Opinión

A educación como mercadoría

Entender o ensino como un mercado é algo habitual desde hai máis de vinte anos, sobre todo en América do Norte, onde se fala sen problema de mercado da educación, negocios da educación, mercado de produtos e servizos de educación, etc. Tan habitual, dicimos, que a propia revista

Entender o ensino como un mercado é algo habitual desde hai máis de vinte anos, sobre todo en América do Norte, onde se fala sen problema de mercado da educación, negocios da educación, mercado de produtos e servizos de educación, etc. Tan habitual, dicimos, que a propia revista Forbes dedica amplos espazos a analizar os negocios educativos, entendendo ademais a educación como “a pedra angular de todos os sectores” expresión que traducida a linguaxe coloquial quere dicir que o ensino é a nai de todos os negocios.

Esta concepción do ensino asimila a formación a unha mercadoría, as familias a clientes e a escola a un produto ao que obviamente lle hai que pór unha etiqueta de calidade. E sendo un produto debe estar suxeito aos mecanismos reguladores do mercado.

En Nova Iorque os xornais publican cada primavera a clasificación das escolas para que pais e nais elixan. Esas listas circulan logo nas axencias inmobiliarias, chegando a condicionar o prezo da vivenda a clasificación da escola. Tamén hai guías impresas e páxinas en internet, como US.NEWS, onde podemos ver as mellores facultades ou os mellores institutos, ou mesmo os mellores programas de educación en liña, xa que o antigo Mercado Mundial de Educación (WEM) se transformou agora en Mercado Mundial de Ensino e Educación, incluíndo aquí a denominada “educación intelixente”

Na realidade, con esta clasificación, e sob a aparencia de ofertar igualdade de oportunidades, o que acontece é que os centros se clasifican segundo a procedencia socioeconómica do alumnado, derivándose de aí que desigualdade de clase = desigualdade no acceso aos centros de ensino, configurándose os centros educativos en función da renda familiar.

Este modelo educativo leva ao concepto de escola baseada na xestión e nos resultados, modelo promovido pola OCDE e que subxace detrás das políticas educativas ben queridas polos gobernos do PSOE e desenvoltas polos gobernos do Partido Popular.

Razóns para falarmos de mercado non faltan. Algunhas estimacións, xa vellas, indican que o gasto mundial en educación representa máis do dobre do do mercado do automóbil. En todo o caso, segundo o recente informe de investigación de mercado "Smart Education and Learning Market: Advanced Technologies, Digital Models, Adoption Trends and Worldwide Market Forecast (2012 - 2017)'' publicado por MarketsandMarkets (http://www.marketsandmarkets.com), esperase que o mercado mundial de ensino e educación intelixente (como agora se denomina) alcance a 220.000 millóns de dólares en 2017 a unha taxa de crecemento anual do 20,3% entre 2012 e 2017.

Estamos, polo tanto, perante un sector ben apetecíbel para a empresa privada. Por iso, xa desde comezos da década dos noventa a patronal europea, reunida na ERT, nun informe titulado Educación e competencia en Europa comunica aos poderes políticos que o ensino debe pasar ás súas mans. A mesma patronal, algúns anos despois e nun novo informe titulado Unha educación europea, cara a unha sociedade que aprende, manifesta que a educación debe considerarse como un servizo prestado e que os gobernos deben comezar a “consumir” formación ao longo de toda a vida.

Para lograr este obxectivo -di de novo a ERT- hai que desregulamentar estruturas de xeito que os centros escolares poidan ser sensíbeis á presión exterior (enténdase pais e nais). Esta recomendación entendeuna perfectamente a Consellaría de Educación cando, por exemplo, presentou o inquérito sobre a lingua a usar nos centros.

A política de desregulamentación do ensino público e de liberalización do sistema ten, entre outras, unha pretensión e unha consecuencia. A pretensión é o fin do ensino público, un final programado, se habemos crer os ideólogos da Comisión Europea que pensan que “chegou o tempo da educación fóra da escola”; e unha consecuencia, o acrecentamento das desigualdades sociais perante o acceso ao saber. Estamos nun momento en que, dunha parte, o mercado de emprego reclama un reducido número de traballadores con elevada cualificación mais, doutra parte, propón unha masa crecente de empregos en precario, mal pagados e que non precisan mais que as competencias básicas. Por iso a OCDE non ten rubor en proclamar: “Os poderes públicos unicamente deberan asegurar o acceso ao aprendizado a aqueles que nunca constituirán un mercado rendíbel e cuxa exclusión da sociedade en xeral se acentuará a medida que outros continúen progresando”

 

Extraordinario momento de lucidez ou de cinismo

Non sei.

Mais polo visto o obxectivo é conseguir que no ano 2015 Europa sexa a primeira potencia tecnolóxica do mundo e a economía motora do sistema fronte a EEUU e Xapón-Corea.

Agora si que estou desnortado.

Comentarios