Opinión

Á espera dos bárbaros

O Delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez, decidiu saír en auxilio dun Núñez Feijóo acurralado polas indignas e inmorais frivolidades do pasado e polo cúmulo de frontes de protesta derivados do nefasto labor de Goberno do PP, quer na Xunta de Galicia quer no Goberno Central. Nomeadamente, o cruel espolio das preferentes, os desafiuzamentos e a fame rampante. Samuel Juárez irrompeu o 9 de xuño como un torpe Gobernador Civil, botando man dun burdo manual de propaganda para policías principiantes.

E  que vai ser de nós agora sen bárbaros?
C. Cavafis, Á espera dos bárbaros.

O Delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez, decidiu saír en auxilio dun Núñez Feijóo acurralado polas indignas e inmorais frivolidades do pasado e polo cúmulo de frontes de protesta derivados do nefasto labor de Goberno do PP, quer na Xunta de Galicia quer no Goberno Central. Nomeadamente, o cruel espolio das preferentes, os desafiuzamentos e a fame rampante. Samuel Juárez irrompeu o 9 de xuño como un torpe Gobernador Civil, botando man dun burdo manual de propaganda para policías principiantes.

Nunha entrevista a toda plana nun diario deste país apenas dixo palabra da acción en Galiza do goberno que el representa. Ten razóns abondo para non facelo habida conta do seu negro e dramático balance. Pero si aproveitou para espraiarse e dar renda solta á imaxinación nun asunto que supoño que a súa fina intelixencia lle leva a pensar que é o problema que máis preocupa aos galegos: a orde pública e, como non, o terrorismo.  Non foi especialmente sutil á hora de responder ás preguntas do xornalista e tampouco agochou moito as súas intencións: atacar ao BNG –el prefire dicir Bloque a secas. Fíxoo con insinuacións de tan escaso fundamento que non merece moito comentario máis que a petición aos seus superiores para que o manden a un cursiño de recualificación como veterinario e poñan no seu lugar a alguén algo máis competente. Non fai falta moito, basta con que saiba medir as palabras e calibrar o seu significado.

"Para poder sermos a reserva de occidente da loita contra o terrorismo, primeiro temos que inventalo".

Non é preciso darlle moitas voltas á evidente contradición entre a afirmación de que non hai accións represivas nin cargas policiais (“Además, ¿dónde hay acciones represivas?, ¿cuándo? “) para logo afirmar que hai un moi serio problema de terrorismo que algúns disque non vemos (“Yo soy el delegado del Gobierno de una comunidad donde hay una organización terrorista activa y sería una irresponsabilidad que yo minimizase ese problema. Son gente que para lograr objetivos políticos pone bombas. Creo que es muy miope no verlo”). A maior abundamento na contradición dixo “Desde que yo estoy aquí, cargas policiales muy poquitas.  Salvo algún hecho grave como el de Ferrol al inicio de la campaña electoral. Ahí la policía más que cargar se defendió como pudo. Y en el caso de Jorquera, en el desahucio de A Coruña, lo que se vio fue a la policía aguantando las acometidas de unos bárbaros”.

É esta súa evocación dos “bárbaros” o que me resulta especialmente suxerente e é o que lle da sentido a toda a súa visionaria entrevista.

Cando lin esta lindeza non puiden evitar pensar no recorrente recurso á idea dos bárbaros por parte do poder cando anda acurralado polo seu propio fracaso. Se non hai inimigo hai que inventalo, como sexa. Para poder sermos a reserva de occidente da loita contra o terrorismo, primeiro temos que inventalo. Aínda que no manual de propaganda que lle fotocopiaron a don Samuel non llo expliquen, o certo é que esa idea é moi vella. E mesmo está moi ben tratada nalgunha da mellor literatura. Eu recomendaríalle a don Samuel unha lectura dunha obra do premio Nóbel sul-africano Coetze publicada en 1980 e titulada precisamente Á espera dos bárbaros, que por súa vez remite a un precioso poema homónimo de Cavafis.

Como saben o argumento central da espléndida novela de Coetze é que un día o Imperio decidiu que os bárbaros eran una ameaza perigosa para a súa integridade. A partir de aí empeza a poñerse en marcha a secuencia de decisións e feitos narrados en primeira persoa polo maxistrado encargado de gobernar un pobo de fronteira cos bárbaros. Primeiro chegaron ao pobo fronteirizo policías, que detiveron sobre todo aos que non eran bárbaros pero si diferentes. Torturaron e asasinaron. Despois chegaron os militares, ao mando do coronel Joll. Moitos. Preparados para realizar heroicas campañas militares contra as tribos bárbaras que ao parecer estaban preparándose para coordinarse e atacar xuntas. O vello maxistrado do lugar tratou de facerlles ver que os bárbaros sempre estiveran alí e nunca foron un perigo, que non se poderían vencer en batallas militares, que as opinións que tiñan sobre eles eran absurdas e disparatadas... O coitado do maxistrado non os convenceu e tan só gañou caer preso e torturado el tamén e o pobo, que aclamara os militares cando chegaron, tan só conseguiu a súa ruína total.

"Antes de inventar os bárbaros pénseno dúas veces, por favor. E, de paso, déanlle vacacións eternas ao seu Delegado e aproveiten para aforrar uns millonciños suprimindo a redundante Delegación do Goberno na Galiza".

Samuel Juárez e os seus irresponsábeis xefes na capital do Imperio parecen decididos a inventar os bárbaros, para poder esperalos e, sobre todo, para prepararse para esperalos e combatelos como deus manda. Para que a cousa funcione primeiro hai que acusar e perseguir aos que non teñan imaxinación suficiente para ver que os bárbaros estan aí mesmo. A quen non sexa quen de velos a policía vai ensinarlle os argumentos. 

O problema é que si Samuel Juárez e os seus se empeñan en anunciar os bárbaros, tarde ou cedo van precisar que aparezan. Sobre todo porque os de Samuel Juárez teñen que evitar que entre a poboación ben pensante cunda o desconcerto e a perda da fe. Porque de aí, deles, ven o perigo para o Partido Popular. Non vaia ser que empecen a pedir contas polas desfeitas dunhas políticas devastadoras.

Ninguén pode expresalo mellor do que o fai Cavafis no seu poema: 
“...
-¿Por que empeza de pronto este desconcerto
e confusión? (¡Que graves se tornaron os rostros!)
¿Por que rúas e prazas apresa se baleiran
e todos volven a casa compunxidos?
Porque se fixo de noite e os bárbaros non chegaron.
Algúns viñeron das fronteiras
e contaron que os bárbaros non existen

¿E  que vai ser de nós agora sen bárbaros?
Esta xente, ao fin e ao cabo, era unha solución”.

Antes de inventar os bárbaros pénseno dúas veces, por favor. E, de paso, déanlle vacacións eternas ao seu Delegado e aproveiten para aforrar uns millonciños suprimindo a redundante Delegación do Goberno na Galiza.

Comentarios