Opinión

A fortaleza do vimbio

A lectura dun recente artigo do compañeiro Vence sobre a iniciativa “propón connosco” deume moito que pensar, o que agradezo porque, citando o famoso Discurso do método de Descartes, aínda que o bo senso semella a cousa mellor repartida do mundo, non sempre acontece así.Deume que pensar por varios motivos.

A lectura dun recente artigo do compañeiro Vence sobre a iniciativa “propón connosco” deume moito que pensar, o que agradezo porque, citando o famoso Discurso do método de Descartes, aínda que o bo senso semella a cousa mellor repartida do mundo, non sempre acontece así.

Deume que pensar por varios motivos. Primeiro, polo difícil xeito de confecionar o documento incial titulado “Construíndo futuro”. Escoitar as persoas que forman as asembleas comarcais do BNG, inmediatamente despois dun duro proceso electoral e co pano de fondo duns meses previos complexos e cheos de desilucións colectivas, sintetizar ese material e darlle forma en dez folios podemos comprender que significa trazar unha liña da situación non carente de matices e ópticas contrapostas.

Sobre este documento realizouse un proceso de debátes e postas en común polo país. Non deixa de sorprenderme a vontade de tanta xente para asistir a unha xuntanza a aportar a súa visión da situación actual e do futuro. É certo que hai persoas que preferían un texto máis resolutivo ou, incluso, comentaban nas propias xuntanzas a necesidade de pechar máis os temas.

Porén, para min este é unha das súas maiores virtudes. A plasmación de que as receitas máxicas ou mesiánicas non existen. Non existiron nunca, aínda que agora teñamos ese espellismo memorístico, e no contexto actual poden parecer unha burla máis a unha cidadanía esgotada de palabras. Así, desde a miña óptica, o documento recoñece que o funcionamento orgánico necesita unha reformulación, que o momento actual require unha forma de relación cos movementos sociais distinta e menos encortesada, que a comunicación é un todo de ideas e praxe e, por último, que cómpre pensar a soberanía, política e económica, de Galiza nun contexto recentralizador neoliberal.

"O documento recoñece que o funcionamento orgánico necesita unha reformulación, que o momento actual require unha forma de relación cos movementos sociais distinta e menos encortesada"


Respecto ao primeiro punto, agardo que a próxima Asamblea Nacional dea pasos importantes. O modelo de fronte necesita revisar que cambios aconteceron nos últimos anos e como iso implica modificacións internas nun contexto social que prima a suma de actores diferentes perante as agresións da dereita. Nun momento onde a sociedade ve as estruturas organizativas baixo a sospeita de aparatos de poder, control e reprodución do modelo político actual, desbotar a rixidez estrutural é positivo e non unha carencia. A arquitectura organizativa ten que responder ao obxectivo da funcionalidade e a pluralidade que se proclama.

En segundo lugar, a denominada relación coa sociedade e a comunicación das propostas políticas. Nestes puntos quixera facer unhas consideracións previas. A sociedade galega non é allea ao contexto mundial de baleirado de valores comunitarios no altar do interese persoal. A completa despolitización das relacións sociais abonou o terreo para o descrédito da política. Descrédito ensazalzado e rentuado de xeito claro pola dereita. Existe unha marxe moi reducida para rexeitar no cotiá esta forma de política dos tratados económicos europeos que agora impera e propoñer novos modelos alternativos. Non obstante,si  que existe unha “múltitude” que semella disposta a mudar as cousas se atendemos ao seguimento das folgas, aos movementos sociais da xente máis nova tipo 15M, aos colectivos de afectados polos desfiuzamentos ou o fraude das preferentes, as mareas de sanitarios e ensinantes que defenden o público,... A pregunta é como se transforman as accións puntuais de protesta nun suxeito político capaz de enfrontarse ao neoliberalismo económico e político con éxito. De enfrontarse á política como espectáculo mediático. Neste escenario o papel dunha formación que queira transformar desde a base ,eu entendo que é dobre, acompañamento e catalización política. De aí, que a comunicación tamén debe posuir a capacidade para asignar novos significados á perdida das última décadas, a transformación e o cambio tamén son unha cuestión semántica.

 "A pregunta é como se transforman as accións puntuais de protesta nun suxeito político capaz de enfrontarse ao neoliberalismo económico e político con éxito".


Po último, este aparente caos e a dispersión que vivimos no pensamento e acción da esquerda e do nacionalismo temos que entendelo, por unha banda, froito do problema herdado da esquerda clásica para definir un suxeito político que non sexa monolítico e, por outra, resultado da implosición desde dentro da propia clase media, formada e con espectativas vitais incumpridas. Escoitamos a xente que nos di que agora só toca falar de traballo e non de capacidade de decidir, ou que o tema da igualdade das mulleres xa é historia porque agora o que toca é a crise. A crise é o epifenómeno, o que vemos e sufrimos. O fenómeno que a sostén é un deseño planificado e calculado para cambiar de modelo social, económico e político. Polo tanto, para combater o desemprego e a desesperación cotiá teremos que considerar que estamos nunha guerra onde se busca afortalar todas as opresións. Canta máis desigualdade, maior será a desigualdade das mulleres, maior a das clases populares, maior a de Galiza. De aí que hoxe o debate soberanista eu o entendo da man dunha desglobalización da economía. Temos que cuestionar que modelo de produción, de acumulación e comercialización queremos e propoñemos.

Desglobalizar a economía e politizar a vida pública son dous retos de futuro. O papel dunha organización nacionalista e de esquerdas diante dos mesmos? Liderar a capacidade de decisión, paso previo a ter capacidade de produción e participación. Non estaremos nun novo pacto social se desaparecemos como galegos e galegas.

Por isto remato citando a Castelao, por tradición e porque nas súas palabras habita a forza dos nosos soños: "Porque dos ideais puros sempre se cede unha grande parte, cando de boa fe búscase a paz despois da guerra, pois non hai dúbida que aos doutrinarios empedernidos lévaos a corrente -é máis firme un xunco que un poste de telégrafos- e só triunfan as ideas que se amoldan ás realidades".

Comentarios