Opinión

A corrupción como metástase da privatización

O balbordo cínico ao redor dos casos de corrupción que desde hai moito tempo desprazaron neste país o debate serio sobre as políticas e as alternativas políticas volve ocupar a escena da campaña electoral do 21-O.

O balbordo cínico ao redor dos casos de corrupción que desde hai moito tempo desprazaron neste país o debate serio sobre as políticas e as alternativas políticas volve ocupar a escena da campaña electoral do 21-O. Teño a sensación de que vivimos tempos tipicamente perversos, non só por descubrir a cada paso máis e máis casos de corrupción senón pola convición cada vez máis clara da selectividade dos casos destapados, da moralina hipócrita que os rodea, da pantalla que se pon para ocultar a verdadeira e grande corrupción e do uso cínico dunha enxurrada de casos para destruír a confianza no público, na política e na democracia. Curiosamente, a proverbial corrupción da lugar a todo tipo de tirapuxas partidarias, enche páxinas e páxinas de xornais ou programas de radio ou TV con todo tipo de discursos seudo-morais pero rara vez para denunciar as causas e raíces estruturais da corrupción e, menos aínda, propostas consistentes para erradicala, para remudar as causas que a xeran na escala en que a padecemos. Máis alá da culpabilización individual, da moralina etérea e das apelacións a un comportamento ético dos individuos, compre poñer o dedo na chaga.

O dedo hai que poñelo nun modelo económico asentado na sublimación do beneficio e o enriquecemento rápido e, sobre todo, na conversión do orzamento público na teta para milleiros e milleiros de empresas que se nutren de contratos e obras públicas, de contratas e subcontratas de servizos públicos, nas compras públicas de bens e servizos. En definitiva, a aposta neoliberal por desmantelar o público, privatizando directa ou indirectamente todas as súas funcións crea as condicións para que a corrupción se instale no interface entre ese sector público e toda esa miríade de empresas, negociantes e conseguidores que van instalarse nos intersticios desa membrana que liga o público e o privado. Influír e capturar as vontades do decisores públicos ou mesmo controlar directamente ou por intermediarios os procesos de decisión acabou por converterse na peza clave da estratexia de todos os cazadores de rendas e negocios rendíbeis e seguros. A corrupción sempre existiu pero a súa proliferación e alcance vai en relación directa coas oportunidades e a magnitude dos negocios en xogo.

"A aposta neoliberal por desmantelar o público, privatizando directa ou indirectamente todas as súas funcións crea as condicións para que a corrupción se instale"


Compre dicir, para os que descoñecen o seu funcionamento, que no interior do sector público a crecente regulamentación, control e intervención conseguiron erradicar grande parte da corrupción posible dentro da propia xestión pública, de xeito que é moi difícil facer apropiacións indebidas de recurso públicos movéndose no interior da propia administración. Pero, pola contra, a crecente desregulamentación, privatización, externalización e subcontración das actividades e dos servizos públicos foi multiplicando a interacción entre o público e a actividade empresarial privada. Agora non son só as axudas e subvencións a privados senón todo ese inmenso fluxo de contratos directos coas empresas industriais e, sobre todo, de obras e servizos que hoxe moven unha grande parte do PIB dun país, como o noso caso. E cando sinalamos isto non pensamos só nas múltiples actividades que son responsabilidade das administracións locais (augas, saneamento, lixo, xardíns, mantenimento das rúas e outras infraestuturas, aparcadoiros, centros escolares, centros sociais, deportivos, museos, etc etc) senón tamén –e sobre todo- as grandes compras públicas –militar, naval, aviación, medicamentos, grandes infraestruturas, etc- ou a regulación de tarifas e condicións de operación dos grandes monopolios naturais (electricidade, telefonía, espazo radioeléctrico/radio/TV, aviacións, transporte férreo, marítimo, etc. Que dúbida cabe que a xestión de todas esas actividades é complexa e difícil, como se encargan de pregoar os adalides neoliberais; pero é-o tanto se iso se fai desde o sector público como desde o privado. O que si está claro é que cando se organiza con criterios e regulación pública as posibilidades e magnitude da corrupción son infinitamente menores que cando todo iso se organiza a través de miles e miles de contratos con empresas privadas, que se sacan a concurso ou se negocian cada ano ou cada x tempo.

O problema máis preocupante é que cando iso se converte no modus operandi normal as empresas clientes acaban creando os entramados que lles permiten maximizar o número de contratos e os marxes nas operacións. Máis aínda, co tempo acaban “empotrando” os seus propios axentes dentro da propia administración ou entre os propios representantes políticos, nas consellerías, nos ministerios, etc. A consabidas “portas xiratorias” son un escándalo que nin a complicidade mediatica é quen de ocultalo. Os casos de Morenés e os seus subordinados en Defensa, os altos cargos de industria ligados ás eléctricas, o papel de De Guindos como enviado da gran banca, o conselleiro de Infraestruturas, os altos cargos de sanidade, etc son só mostras dunha multitude de casos que reflicten como os grandes lobby’s teñen perfectamente “controlada” a súa area de interese por xente de estricta confianza dentro dos grandes partidos do poder como poden ser o PP ou o PSOE.

Polo tanto, compre resaltar con total rotundidade que o modelo económico impulsado polo neoliberalismo é o principal caldo de cultivo para a extensión e multiplicación da corrupción. Obviamente, non é que se invente co neoliberalismo pero si crea as condicións estruturais para a súa extensión, multiplicando as oportunidades –que finalmente acaban materializándose- e converténdoa nunha lacra que contamina toda a acción do sector público, trasladando a lóxica do interese descarnado que impera na órbita privada á propia actividade pública, conducindo a que todos os desaprensivos cazadores de rendas actúen en campo aberto guiados polos seus intereses persoais en detrimento dos colectivos.

Pero o máis insidioso e repugnante é que iso degrada cada vez máis a calidade da democracia e, peor aínda, esa realidade podre que indigna a cidadanía é utilizada con total habelencia polos propios neoliberais para sementar –e en parte conseguir- a desafección dos cidadáns honrados con respecto á política. A xogada é redonda porque por esa vía conseguen controlar e apropiarse das institucións con máis facilidade e manexar con total impunidade as súas estruturas e recursos.

Privatización, corrupción e crise da democracia son tres patas dun mesmo problema cuxa superación require derrotar o neoliberal-conservadurismo que hoxe por hoxe domina a escena política no noso país, no estado español e en Europa.

Comentarios