Opinión

A encrucillada de Santa Bárbara

O peche da factoría de armamento Santa Bárbara presenta un dilema moral deses que a esquerda demasiadas veces non foi quen de afrontar cun mínimo de coherencia. Por unha banda temos un punto de vista sindical no que a prioridade debería ser a defensa dos postos de traballo das case duascentas persoas que van ser despedidas pero pola outra, non estou seguro de ata que punto é positivo conservar unha empresa desas características en Galiza.

Santa Bárbara é parte do conglomerado empresarial americano General Dynamics, unha besta que manexa máis de trinta mil millóns de dólares anualmente no sinistro negocio das armas. Aínda que naceu coma unha empresa naval o seu produto estrela son os cazas F16 utilizados nunha infinidade de bombardeos a poboación civil polos exércitos dos Estados Unidos, Israel ou da propia OTAN. Tamén é principal fabricante dos submarinos nucleares Ohio, que agora mesmo han de estar cos seus mísiles apuntando cara Corea do Norte, e o seu nome sempre estivo relacionado coa fabricación de armas ilegais como as bombas de acio, as minas antipersoais ou as armas de uranio empobrecido segundo a ONG Setem no seu informe do ano pasado sobre o financiamento deste tipo armas por bancos españois.

 "Quero vivir nun país que non faga negocio da morte e no que a política e o tecido empresarial sexan quen de dar alternativas para non poñer á xente neste tipo de encrucilladas"

Neste senso, o nome Santa Bárbara sempre se relacionou ca fabricación de espoletas e cebos para minas antipersoa ata a total ratificación do Tratado de Ottawa de 1997 sobre a prohibición do  emprego, almacenamento, produción e transferencia deste tipo de armamento e sobre a súa destrución. Tratado que o estado español foi reticente de asinar e que EEUU endexamais ratificou.

Deste xeito habería que preguntarse se eses postos de traballo valen máis que as vidas que esas armas van quitar sen esquecer que probablemente serán utilizadas en países empobrecidos causando danos colaterais, ou evitando ese noxento eufemismo, matando poboación civil.

Eu o teño claro. Sei que é un tanto utópico pero quero vivir nun país que non faga negocio da morte e no que a política e o tecido empresarial sexan quen de dar alternativas para non poñer á xente neste tipo de encrucilladas. 

Comentarios