG-Ensino e a plataforma Queremos Galego no Museo do Pobo Galego. De entre os acordos aos que se chegara  nese encontro  figuraba un que indicaba que'Promoveremos unha Semana da ciencia galega e un día da ciencia galega'. 

Co comenzo do curso 2010-11 unha serie de organizacións de profesores de áreas científicas e a CGENDL recollen a idea do encontro e propoñen que se celebre o 'Día da Ciencia en Galego' o 4 de novembro destacando a varias figuras científicas. Velaí pois que esta celebración xurdiu como reacción contra o funesto decreto de plurilingüismo, un decreto no que se pretende prohibir a impartición das aulas científicas en galego.


A historia posterior xa é máis coñecida. Estas xornadas de reivindicación dun espazo para o galego na ciencia e na tecnoloxía tiveron moito éxito pois foron seguidas de múltiples actividades desde os centros escolares coa programación dunha videoconferencia organizada pola CGENDL e de seguimento multitudinario durante todas as súas tres edicións.


Borrando a orixe e o obxectivo do Día da Ciencia en Galego.

A notoriedade destas edicións do 'Día da Ciencia en Galego' puxo en evidencia a política de ataque á lingua galega promovida pola Consellería de Educación e a SXPL ao prohibiren o ensino en galego en áreas como matemáticas, física e química ou tecnoloxía. Por iso decidiron lavar a súa cara para presentarse ante a sociedade como o que non son, como defensores do galego. O ano pasado, actuando con engano, falsidade e cinismo, a SXPL publicou unha nota aos medios intentando redefinir o obxectivo desta celebración (denuncia da exclusión do galego no ensino das ciencias) e dando a entender que apoiaba a inciativa cando non dou nin o primeiro paso para subvencionar ou axudar na celebración das xonadas. 

Este ano a SXPL quixo borrar non só obxectivo do 'Día da Ciencia en Galego', senón tamén a súa propia historia. Así, inventaron que todo xurdiu da proclamación pola UNESCO do Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento!!!. Velaí o que di a SXPL (o subliñado é meu):

Dende hai tres anos, a celebración da UNESCO foi adoptada nos centros educativos galegos como Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego. O obxectivo principal desta efeméride, en consonancia co achegamento entre lingua e sociedade e mais co papel da ciencia a prol do desenvolvemento humano que propugna a UNESCO, é o de mostrar que a lingua galega é útil para facer ciencia e, no eido do ensino, para impartir as materias científico-técnicas.

Pola contra a SXPL apoia e asina un decreto, o 79/2010, que di nos seus apartados 6.3 e 7.3 que as clases de matemáticas, física e química e tecnoloxía se impartirán exclusivamente en castelán en todo o ensino obrigatorio. Se hai tres anos calquera profesor desas materias dispoñía de materiais en galego de polo unha ducia de editoriais distintas, hoxe en día, e grazas á política lingüística desenvolvida pola Xunta, non hai ningún. A quen lle temos que dar as grazas?

Outono de ciencia

Na edición do 'Día da Ciencia en Galego' do 2012 non podemos dicir que a SXPL non realizara ningunha actividade. Baixo o expansivo título de Outono de ciencia organizaron unha (única) conferencia do biógrafo de Ramón Verea no Xelmirez I de Santiago. Eu sei dun centro, o meu, no que houbo tamén esa conferencia... pero tamén participamos na videoconferencia organizada pola CGENDL, e baixo o título devolcán científico proxectamos un vídeo científico subtitulado en galego. Tivemos pois outono, primavera e verán.

Eu só me pregunto quen nos librará deste inverno anti-galego.

Comentarios