Opinión

A eurozona a debate

A pasada semana no xornal dixital portugués resistir.info saíron varios artigos* nos que se trataba sobre as repercusións dunha posíbel saída de Portugal da eurozona. A maior parte dos analistas coidaban que a saída era vantaxosa.

A pasada semana no xornal dixital portugués resistir.info saíron varios artigos* nos que se trataba sobre as repercusións dunha posíbel saída de Portugal da eurozona. A maior parte dos analistas coidaban que a saída era vantaxosa. Mais, o artigo de Eugenio Rosa alertaba que podía ter máis problemas que solucións se non ía acompañada doutras medidas, e mesmo afirmaba que non facelo estaba favorecendo ao sistema, polo que deixaba un pouso negativo en relación a esta opción. En contestación a esta postura João Carlos Graça e Octávio Teixeira desenvolvían senllas análises que de xeito migalleiro valoraban as consecuencias negativas da saída, que non negaban. Mais tamén consideraban que a saída da eurozona é unha medida esencial para superar a crise a medio prazo e, sobre todo, neutralizar un dos principais mecanismos cos que contan neste intre as clases dominantes para impoñer as súas políticas.


"Consideraban que a saída da eurozona é unha medida esencial para superar a crise a medio prazo"


Octávio Teixeira fixa como efectos negativos: “a) a saída do euro necessariamente acompanhada de uma desvalorização importante implicará uma pressão inflacionista e apresentará o risco de ver a nova moeda apanhada no turbilhão da especulação; b) o das dívidas liberadas em euro; c) a obtenção do financiamento externo que seja necessário.”. Porén Teixeira coida que se poden evitar as repercusións máis perversas en materia salarial, que a inflación pódese minguar mediante o control da distribución, e que a especulación sobre a moeda pódese evitar regulando o mercado de capitais. Aporta ademais solucións para a débeda e o financiamento exterior. Por último, afirma que con esta medida non abondaría e que compre mudar a política macroeconómica.

En todo caso o leitor pode atopar en resistir.info estas análises sobre un tema tan importante e de actualidade. O que quero neste artigo e destacar que a situación na eurozona, na Unión Europea, ou en calquera outro contexto, non é unha foto fixa, e existe unha constante interrelación entre a política, a economía, a cultura e o militar. Daquela a saída da eurozona implica, non só restar mecanismos de control ás clases dominantes na Unión, senón tamén unha recomposición no interno dos países que se afasten, e un avance das forzas populares que se opoñen a este bloque imperial Europeo. A saída dun estado da eurozona ten consecuencias moi graves para o proxecto imperialista, non só polos custes económicos actuais, senón porque cuestiona a súa fortaleza e viabilidade futura. Significaría un paso atrás no proceso ascendente de concentración e centralización da riqueza e do poder.

Non penso polo tanto que a saída da eurozona se poda dar sen conflito, en calquera dos dous escenarios posíbeis. Nomeadamente, que estoupen as contradicións no núcleo duro da alta burguesía e se trasladen aos estados máis fortes, ou que nalgún dos países da periferia, diante da inmensa protesta social, e a oposición dun sector da gran burguesía, o goberno se vexa obrigado a rachar coa eurozona. En calquera caso, non é o mesmo saír por decisión propia, xa que existiría a posibilidade do control dos tempos de negociación, que como consecuencia de que os estados máis fortes os consideren un lastre e os afasten impondo todas as condicións.

Agora ben, os argumentos que se empregan para cuestionar a eurozona son igual de validos en relación á Unión Europea e á OTAN. É verdade que a moeda é un elemento de control fundamental sobre a economía do conxunto dos estados que integran a Unión, porén tamén o son as normas e regulamentos que disciplinan as distintas actividades económicas, gastos públicos, criterios laborais, taxas de comercio co exterior, formación, política exterior, etc. En realidade todo o proxecto da Unión Europea é funcional, dende que xurdiu, aos intereses dos grandes grupos económicos, e polo tanto á gran burguesía. Só na confianza de que co tempo se pode reverter esta matriz, ou que o actual reaxuste é conxuntural, pódese entender que se propoña a saída do euro e non da UE e do bloque militar agresivo da OTAN.

"Os argumentos que se empregan para cuestionar a eurozona son igual de validos en relación á Unión Europea e á OTAN"

Ningunha das dúas hipóteses anteriores semella realizábel.

1) A correlación de forzas na Unión Europea, a medida que se foi ampliando e articulando, fíxose máis desfavorábel para as clases populares e as nacións máis débiles, especialmente aquelas que carecen de estado de seu (como Galiza). E esta situación non parece reversíbel sen derrubar os alicerces da Unión, agudizando ao máximo as contradicións de clase e nacionais. Para iso cómpre organizacións que defendan proxectos antiimperialistas, antisistémicos, mobilizando con criterios estratéxicos e xerando conciencia a prol da necesidade de fortalecer suxeitos políticos que sirvan os intereses das clases populares. As realidades sociais da UE son demasiado diversas como para pensar que este proceso poda callar ao mesmo tempo en todo o territorio.

