Opinión

A Lei de Ordenación da Minería de Galiza e o proxecto de Corcoesto

Un xa se comeza a cansar de escoitar, sobre todo a responsábeis políticos do Partido Popular e os seus altofalantes, iso de que a lei da minería aprobada polo bipartito permite unha instalación mineira como a de Corcoesto e que cómo pode ser que partidos políticos que aprobaron esa lei se opoñan a este proxecto mineiro. Pero resulta que a Lei de Ordenación da Minería de Galiza, vixente desde o ano 2008, establece unha serie de cuestións que o actual goberno do Partido Popular non está a cumprir, como a creación do Consello da Minaría de Galiza, ou a aprobación dun Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza que debe estar inspirado nuns “criterios orientadores” que se expoñen no artigo 12 da lei.

Un xa se comeza a cansar de escoitar, sobre todo a responsábeis políticos do Partido Popular e os seus altofalantes, iso de que a lei da minería aprobada polo bipartito permite unha instalación mineira como a de Corcoesto e que cómo pode ser que partidos políticos que aprobaron esa lei se opoñan a este proxecto mineiro. Pero resulta que a Lei de Ordenación da Minería de Galiza, vixente desde o ano 2008, establece unha serie de cuestións que o actual goberno do Partido Popular non está a cumprir, como a creación do Consello da Minaría de Galiza, ou a aprobación dun Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza que debe estar inspirado nuns “criterios orientadores” que se expoñen no artigo 12 da lei. Reproduzo literalmente este artigo 12 a continuación:

"A Lei de Ordenación da Minería de Galiza, vixente desde o ano 2008, establece unha serie de cuestións que o actual goberno do Partido Popular non está a cumprir"

“Artigo 12º.-Criterios orientadores. 

Os criterios que inspirarán o Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia serán os seguintes: 
a) O establecemento das bases do desenvolvemento dunha minaría sustentable. 
b) A identificación de zonas con potencial mineiro. 
c) A mellora da seguridade das explotacións mineiras e dos seus establecementos de beneficio. 
d) A harmonización da actividade extractiva co resto dos usos do solo dentro do marco da ordenación territorial, agraria e ambiental. 
e) O aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos mineiros de maneira compatible coa protección do medio natural e co patrimonio cultural. 
f) A racionalización do emprego de recursos naturais e de residuos a través da implantación das mellores técnicas dispoñibles e a valorización. 
g) A promoción da investigación, o desenvolvemento e a innovación nas propiedades e aplicacións dos materiais, así como nos procesos de produción, tratamento e aproveitamento de subprodutos. 
h) A busca dunha maior vinculación da minaría coa mellora da economía das zonas nas que se sitúen as explotacións e o fomento da creación de emprego. 
i) O asesoramento, a información e a colaboración coas administracións locais, cos entes privados e coas organizacións empresariais e sindicais en cuestións relacionadas coas actividades mineiras e co desenvolvemento empresarial. 
j) A mellora da produtividade das empresas do sector mineiro e o apoio á implantación de industrias que permitan o pechamento de todos os ciclos de transformación dos materiais mineiros extraídos en Galicia. 
k) A máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros. 
l) O carácter temporal da explotación mineira respecto da ordenación do territorio e dos usos do solo”. 

"A lei en vigor establece uns criterios para a aprobación dun Plan de Actividades Extractivas que non permitirían instalacións como a de Corcoesto"

Desde o meu punto de vista, o Plan de Actividades Extractivas que está a tramitar o actual goberno da Xunta non se rixe para nada por estos criterios orientadores, recollidos na lei en vigor. E desde logo, en base a estos mesmos criterios, un proxecto coma o de Corcoesto non tería cabida, xa que, na miña opinión, non cumpre a maior parte dos criterios, e desde logo os máis importantes: o punto d, que establece a harmonización da actividade extractiva co resto de usos do solo dentro do marco da ordenación territorial, agraria e ambiental, tampouco cumpre o punto e que recolle a necesaria compatibilidade coa protección do medio natural e o patrimonio cultural, tampouco o punto g pois non estamos ante un proxecto innovador senón máis ben un sistema obsoleto e cun altísimo custe ambiental e para a saúde, e tampouco o punto j o cumpre este proxecto que non pecha os ciclos de transformación senón que se limita a extraer o ouro e levalo para fóra do país.

Así pois, a lei en vigor e que foi aprobada polo goberno bipartito (co BNG na responsabilidade da Consellería de Industria) establece uns criterios para a aprobación dun Plan de Actividades Extractivas que non permitirían instalacións como a de Corcoesto, altamente contaminantes, incompatible coa conservación do medio natural e coa actividade agraria na zona, e que ademais non pecha o ciclo de transformación no territorio senón que se limita a extraer o ouro para especular na Bolsa de Toronto. Na miña opinión, só desde o descoñecemento da lei, ou facendo unha interpretación pouco rigorosa ou mesmo torticeira, se pode afirmar que esta lei avala o proxecto mineiro de Corcoesto.

Comentarios