Opinión

A identificación dos policías: astuta manobra

Ven de publicarse nos medios de comunicación a decisión do Ministerio de Interior (hai que supor  que en forma de instrución ou circular á que dificilmente poderemos acceder os cidadáns)  pola que os policías das unidades coñecidas como  “antidisturbios”   levarán un número de identificación á vista nas costas, nun letreiro adherido con velcro de grandes dimensións (un palmo de

Ven de publicarse nos medios de comunicación a decisión do Ministerio de Interior (hai que supor  que en forma de instrución ou circular á que dificilmente poderemos acceder os cidadáns)  pola que os policías das unidades coñecidas como  “antidisturbios”   levarán un número de identificación á vista nas costas, nun letreiro adherido con velcro de grandes dimensións (un palmo de ancho por dous de longo) para que poda ser lido desde lonxe. Un número que, paradoxalmente, non se corresponderá co da placa de identificación persoal (a chamada T.I.P.) e que , segundo a información facilitada polo ministerio permitirá relacionar o axente coa furgoneta en que este vaia destacado. Interior di dar así cumprimento ás recomendacións da Defensoría do Pobo.

Compriria non esquecer que este mesmo ministerio é o que hai poucos días emitiu unha circular ordenando a práctica de identificacións xenéricas a cidadá/ns polo mero feito de exerceren o dereito de manifestación (hai que lembrar que os escraches son manifestacións, nin mais nin menos). A instrución do ministerio  semella por tanto un intento de lavado de face perante os graves feitos documentados e denunciados de actuacións arbitrarias das unidades de intervención policial. Traballo de denuncia e documentación que teñen levado adiante colectivos diversos , entre eles no noso país Esculca .

De entrada, mantemos un escepticismo mais do que razoábel sobre as causas desta decisión, posibelmente mais preto da presión popular que da tímida actuación en materia de liberdades desa institución lexitimadora dos poderes que é a Oficina do Defensor del pueblo e súa  titular.

"Este mesmo ministerio é o que hai poucos días emitiu unha circular ordenando a práctica de identificacións xenéricas a cidadá/ns polo mero feito de exerceren o dereito de manifestación"

Mais, deixando de lado motivacións institucionais, o certo é que carece de explicación obxectiva que o ministerio acuda  a sistemas de identificación diferentes dos previstos xenericamente para os  funcionarios policiais, regulamentariamente a placa de identificación policial. Este número permitiría a identificación sen dúbida algunha do funcionario policial e non supón risco ningún para a súa intimidade, se tal fose o temor compartido en reunións conxuntas polo ministro de interior e a marquesa Sra. Becerril.

A identificación mediante un número diferente da “placa”  policial non ofrece garantía algunha de unha identificación fidedigna. Para comezar, vai impedir aos observatorios que documentan excesos policiais faceren un histórico das agresións que execute un mesmo policía dado que, unha vez que se consiga a súa identificación por ese número “ad hoc”, se procederá  asignar a ese axente un novo código alfanumérico identificativo para o próximo operativo,  no que poderá incorrer en malos tratos e excesos baixo un número diferente. 

Obviar a identificación por medio da TIP obriga a confiar nun ulterior proceso de concreción do funcionario policial que tivese incorrido en ilícito, nun  procedemento interno e opaco que estaría a cargo das propias unidades policiais que non impediron e mesmo ampararon tal feito, o que non acontecería de se vincular a identificación ao número persoal (a TIP). Quen garante que ese proceso de identificación vai ser regular? Como non desconfiar cando, de se optar pola identificación por TIP, un mecanismo mais sinxelo e garantista, ese tipo de procedementos non serían necesarios?

"Quen garante que ese proceso de identificación vai ser regular?"

Ainda que tamén é unha obviedade, compre lembrar que a identificación sería mais doada  se figurase no frontal do uniforme, dado que, en caso de carga, poucas persoas fican á retaguarda da policía e non sempre hai medios de comunicación que podan deixar  testemuño da brutalidade policial.

Tampouco podemos esquecer neste rápido apontamento que, alén dos inconvenientes antes sinalados, a instrución impartida pode infrinxir tamén o principio de xerarquía normativa por contrariar os artigos 17 a 21 do REAL DECRETO 1484/1987 sobre distintivos e uniformidade da policía nacional. 

Mais, ainda que o lóxico sería esperar que a Defensora del Pueblo apuntase estas eivas de ilegalidade, mesmo xurídico-formais, a executoria da Sra. Becerril non permite albergar optimismos garantistas. 

Corresponderá por tanto mais unha vez á organización social, que leva anos denunciando os excesos na rúa, preparar a estratexia xurídica adecuada para desvelar esta  astuta manobra con que o ministerio tenta ocultar o amparo e alento político aos excesos policiais dos antidistubios. Na falta de cultura democrática e no escaso respecto que revelan os responsábeis políticos da seguranza cidadá dos dereitos de expresión e manifestación reside o verdadeiro cerne do problema.

Comentarios