2) Tampouco é críbel a hipótese de que as clases dominantes queiran retornar á situación anterior á crise, xa que esta serviu para concentrar e centralizar riqueza e poder. Calquera pode ollar como aumentou o seu peso no PIB, e como se socializaron as perdas dos grandes bancos. Polo tanto a crise (reaxuste) foi planificada e funcional para os seus intereses a costa de aumentar a explotación das clases subalternas e a opresión das nacións dependentes, colonias e neocolonias. Dar pasos atrás iría contra os seus intereses de clase. Só cederían (sempre transitoriamente) diante dun conflito continuado que puxese en perigo as taxas de lucro ou a súa propia existencia como clase. Evidentemente existe unha disputa mundial entre as potencias e os grandes grupos económicos, na que pretenden sumar ao pobo, no relativo á concentración e centralización de capital e de poder, e polo tanto da taxa de lucro e a garantía de mantela e mesmo incrementala no tempo.


"Existe unha disputa mundial entre as potencias e os grandes grupos económicos, na que pretenden sumar ao pobo, no relativo á concentración e centralización de capital e de poder"

Agora ben, no eido estritamente económico quero facer algunhas engádegas. Non se trata só de aumentar o PIB e xerar emprego, porque este pode medrar sen deixar de se acelerar a concentración da riqueza, esquilmando os países dependentes e medrando a explotación das clases populares. Ademais, este camiño de crecemento en base á deflación non é doado, porque todos os estados están a realizar políticas de deflación interna, ben con medidas semellantes ás do Estado español, ben mediante a deflación da moeda. Lembremos que a competencia é mundial por uns mercados limitados, pola propia tendencia de centralización e concentración, a depredación da natureza, a cuestión demográfica e o cambio climático. Ao que temos que sumar que a economía especulativa (investimento en curto, derivados, moeda), delituosa (droga, prostitución, migración clandestina) e militar (pública ou privada) comen boa parte do actividade produtiva. O acordo entre algúns sindicatos en Francia e a patronal, para rebaixar salarios e suprimir dereitos laborais, indica que na regresión tampouco van durar moito as vantaxes competitivas no mesmo marco da UE. Por outra banda, dado que hoxe as rendas mixtas e do capital son máis importantes que as do traballo no PIB, a deflación sobre estas últimas ten unha repercusión limitada. A concentración e centralización da riqueza non regresa en forma de máis emprego, investigación e tecnoloxía, senón que se emprega para a especulación, deslocamento empresarial e adquisición de bens de luxo.

A única estratexia favorábel ás clases populares a esta altura da humanidade, e a única sustentábel, solidaria e xusta, é que cada pobo se goberne soberanamente, produza a máxima diversidade de bens e servizos, e adquira no exterior aqueles que non posúa mediante un intercambio xusto. Xa que, ademais da esencia explotadora e opresora do capitalismo, a sobredimensión da globalización xera unha funesta centralización. Analícese o acontecido coa caída do socialismo real na URSS, por mor dunha economía excesivamente internacionalizada, para comprender as consecuencias diante de calquera situación de crise, mais tamén de dependencia dos centros de poder (recoñecendo as moitas virtudes que tiña o sistema noutros aspectos). Esta experiencia práctica, sen dúbida historicamente a máis solidaria, débenos facer meditar sobre os límites dun sistema federal e confederal. Mais tamén que, eliminar as contradicións de clase, non significa mecanicamente resolver as nacionais, de xénero, ecolóxicas ou garantir os dereitos democráticos.


"Ademais da esencia explotadora e opresora do capitalismo, a sobredimensión da globalización xera unha funesta centralización"

Todas aquelas estratexias que non garantan a liberación nacional e social de todos os pobos e a solidariedade conducen a unha vía morta e a dirimir na confrontación económica, cultural, política e militar a apropiación de recursos e máis valía. E nesta batalla, as nacións máis débiles, como Galiza, e as clases subalternas, como a traballadora, non teñen ningún futuro, xa que fican nunha correlación de forzas moi negativa diante dun poder inmenso, lonxano e agochado. Sei que o capitalismo, tende a ampliar por natureza a súa esfera de influencia, volvéndose imperialista. Mais, a globalización, como economía de escada cunha visión mecanicista tamén foi un erro que se cometeu dende a esquerda, e aínda ten moitos valedores.

Sei que nos liberar da opresión e explotación é un camiño cheo de atrancos, de sacrificios, de heroísmos na historia da humanidade, e non por iso deixaron de se facer, porque os resultados ben pagaron a pena. A soberanía para todas as nacións, grandes ou pequenas, é fundamental para construír sociedades con capacidade para decidir. O outro pear desta base é avanzar cara o socialismo, entendido nesta etapa e no noso contexto como garantía de: democracia participativa; normalización cultural e lingüística; traballo digno e para todos/as; servizos e prestacións públicas esenciais; sectores estratéxicos nacionalizados (finanzas, enerxía, comunicacións...); desenvolvemento do cooperativismo; e cohabitación coa pequena empresa. O tempo irá demostrando cales deben ser as formas de socialización máis acaídas e que teñan un amplo respaldo social. A saída do euro, sería un primeiro paso, deixar a UE e a OTAN, permitiría un maior avance ao reconfigurar fortemente a correlación de forzas internas, dando pulo á loita popular. Mais este proceso non estará completo mentres non se consiga a liberación nacional e social de todos os pobos.

"A saída do euro, sería un primeiro paso, deixar a UE e a OTAN, permitiría un maior avance ao reconfigurar fortemente a correlación de forzas internas"



http://manuelmera.blogaliza.org/

 

* Ligazóns aos artigos de resistir.info:

 http://resistir.info/portugal/o_teixeira_08nov12.html

 http://resistir.info/e_rosa/armadilha_endividamento.html

 http://resistir.info/portugal/hamlets_portugueses.html

 http://resistir.info/jf/saida_euro.html

 http://resistir.info/portugal/saida_do_euro2.html