Opinión

A hora das letras

A literatura é a arte de todas as artes, coido eu, a risco de ser incomprendida ou considerada excesiva, estridente ou interesada, pois é certo que son arte e parte do territorio das letras. Cómpre explicarme mellor.

A literatura é a arte de todas as artes, coido eu, a risco de ser incomprendida ou considerada excesiva, estridente ou interesada, pois é certo que son arte e parte do territorio das letras. Cómpre explicarme mellor.

As letras nacen da imaxe móbil dun soño ou dunha instantánea Polaroid; as letras tórnanse negras, brancas, redondas, corcheas, fusas e semifusas para combinaren Ruído poético, recrearen na partitura literal a musicalidade cadenciosa dunha Melodía de días usados ou para bailar, por que non?!, un solemne Amor de tango; as artes plásticas ilustran em miniatura os enredos fantásticos e as emocións intanxíbeis da coita d´amor, cosendo a abstracción con fíos de cor; a danza tradicional precisou de coplas creadas anonimamente polo pobo como compañeiras de viaxe e a danza contemporánea segue a entrelazar os corpos de mulleres e homes ao sentimento da palabra musicada como un Engado, como un Alento.

Heidegger deixounos unha importante sentenza: Unicamente onde haxa palabra haberá mundo. A palabra verbalizada na nosa vida diaria axúdanos a estender os lazos dentro da comunidade familiar, veciñal e social que habitamos. Sermos. A palabra escrita, a que os escritores e as escritoras pensan para nós, converten a lectura nunha alternativa ou nun complemento á propia vida, unha xanela aberta e osixenadora, a fiestra baldeira por onde asexarmos os mundos vividos e aqueloutros pendentes de seren descubertos por nós.

A lectura como alternativa ou complemento vital das nosas tarefas e responsabilidades que por veces nos afagan nun tempo aparentemente inmiscíbel que, no entanto, afoga coas súas présas. A lectura que nos axuda a abrir a porta ao mar de bronce, que nos presenta o mundo Fisteus, que ultrapasa connosco a vertical da noite, que nos conta paseniñamente as horas de catro a catro, que nos ofrece unha miraxe propia a través dun ollo de vidro, que dá conta das follas novas, que abre as xanelas dos soños na gaiola para se reinventar unha nova Morgana...

A competencia é dura, dise que unha imaxe vale máis que mil palabras e o sector audiovisual e tecnolóxico aposta forte nesta era da informática e das redes tecidas por unha nova Penélope virtual. Mais, quen pensa que este espazo multimedia non é apto para a lectura?

Primeiro foi o televisor, aparello que asumiu o papel de protagonista dos nosos fogares; en moitos deles mesmo se fixo dono de papeis principais e secundarios ao tempo, ao lle permitirmos converterse en obxecto omnipresente e consubstancial ás dependencias da casa. E cando penso nesa imaxe reiterativa das teles diseminadas polos diferentes cuartos da casa, véñenme á idea as sentenzas sempre maxistrais do enxeñoso Groucho Marx: Considero que a TV é tan educativa que cada vez que alguén prende a televisión saio da habitación e instálome noutra para ler un libro. Pode alguén pensar nunha mellor campaña de lectura?

O computador non ten que ser unha arma de dobre gume que arremede o gusto pola lectura; antes ben ao contrario, pola rede podemos ler en primicia esas composicións recén xermoladas, eses relatos finais resultantes dun revoltallo de palabras debidamente cohesionado, as creacións inéditas coa frescura que corresponde aos primeiros melindres forneados na xornada. Velaí están xa os ebook, lectura dixital que permite hiperligar esa mestura nutricia entre todas as artes. Eis xa tamén, conforme a lei do mercado cultural, as primeiras edicións impresas de novidades nos andeis de librarías que primeiro foron edicións virtuais, creadas por e para a rede sen fíos e respectuosa co medio ambiente. Andar cos tempos, iso é o que cómpre sempre; á literatura, ao libro e á lectura tamén.

Mais para descubrir o pracer da lectura cómpre unha man cálida que a saúde para nós e que a reclame con voz sólida. Para ler non abonda nacer, dícía hai algo máis de cincuenta anos, o escritor santiagués Victoriano Taibo; non abonda, non, é mester alguén próximo que nos introduza no xogo das palabras e dos sentidos, que nos faga descubrir o poder de sedución dun outro medio de diálogo entre nós, lectores e lectoras, e os outros: un eu poético, un paisano cunqueiriano, unha adolescente ao asexo das respostas necesarias ás inquedanzas naturais; un heroe de manga, unha moura...

Mudemos o exercicio coercitivo do tes que ler ou hai que ler polo activo, partícipe e suxerente e por que non ler? Decatarémonos de que esta non é máis do que unha simple pregunta retórica, isto é, sen resposta.

Porque non é certo que a lectura sexa de seu un exercicio estritamente individual, egoísta, anónimo e solitario. Ben puidera selo, como unha primeira opción, mesmo necesaria, mais, ao tempo, a lectura axuda a socializar os individuos lectores provocando intercambios de conversas, pareceres, perspectivas e sensacións. Magnífica proposta a dinamización das bibliotecas escolares e públicas, dos clubes de lectura que nos permiten exercitar as nosas interpretacións, interiorizar os pensamentos dos outros, por dispares que foren, dialogar, rebater, asentir... aprender continuamente a destecer o novelo. E que me din da lectura compartida entre pai e filla cando o día cae e a noite apupa os trasgos e as fadas No corazón do bosque?

As persoas necesitamos, coma quen bebe auga, beber soños, escribiu o mindoniense Álvaro Cunqueiro. A nosa imaxinación está inzada de habilidades para beber soños e enviar metáforas, só temos que estimulala e deixala medrar.

Nos anos 20 do pasado século, o Seminario de Estudos Galegos colocaba a lingua e a cultura galegas no tempo da adolescencia. Hoxe podemos falar da chegada á madurez da literatura galega, pois conta co aval de brillantes escritoras e escritores, recoñecidos internacionalmente mediante a poderosa ferramenta da tradución, que traballan a palabra escrita pensando en cada un dos lectores e das lectoras posíbeis. Creadores e creadoras que escriben na lingua que aman, para logo internacionalizárense noutras linguas e noutras culturas. A escolla da lingua galega como referente de comunicación literaria, desde o exercicio solidario do creador, axúdanos tamén a amar a lingua de noso desde a súa continua e necesaria reaprendizaxe.

Temos palabra, temos literatura, logo temos mundo!