Opinión

A Fronte Obreira, lembranzas e algunhas reflexións

Na primaveira de 1973, no mes de abril, hai catro décadas, un fato de persoas facían como se estivesen descansando e xantando un bocadillo para repor forzas despois de facer unha excursión pola zona, cando en realidade mantiñan unha xuntanza para poñer os alicerces da “Fronte Obreira” (FO) da Unión do Povo Galego (UPG). Isto acontecía nun prado á beira do río Ulla,   rente da Pontevea, a medio camiño entre Compostela e a Estrada. Alí estaban presentes o que redacta este artigo, varios operarios da Citroën (lembro a Casal) e Xosé González que fixo a convocatoria e nos relacionou. Deste xeito abríase unha nova fronte de traballo político da UPG, coa creación dunha estrutura e propostas sectoriais especificas. Significaba un pulo en relación a actividade que desenvolvían até ese momento uns poucos militantes de xeito individual, como  eu mesmo e Moncho Reboiras, que naquel intre estaba cumprindo o servizo militar obrigatorio.

A Fronte Obreira era unha “tendencia ou fronte” da UPG, ou sexa unha estrutura na que converxían persoas que podían non ser militantes da organización, que coincidían nos aspectos esenciais e no programa sectorial. Entendíase polo tanto a UPG como unha forza comunista patriótica, deixando atrás a concepción alxeriana da construción do suxeito para a liberación nacional. A FO debía ser xermolo dun sindicato de novo tipo: de clase, nacionalista, democrático. Reproducía no ámbito sindical o esquema organizativo de ERGA. Queríase construír o Poder Popular dende abaixo, á marxe da esquerda españolista, desenvolvendo xermolos de futuras organizacións de masas que terían un papel fundamental despois da queda da ditadura franquista. Era polo tanto unha visión nova do proceso de liberación nacional, e que ademais confrontaba co “entrismo” que daquela practicaba o PCE e CC.OO. no sindicalismo vertical.

"A Fronte Obreira era unha “tendencia ou fronte” da UPG, ou sexa unha estrutura na que converxían persoas que podían non ser militantes da organización"

Co nacemento da Fronte Obreira eu deixaba a tarefa de organización de ERGA, que xa estaba moi avanzada e contaba con varias células tanto da “tendencia” estudantil como da UPG, para me centrar no ámbito obreiro. Naquela altura traballaba na TERMAC en Compostela, como electricista. Esta construtora  estaba facendo o polígono de vivendas que fica a carón do actual edificio da Xunta de Galiza en San Caetano. Para cumprir mellor o novo cometido deixei esta empresa e marchei para Ferrol a traballar nos estaleiros, onde coidaba existían mellores condicións para organizar o movemento obreiro. Axiña atopei emprego na empresa auxiliar WATT como oficial electricista, e como tal estiven na construción do barco Paloma del Mar na Bazán e despois no Butrón en Astano. Téñase en consideración que a principios de 1973 Bazán tiña un cadro de persoal de 6.322 persoas e Astano de 5.971, aos que se teñen que engadir entre 3.000 e 5.000 operarios nas auxiliares. Posteriormente traballei durante un breve tempo en Emesa na Coruña, etapa na que compartín casa con Moncho Reboiras, que xa rematara a “mili”, e Manolo o de Remesar. E por último, ese ano comecei da traballar en Finsa, na cidade de Santiago de Compostela. En todos estes lugares fixen contactos, ás veces por medio de militantes de ERGA ou como na Coruña, do “brasileiro” (Xosé Paz), para dotar de estrutura a Fronte Obreira. 

