Opinión

A desaparición das clases medias

As políticas de restrición orzamentaria actúan como multiplicadoras da caída da actividade empresarial e, xa que logo, do emprego e da recadación fiscal. Das resultas desta queda recadatoria o déficit non mellora, agrávase. No entanto se desenvolven estas políticas  restrictivas, os parados esgotan a prestación e camiñan cara a exclusión social, sen que o sistema público de benestar lles dea abeiro, porque a (i) lóxica da restrición orzamentaria recurta os servizos sociais (mesmo a axuda alimentaria e para a vivenda) xusto cando máis compren.

No eido da economía produtiva, cancélanse (case) todos os programas de investimento en infraestruturas e de pulo á actividade empresarial. Das resultas desta contracción, as pemes ven caer os seus mercados sen que se adopten medidas fiscais compensatorias, como o criterio de caixa, para só declarar o IVE cobrado, unha simplificación normativa do Imposto de Sociedades-máis progresividade, menos exencións e bonificacións- que faga pagar ás grandes Corporacións no canto dos grupos empresariais de mediana fasquía ou unha redución substancial das cotizacións sociais para o emprego creado e mantido por pemes. Mentres, o euro artificialmente aprezado lastra o turismo e as exportacións, que poderían ser pancas de recuperación nesta (i) lóxica da deflacción interna (salarios e rendementos  máis baixos).

"Os parados esgotan a prestación e camiñan cara a exclusión social, sen que o sistema público de benestar lles dea abeiro"

A política da restrición agrava o ciclo recesivo. Detrae recursos públicos e privados para atender a débeda e sanear a banca e liquida o benestar social, a economía produtiva e ás clases medias, mentres instaura a exclusión social. A política da restrición pon en grave risco a convivencia democrática.       

Comentarios