Opinión

A derradeira oportunidade

Nestas semanas estamos vendo o que sucede con Pescanova e con Barreras:no diagnóstico explicativo das dificultades polas que atravesan estas empresas ocupa un lugar destacado a dependencia financeira contraída coas institucións que dirixían Méndez e Gayoso. A toma da maioría do capital de Barreras por Pemex sinala o camiño do futuro probábel de Pescanova: un cambio na propiedade da multinacional que desprace definitivamente o centro de decisión que ate agora se atopaba en territorio galego.

O comezo das actividades da “Comisión de Investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas Caixas de Aforro e as causas e responsabilidades da súa actual situación” constitúe a derradeira oportunidade para establecer un relato solvente e críbel na sede da máxima representación institucional da sociedade galega sobre a historia recente dunhas entidades que foron pezas básicas do sistema financeiro vixente nas últimas décadas. Á marxe do Parlamento, só fican dous ámbitos para seguir tirando do fío:o xudicial e os libros de historia. No primeiro, as cousas van coa lentitude tradicional e con algunhas ausencias –J.L. Méndez, por exemplo- que resultan inadmisíbeis do punto de vista dun sistema democrático avanzado. E, como é sabido, as análises históricas precisan dispor dunha perspectiva temporal que non se compadece coas urxencias que reclama, con razón, unha opinión pública escandalizada e indignada con todos os episodios protagonizados polos directivos financeiros. 

"No diagnóstico explicativo das dificultades polas que atravesan Pescanova e Barreras ocupa un lugar destacado a dependencia financeira contraída coas institucións que dirixían Méndez e Gayoso".

A desaparición de Caixa Galicia e Caixanova orixinou un volume importante de persoas damnificadas, con nomes e apelidos:as que perderon os seus postos de traballo nesas entidades; as que subscribiron –con desinformación ou engano- os produtos financeiros tóxicos comercializados polos directivos das Caixas e as que, percibindo recursos procedentes da obra benéfico- social, padecen a incertidume derivada do previsíbel remate da mesma.Alén destas vítimas concretas, existe un evidente impacto negativo no tecido económico que ten graves consecuencias nas condicións de vida de moitos cidadán do noso País.Nestas semanas estamos vendo o que sucede con Pescanova e con Barreras:no diagnóstico explicativo das dificultades polas que atravesan estas empresas ocupa un lugar destacado a dependencia financeira contraída coas institucións que dirixían Méndez e Gayoso. A toma da maioría do capital de Barreras por Pemex sinala o camiño do futuro probábel de Pescanova: un cambio na propiedade da multinacional que desprace definitivamente o centro de decisión que ate agora se atopaba en territorio galego.

As persoas chamadas a declarar na Comisión parlamentaria deben facilitar toda a información que posúen.Non son de recibo actitudes como as de Fernández Gayoso no Congreso dos deputados:utilizar a coartada da súa condición de imputado xudicial para non respostar ás preguntas que se lle formulan.A comparecencia de J.L. Méndez será, tamén, unha proba do nove para xulgar o resultado da investigación na Cámara do Hórreo.

"A morte das Caixas galegas non pode ser despachada cun trámite burocrático. Despois de todo o sucedido nos últimos meses, a opinión pública non merece sufrir mais enganos"

Hai moitas incógnitas que agardan ver a luz nas vindeiras semanas.Unha das mais relevantes fai referencia á situación comparativa de ambas Caixas antes do proceso de fusión.O principal argumento esgrimido polos sectores políticos e mediáticos contrarios á formación de Novacaixagalicia foi a suposta asimetría entre unha Caixa saneada e solvente –a que dirixía Gayoso- e outra gravemente desequilibrada –a xestionada pola equipa de Méndez.Conectado con este asunto, hai episodios que deben ser clarexados:o contido da auditoría elaborada pola consultora KPGM e o papel desempeñado polas autoridades do Banco de España e a CNMV.Por último – e non o menos importante- deberán dilucidarse as responsabilidades contraídas polas autoridades da Xunta, encargadas da tutela legal desas entidades financeiras.

Mais vale tarde que nunca. A morte das Caixas galegas non pode ser despachada cun trámite burocrático. Despois de todo o sucedido nos últimos meses, a opinión pública non merece sufrir mais enganos e tampouco semella querer aturar espectáculos de retórica partidista.

Xesús Veiga

Comentarios