O momento semellaba complicado para dar vida á Fronte Obreira, xa que 1972 foi un ano ateigado de mobilizacións masivas e folgas de oposición ao franquismo, mais tamén de represión que se deixaría sentir durante os anos posteriores: centos de despedimentos, moitos detidos e condenados, outros fuxidos ao exterior. Organización Obreira (OO) que tan importante papel tivo na folga de 15 días en Vigo ficou esfarelada. O resto das forzas políticas e sociais, como CC.OO. ficaron moi debilitadas e nalgúns casos momentaneamente pasivas. A Fronte Obreira nacía neste contexto de regresión na mobilización e de represión. Pola contra, este intre sería de avance organizativo do nacionalismo, como meses antes xa amosara o crecemento e consolidación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). Sen dúbida, a este avance axudou a febleza conxuntural de Comisións Obreiras, pola represión da ditadura, e moi especialmente en Vigo pola escisión de OO. Porén sería un erro pensar que só foi esta a razón; tamén tivo moita importancia o desleixo do PCE e CC.OO. a respeito da cuestión nacional galega e que nós tiñamos respostas e métodos de traballo máis acaídos para ese contexto de represión. 

"1972 foi un ano ateigado de mobilizacións masivas e folgas de oposición ao franquismo, mais tamén de represión que se deixaría sentir durante os anos posteriores"

Sumáronse á Fronte Obreira activistas de Galicia Socialista (GS) que se acababan de integrar na Unión do Povo Galego. GS era unha pequena organización política nacionalista, que colaboraba con CC.OO., con base en Citroën, cuxa figura máis coñecida é Camilo Nogueira. Un ano despois entraron na FO cadros de Organización Obreira, como Xosé Anxo García Méndez, que foi secretario xeral da súa referencia política OM-LG (Organización Marxista-Leninista de Galiza). Estes tiñan presenza no sector do metal, moi especialmente no naval, e na construción. As diverxencias internas dentro de OO, entre aqueles que apostaban pola OM-LE, os que querían voltar ao PCE, e os que se inclinaban por unha alternativa soberanista, completaron o proceso de desaparición desta forza política e sindical, moi conxuntural, porén chave para entender o recuar posterior da esquerda española na Galiza.

  
FO desenvolveríase, despois da súa fase inicial durante todo o ano 1973, baixo a dirección de Moncho Reboiras até o seu asasinato en agosto de 1975. Foi el quen lle deu un gran impulso, era un excelente cadro de masas, coherente e entregado. A partir de 1974 xurden varios voceiros comarcais que amosan como a fronte se foi ampliando en militancia. O primeiro que apareceu foi Xerme na Coruña, en xaneiro dese ano, identificado na cabeceira como como “voceiro obreiro” facia unha analise sobre a explotación capitalista, e de conflitos como os de Intelsa, Coca Cola e Conserveira Celta. Axiña saíron á rúa outros boletíns, como: Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, Obradoiro en Ourense, e Galego en Compostela. O seguinte paso sería o nacemento do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e a aparición do seu voceiro nacional, o Eixo, en maio de 1975; co gallo das eleccións sindicais franquistas, nas que se decidiu non participar. Nunha última etapa tamén se integrarían no SOG militantes do Partido Socialista Galego, aínda que outros estaban a participar da Unión Sindical Obreira (USO). O SOG será a columna vertebral da Intersindical Nacional Galega (ING), legalizada en maio de 1977, aínda que nacera uns meses antes. Na ING integráronse outros sindicatos de rama, como a UTEG, SGTM, UTBG e UTSG. O sindicalismo nacionalista entraba nunha nova etapa. 

"FO desenvolveríase, despois da súa fase inicial durante todo o ano 1973, baixo a dirección de Moncho Reboiras até o seu asasinato en agosto de 1975. Foi el quen lle deu un gran impulso"
 

Os xermolos sindicais, así como a incorporación de militantes OO, foron fundamentais para facer do nacionalismo unha forza efectiva no ámbito sindical. Xa que a FO non contou con ningún apoio económico ou mediático exterior, foi unha produción orixinal do país. O seu éxito foi posíbel, nunha situación tan adversa, grazas a unha análise correcta da realidade, a compresión da cuestión nacional, á coherencia e ás arelas de transformación. Así medrou, co esforzo e ilusión de centos de traballadores e traballadoras, mozos e mozas na súa maior parte, o que hoxe é o sindicalismo nacionalista galego. 

