Opinión

A de sempre

O día 1 de xullo fixemos, como é frecuente en domingo, a nosa viaxe en tren de Ferrol a Pontedeume e viceversa. Xa de volta, camiño da casa, sobre as 19.

O día 1 de xullo fixemos, como é frecuente en domingo, a nosa viaxe en tren de Ferrol a Pontedeume e viceversa. Xa de volta, camiño da casa, sobre as 19.30 horas, a carón da actual sede da Sociedade Galega de Historia Natural, escoitei como, desde un coche vermello, unha voz energúmena tronaba “la de siempre!!”, mentres intentaba axitar pola fiestra un farrapo “rojo y gualda”, estrullado na man, e engadía, “con águila!!”. O coñecido e amigo destinatario, tamén maior, desde a beirarrúa, co can a pasear, animaba, con sorriso orxiástico e un petulante “si,si!!” de sobrado, a alegría macarena...Estaban felices. Ostentaban, con arrogancia e fachenda a súa identificación cun imperio decadente, tal e como adoita expresarse en versión parafascista. Imos indo, díxenlle a Xavieriño, o meu sobriño e acompañante...

Ao levalo para a súa casa en Doniños, albisquei desde o carro como algúns rapaces e rapazas se dirixían, cubertos pola “roja”, ás veces con touro negro incluído, cara ao recinto feiral da Malata. Alí foran convocados para a éxtase etílica e o orgasmo pasmón, consoantes co sublime patriotismo que provocan as cambadelas da equipa española e, sobre todo, a súa maxia redentora, “roja y gualda”, de gañadores moi ben pagados...Con tristura, en silencio, non puiden deixar de cavilar no que lle debía Galiza, a maioría dos galegos e galegas, a todo o que esa bandeira simboliza. Comezaron a desfilar no meu maxín milleiros de emigrantes por todas as partes do mundo, ás veces convertidos nunha caricatura, precisamente por vérense impulsados a exercer unha españolidade da que son as primeiras vítimas. Sentín a falta de autoestima inoculada para asimilarnos, como acomplexados, a unha condición nacional e cultural que non é a nosa orixinaria. Rechioume a galegofobia acumulada, sempre a aboiar, que lembra a ridiculización e o desprezo por sermos diferentes e dominados. Abafoume a perda, por roubo e ocultación, da nosa memoria histórica para mellor escravizarnos. Feriume o abandono da nosa lingua como peaxe para non se sabe que promoción e participación na idea de España unha e grande. Asustoume a perseverante destrución da nosa base económica e o desprezo e anulación de todas as súas potencialidades...A miña cabeza era un trebón. Tiven medo de me marear perante a visión amoreada que me provocara o espectáculo de “la roja” . Non era só a consecuencia emocional nun galego de nación consciente, senón a racionalidade analítica, as leccións da nosa historia como pobo, as que denunciaban a impostura. Non me vou referir á prevención lóxica contra “la roja” por parte dos que viviron e sufriron o alzamento militar de 1936 e o réxime conseguinte: asasinatos, tortura, desterro, exilio, persecución, cárcere...Todo en nome de España e de Deus, mentres enarboraban “la roja y gualda”...

Non era só a consecuencia emocional nun galego de nación consciente, senón a racionalidade analítica, as leccións da nosa historia como pobo, as que denunciaban a impostura


A maioría da mocidade galega descoñece que esa bandeira foi establecida por un goberno español monárquico, que se autodenominaba progresista en outubro de 1843, como estandarte para todos os corpos do exército, armada e milicia nacional, copiando a que xa fora imposta por Carlos III á Mariña española a fins do século XVIII. É, pois, unha bandeira militar, monárquica, creada por un Borbón e convertida en “nacional”, estatal (española) por unha Raíña da mesma familia, Isabel II, para un Estado confesional, centralista e reaccionario. Desde entón, representou un poder oligárquico, católico, castelanista ou españolista, represivo e, en ocasións, golpista. O esforzo gobernativo, mediático, das grandes empresas financeiras e comerciais por popularizala e premer, especialmente a mocidade, a se identificar con ela, usando perversamente todo o aparato futbolístico, non é inxenuo nin neutro. Alén do seu papel de narcótico, moi proveitoso en tempos de crise, persegue a españolización, a anulación, no noso caso aínda máis, da nosa condición de galegos e galegas, nada menos que a través dunha identificación, asimilación, puramente compensatoria, cunha idea, cun poder, que aínda enriba nin nos protexe nin nos ampara nin nos representa nin nos considera.

Porén, a verdade é que a presión infernal a prol da “roja” (que redución interesada e perversa!!!) consegue de momento apampar máis. Mais non tanto como para anular a dura realidade, da que intentan que os prexudicados non tiren consecuencias prácticas para defenderse. Nesta ocasión, a desmoralización, o escepticismo e o espírito crítico, en base a experiencia cotiá, xa construíron barreiras, defensas contra tanto afán por cretinizar. A distancia emocional, malia tanta orquestración e abafante insistencia, caracterizou afortunadamente unha parte importante do corpo social premido, polo menos aquí...

Mais quédame un dato curioso. Cando regresaba a Canido, após deixar Xavieriño na súa casa, vin tamén camiño do recinto feiral, de forma inesperada e con sorpresa incrédula, que un mozo enxoito, acompañado dunha moza coa “roja”, cubría as súas costas cunha tricolor: “roja”, “gualda” e “morada”...Pensei: este manifesta a súa discrepancia, pero se identifica coa españolidade. A monárquica ou franquista, non; a republicana, si, parecía proclamar o contestatario entusiasta da equipa española. Seguramente, o atrevido mozo descoñece que o morado engadido é, nada menos, que o símbolo do pendón de Castela, como recoñecen todos os republicanos españois ben informados porque, ao cabo, segundo eles, é a “región base de la nacionalidad” (Pedro Rico, alcalde republicano de Madrid entre 1931-1936, “Roja, amarilla y morada”, en España Republicana, Buenos Aires, 30 de maio, 1950). Aquel mozo, queréndoo ou non, partillaba, mesmo desde a súa discrepancia, do entusiasmo españolista...

Esta impostura, a do entusiasmo españolista, é precisamente aguilloada por todos aqueles poderes que teñen levado o pobo galego, en particular a mocidade galega, a unha situación crítica, sen horizonte de futuro, cun destino orientado cara a emigración, o paro, o empobrecemento, a perda de conciencia colectiva...Efectivamente “la roja”, por máis maquillaxe que usen e contrabando a que se preste, é a de sempre, desde que existe o Estado español, e ao servizo dos de sempre...

Comentarios