Opinión

A cuestión nacional entra no debate da crise

Sempre coidei, por actitude persoal e formación política, que cada nación ten que percorrer o seu propio camiño para avanzar na liberación das clases populares. Toda copia sempre dá pobres ou negativos resultados. Agora ben, sen dúbida é un aporte analizar outras experiencias, aprender dos seus acertos e erros, gañando así tempo e evitando aprendizaxes innecesarios da propia práctica.

Sempre coidei, por actitude persoal e formación política, que cada nación ten que percorrer o seu propio camiño para avanzar na liberación das clases populares. Toda copia sempre dá pobres ou negativos resultados. Agora ben, sen dúbida é un aporte analizar outras experiencias, aprender dos seus acertos e erros, gañando así tempo e evitando aprendizaxes innecesarios da propia práctica. Ademais, non podemos ignorar, que estamos inseridos nun contexto político, económico e social mundial, que condiciona calquera mudanza que afecte os intereses das clases dominantes. Cada vez os países están máis inter-relacionados, polo que todo cambio negativo ou positivo na correlación de forzas, especialmente do noso ámbito xeográfico, incide sobre o proceso político na Galiza.

Fixen esta consideración previa, porque se están producindo cambios significativos na situación de Cataluña e Euskadi. Dous países que son ollados moi de preto nunha parte da sociedade galega, a máis politizada, polo que, aínda que o PP pretenda evitalo, aproveitando o seu control sobre os medios de comunicación, estes cambios alentarán a loita política en Galiza e outras partes do Estado. Contribúe o seu tamén que os principais partidos sistémicos (PP e PSOE) son refractarios a calquera suavización das contradicións e os conservadores están impoñendo mecanicamente medidas moi regresivas.

Todo indica que as eleccións autonómicas en Euskadi, que coinciden en data coas galegas, abren as portas a que o nacionalismo goberne de novo, despois dunha lexislatura que se destacou por un ataque sistemático aos temas identitarios, imposición das políticas neoliberais e incapacidade para evitar a sangría do desemprego. Ademais, desta volta o nacionalismo de esquerdas (EH Bildu) terá unha forte presenza institucional, e xa non pode ser utilizado alí e no resto das nacionalidades do Estado para demonizar a loita pola soberanía.

En Cataluña, o goberno “nacionalista” de CIU non fai políticas económicas e sociais moi diferentes das do PP, porén a inmensa mobilización popular da Diada marca un antes e un despois nas reivindicacións soberanistas, empurrando CIU a posturas que serían impensábeis hai uns meses (manteranse o discurso de Mas?...). Evidentemente esta inmensa mobilización popular tamén terá consecuencias nas reivindicacións sociais e fortalece a fenda social con CIU, que este partido quere evitar coa utilización dun discurso nacionalista. Serán capaces de recoller os partidos soberanistas este avance da conciencia nacional?...

"A Diada marca un antes e un despois nas reivindicacións soberanistas, empurrando CIU a posturas que serían impensábeis hai uns meses"

O Goberno de Rajoy, ademais de lidiar co reaxuste (a chamada crise), que provoca unha enxurrada de desemprego e pobreza, agudizada polas súas políticas neoliberais ao servizo do gran capital, estará ademais agora moi condicionado polo novo escenario político en Cataluña e Euskadi. A cuestión da soberanía das nacións dependentes do Estado español abre unha nova fronte no debate sobre o axuste económico e social que debe pagar cada territorio. Teñamos en consideración que o conflito entre potencias e territorios dáse a varios niveis: a nivel mundial, dentro da propia UE, e no interior de cada estado con medidas que afectan ás clases populares e ás rexións e países dependentes.


Resulta evidente que se está acelerando unha concentración da riqueza na burguesía e unha centralización nos territorios con máis poder político e riqueza, en detrimento daqueles países máis débiles ou con gobernos que optan por políticas de submisión, como na Galiza. O desmantelamento de sectores estratéxicos como lácteo, naval, financeiro, pesca e conserva, ou a decisión de impedir o desenvolvemento doutros, como o enerxético, son exemplo de como se aproveita a chamada crise para favorecer a uns territorios e debilitar outros. O rexeitamento en Cataluña e Euskadi non é polo tanto unha casualidade senón consecuencia directa do acrecentamento das contradicións coas políticas imperialistas (globalización neoliberal), aínda que a súa situación sexa menos negativa que a nosa.

Por certo, a agudización da contradición nacional, descolocou a forzas como ICV que, aínda tendo unha organización con base en Cataluña, manteñen unha estreita alianza con Izquierda Unida e EQUO no Estado español. O seu secretario xeral dicía que para exercer o dereito de autodeterminación (no senso de homologalo a soberanía) que era necesario que un 70% ou 80% dos cataláns votaran a prol. Unha postura que evidencia que na práctica ponlle tantas pegas ao seu exercicio como os partidos españolistas cando se trata de facer efectivo un dereito fundamental. Esta afirmación de Joan Herrera amosa como se entende por algúns partidos o dereito de autodeterminación. É bo telo en consideración cando hai quen, reclamándose nacionalista exemplar despois fai alianzas do máis éstrano no noso país.

No ámbito económico e social o reaxuste entra nunha nova fase, na que se pretende rebaixar aínda moito máis a participación das clases subordinadas na renda (degradando condicións de vida e aumentando o esforzo laboral e cunha distribución territorial do PNB máis desigual). Un reaxuste que abrangue non só aspectos económicos e sociais, senón ademais culturais, de formación e información, e todo aquilo que permita un maior control das clases populares e dos países dependentes. Cataluña e Euskadi poñen en primeiro plano a contradición nacional, que asemade, vólvoo repetir, é a que neste intre tensa a situación na Unión Europea e no contexto internacional. Na Galiza ambas contradicións están fondamente unidas e hai que tratalas a un tempo e coa mesma importancia, tanto porque un 85% da masa laboral son asalariados/as, como polo feito de ser a inmensa maioría das persoas afectadas pola opresión nacional.

"O reaxuste entra nunha nova fase, na que se pretende rebaixar aínda moito máis a participación das clases subordinadas na renda"

A medida que aumente a tensión entre o Goberno central e os de Cataluña e Euskadi o debate sobre a cuestión nacional será máis vivo. Esta polémica, como noutros momentos da historia recente, non estará en función dos nosos ritmos, mais temos que dala conseguindo neutralizar os falsos argumentos do reseso centralismo imperial, gañar os sectores máis avanzados e convencer aos intermedios e acumular novas forzas. Isto é fundamental para o proceso de liberación das clases populares. Trátase dunha batalla política que vai para alén das vindeiras eleccións autonómicas, porén a súa primeira fase darase durante este proceso electoral.

Neste sentido considero un acerto e unha demostración práctica de firmeza e coherencia que Jorquera e o BNG afirmaran axiña e con toda claridade, ao fío das análises da Diada polos medios, que “fronte á brutal recentralización que está a practicar o Goberno de Rajoy, co visto bo do Presidente da Xunta, Catalunya e Euskadi avanzan cara á soberanía nacional como puidemos ver onte nas rúas de Barcelona. É o turno de Galiza, tócalle ao noso país dar un paso cara adiante porque o 21 de Outubro nos xogamos moito (...) é hora de reforzar e ampliar o autogoberno co obxectivo de adoptar políticas para unha saída xusta á crise. Un pobo precisa controlar a súa economía para poder poñela ao servizo dos seus habitantes. A crise estanos a dar unha lección que non podemos esquecer: a falla de soberanía leva a menos democracia e a que Galiza estea en máns de desaprensivos que dirixen a miles de quilómetros”. Así se fala.