Opinión

A difícil transmisión da lingua

“Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria? Pois é certamente mais bárbaro quen deixa morrer un idioma: obra de arte insuperábel, feita con amor, con dor e ledicia polos nosos antigos, que recebemos em herdo e que temos a obriga de enriquecer co espírito do noso tempo.» Daniel R. Castelao. Sempre en Galiza

“Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Gloria? Pois é certamente mais bárbaro quen deixa morrer un idioma: obra de arte insuperábel, feita con amor, con dor e ledicia polos nosos antigos, que recebemos em herdo e que temos a obriga de enriquecer co espírito do noso tempo.»

Daniel R. Castelao. Sempre en Galiza

Só podo falar da miña experiencia vital coma nai dunha nena que cursa educación infantil, unha nena que vive e estuda nun centro urbano de grande tamaño.

A pesar de que o seu contorno familiar máis próximo –a totalidade del: os pais, os avós, os tíos, padriños…- utilizamos o galego como lingua de comunicación entre nós e con ela, a miña filla, de cinco anos, é hoxe castelán falante. Todos nós comprendemos e falamos o castelán, pero só excepcionalmente o empregamos nas nosas relacións persoais e profesionais. Por unha sinxela razón: entendémonos con todos os nosos interlocutores en galego. Xa que logo, poderiamos dicir que a nena se criou nun contorno favorable ao uso do galego, que foi a súa primeira lingua de comunicación, con algunha interferencia do castelán.

"Privar os nenos do ensino en galego supón privalos dun correcto coñecemento do idioma nos anos posteriores".


Mais a súa incorporación a un ambiente aparentemente castelán falante na escola produciu unha muda total no idioma que utiliza a nena; a lingua utilizada preferentemente na aula é o castelán, e agora mesmo é a lingua utilizada polos alumnos deste colexio na educación infantil. Só a través dunha petición expresa de que se comunique en galego, van optar polo galego coma lingua de comunicación.

O papel dos mestres durante estas etapas tan iniciais da aprendizaxe dos nenos ten unha importancia extraordinaria, xa que os pequenos adoitan sentir unha profunda admiración polos seus mestres –sen dúbida merecida, polo enorme esforzo que levan a cabo-, que me ten levou a entender que son unha especie de super-heroes para os nosos pequenos.

Privar os nenos do ensino en galego supón privalos dun correcto coñecemento do idioma nos anos posteriores. O contorno social é maioritariamente hostil ao galego, e non se conta con ferramentas complementarias o suficientemente desenvolvidas ou potentes, coma son libros, ofertas musicais, teatrais ou televisivas, que poñan en valor ao galego. Todo colabora para que sexa o castelán o idioma reforzado socialmente. Só como nai, sen datos que avalen esta afirmación, observo que no rural, onde se atopan máis experiencias de ensino en galego coma lingua vehicular, os nenos de pais castelán falantes non mudan a súa lingua de comunicación preferente. Sen dúbida, a suma de todos os factores sociais veñen a incidir neste resultado final. Os prexuízos contra o galego seguen aí: lingua pouco útil, galego coma lingua do rural, lingua do atraso ou dos radicais políticos. Só o papel integrador da escola, poñendo en valor a nosa lingua, vai permitir, na miña opinión -persoal e non científica- que se conserve o uso común dunha lingua destinada cando menos á marxinación e, moito temo, que á súa posterior desaparición.

Comentarios