Se facemos unha análise das noticias sindicais do Terra e Tempo dos anos 1974 e 1975, até o nacemento do SOG, vemos que a preocupan os conflitos en Intelsa, Astano, Consorcio Industrial do Miño, Dresslok, e Vulcano, así como o xuízo dos 23 de Ferrol, a nova lei de Convenios Colectivos, e a convocatoria de Eleccións Sindicais. Sobre estas últimas, que se realizaron no ano 1975, dicíase no Terra e Tempo de maio de 1974 argumentando a non participación na convocatoria, o seguinte: “Non participación porque as eleccións sindicais son unha farsa, feita pra intentar a nosa integración nas regras de xogo dos nosos explotadores. Non participación porque a  organización vertical, que din que é pra nosa defensa, é un aparello de control e de represión sobor de nós e que non nos representa”. Nestas eleccións participarían CC.OO. e USO; a UGT non tiña presenza na Galiza. 

A axitación sindical e política era clandestina, duramente reprimida polo réxime, e existía unha relación moi estreita entre o movemento obreiro, partidos e as organizacións de estudantes. Por exemplo, La Voz de Galicia do 1 de maio de 1975, facía mención a que fora incautada “numerosa propaganda ilegal e outros obxectos, pola policía en tres pisos de Compostela”, entre eles, panfletos que aparecían asinados por ERGA e a UPG relacionados co 1º de maio e os 23 traballadores procesados de Ferrol, así como unha “vietnamita” e cócteles molotov. Entre os detidos estaba o actual secretario xeral da CIG, Xesús Seixo.

"A axitación sindical e política era clandestina, duramente reprimida polo réxime, e existía unha relación moi estreita entre o movemento obreiro, partidos e as organizacións de estudantes"

A Fronte Obreira nacionalista tivo un nacemento serodio, se comparamos co acontecido en Euskadi; malia este atranco fortaleceuse e creceu paso a paso. Non está de máis lembralo, agora cando se cumpren catro décadas, nun intre no que a globalización neoliberal parece querer esmagalo todo, e as condicións semellan como daquela tan adversas para o nacionalismo anticolonial. Unha conxuntura con grandes mobilizacións, mais tamén con situacións de refluxo, de incerteza, de confusión, que ás veces confunden dirixentes e cadros acostumados a décadas de avance e grandes loitas noutra realidade, especialmente no campo sindical, e cunha tendencia a solucionalo todo coa mobilización ou a negociación. 

Neste contexto cómpre lembrar que os progresos nunca son unha liña recta, e que a mobilización, mesmo a defensiva, non depende exclusivamente da ofensiva ou debilidade das clases dominantes, senón de que exista conciencia na clase traballadora de que a mobilización é un medio efectivo para avanzar. Polo tanto, para manter a confrontación nos momentos de refluxo, alentar unha rápida saída desta situación e conseguir a máis ampla resposta social, é necesario un esforzo especial en: organizar, formar, e mellorar os métodos de traballo, as formas de protesta, e os medios de comunicación, para xerar expectativas de ruptura democrática no imaxinario colectivo (a batalla no eido das ideas). Hoxe os medios de comunicación e a cultura de masas está, como nunca antes, ao servizo do capitalismo, desalentando ou desarticulando a protesta social. Ademais, non se pode esquecer que as tarefas e os métodos de traballo axeitados, para poder facer realidade os obxectivos estratéxicos, nunca poden ignorar o estado de ánimo das masas e o seu nivel de conciencia (que pode avanzar, porén tamén recuar co tempo, especialmente cando as forzas de esquerda abandonan a loita pola ruptura). Tan errado é ficar por detrás, como adiantarse demasiado, xa que existe unha relación dialéctica entre conciencia social, organización e mobilización construtiva. E, por último dicir, que o sindicato debe ter un papel importante na loita pola ruptura democrática e a liberación nacional e social, e iso só é posíbel politizando as estruturas sindicais e cunha forte presenza da clase traballadora nos partidos políticos, na actividade institucional e no ámbito da cultura. Repregarse na fábrica ou no sindicato sempre é unha actitude defensiva, por máis mobilizacións que se fagan, e sempre termina debilitando a clase obreira e a loita de clases.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Comentarios